Catro razóns polas que o matemático Rodríguez (1770-1824), o "paseante da luz", merece recoñecemento

Busco do matemático Rodríguez en Bermés © Xosé A. Fraga

“A mediados del último verano he abandonado la Sajonia, con ánimo de ver otros establecimientos de la Alemania y de venir a pasar el invierno a esta célebre universidad de Gotinga” (carta de Rodríguez, 1 de febreiro de 1817) 

 

Non foi o primeiro científico galego e é difícil afirmar se o máis importante, porque resulta dabondo complicado comparar autores de períodos moi diferentes. Porén, sen dúbida é a figura científica máis destacada da súa xeración, mesmo o sobranceiro que deu Galicia na primeira metade do século XIX, e está, polo tanto, entre os máis eminentes da nosa historia

En 1770 naceu Joseph Pedro Rodríguez González en Bermés, parroquia de Lalín, comarca do Deza. Fillo de Francisca e Ambrosio, primeiro de sete irmáns nunha familia labrega que abonaba –como o resto dos veciños– unha renda á condesa de Lemos (residente en Madrid), pois aquelas terras formaban parte do seu señorío. Tamén pagaba á Coroa rendas xerais e provinciais e á Igrexa por diversos conceptos; entre eles unha cantidade ao convento de San Martiño de Santiago polo aluguer anual do muiño que utilizaban e –xunto cos veciños– pola produción da terra, o décimo, primicia e oblata aos cregos da parroquia (os, aproximadamente, 270 habitantes mantiñan a seis!) e o correspondente polo voto de Santiago Apóstolo. A todo iso debemos sumar o pago da “luctuosa”, un imposto medieval abonado polos oficios funerarios. Estábamos no Antigo Réxime, habería que agardar a que as Cortes de Cádiz (1812) remataran, momentaneamente, cos señoríos territoriais e xurisdicionais, voto de Santiago e a “luctuosa”.

Nese mundo imaxinamos ao pequeno Xosé sentado no muiño familiar, observando ao seu avó Ignacio moer o grao, escoitándoo absorto contar as incidencias que vivira nas súas viaxes como arrieiro. O vello agricultor falaríalle das aventuras que lle aconteceran polos camiños que o levaban catro veces ao ano ao Ribeiro, un territorio non moi distante do cotián, pero diferente. Percibiría que existía un mundo fóra do familiar e a exploralo dedicaría o pequeno gran parte da súa vida. Porén naquel momento o seu futuro ficaba ben distante desa posibilidade e era totalmente previsible, sería o de todos os rapaces da parroquia: o traballo agrícola para subsistir e pagar a condes, Coroa e Igrexa. A única circunstancia excepcional que permitía alterar ese destino secular era acceder ao Seminario, facerse crego, e –chegado o caso– atopar protectores con recursos naquela sociedade estamental para ascender na xerarquía eclesiástica. O neno Rodríguez dispuña dunha calidade que o convertía en candidato axeitado: o seu salientable intelecto. 

Aquel rapaz que comezaba a soñar con coñecer novas terras e persoas, a quen hoxe coñecemos como “o matemático Rodríguez”, vén de ser escollido pola Real Academia de Ciencias de Galicia –xa era hora– como “científico galego do ano”. Non está soterrado no Panteón de Galegos Ilustres, onde xace, merecidamente, o seu discípulo Domingo Fontán, porque, entre outras razóns, os seus restos estaban extraviados. Mesmo, nunha esperpéntica circunstancia, o busto de pedra que o lembraba no lugar natal desde 1989 correspondía ao rostro doutra persoa. Son síntomas dunha realidade: este científico é moi descoñecido. Se cadra tampouco axudou que tivera un nome e apelidos comúns e, desde logo, a falta de atención á cultura científica. 

Non foi o primeiro científico galego e é difícil afirmar se o máis importante, porque resulta dabondo complicado comparar autores de períodos moi diferentes. Porén, sen dúbida é a figura científica máis destacada da súa xeración, mesmo o sobranceiro que deu Galicia na primeira metade do século XIX, e está, polo tanto, entre os máis eminentes da nosa historia. Xa que logo hai moito que celebrar este 2024, douscentos anos despois da súa morte en tempos escuros. Nese sentido, para contribuír a esa conmemoración terá lugar o 13 de xuño no Centro de Extensión Universitaria e Divulgación de Galicia (Ceida) a Xornada “Medir territorio e a forma do planeta da man do matemático Xosé Rodríguez, científico e cidadán” organizada polo Ceida, a Universidade da Coruña (UDC) e o Instituto José Cornide de Estudos Coruñeses. 

Vitor na Facultade de Matemáticas dedicado a José Rodríguez © RAGC

Cátedra e relacións iniciais

A biografía de Rodríguez é densa e ilustrativa dunha época de cambios. Neste artigo só imos explicar, de xeito sintético, as catro razóns que fan del unha figura excepcional na historia da ciencia en Galicia, e polo tanto da cultura, e con proxección no ámbito español e europeo

O apoio da familia permitiu que, cuns dez anos, Xosé Rodríguez fose estudar ao Seminario de Monforte. En 1786, cando tiña dezaseis anos de idade trasladouse a Santiago, onde acadou, en 1790, o grado de Bacharel en Filosofía e cinco anos despois, en 1795, o de Teoloxía, aínda que renunciou aos votos sacerdotais. O seu obxectivo era a ciencia, en concreto as matemáticas. 

Se sempre unha persoa de familia humilde debe superar atrancos para acceder a unha formación superior, naqueles tempos do Antigo Réxime, dunha sociedade na que a desigualdade era un elemento central da orde establecida e dos valores impostos, as dificultades eran enormes. Para acadalo Rodríguez gozou de destacadas e indispensables axudas. Entre os impulsores da “Sociedad Económica de Amigos del País” atoparía o amparo continuado dunha poderosa familia de orixe no Deza, os Taboada, inicialmente de Benito Gil Taboada e despois dos seus fillos e parentes. Tamén, ata 1806, ano da súa morte, de Pedro Antonio Sánchez, catedrático, cóengo e director biblioteca arcebispal, quen actuou como guía e director intelectual dun grupo de mozos inquietos no que salientaba o futuro matemático. Quen, ademais, soubo buscar por conta propia apoios novos e importantes entre o círculo do poder para os seus proxectos. 

Ademais, o de Bermés estableceu nos seus anos compostelás unha fraternal amizade, que sería permanente e relevante na súa traxectoria, con tres persoas. Todas de similar ideoloxía liberal, que naquel momento era anti-sistema, pois cuestionaban o modelo político e social: Pedro Sánchez Boado, Joaquín Fondevila Vaamonde e Julián Suárez Freire. 

Rodríguez acadou en 1800 á cátedra de Matemáticas da universidade compostelá por decisión dun tribunal formado por Francisco Roldán (enxeñeiro hidráulico), José Alonso López (terceiro profesor de Matemáticas da Academia de Gardas Mariñas ferrolán) e Francisco Esteban Yebra (primeiro profesor de Matemáticas da Escola de Náutica do Consulado coruñés). O acceso á cátedra non foi sinxelo e no proceso converxeron, como en moitos episodios da vida do matemático, a súa excepcional valía e axudas externas.

Contribucións en tempos de cambios

Para entender a relevancia do seu labor intelectual cómpre reparar no perfil habitual dos seus colegas, dos catedráticos universitarios galegos e españoles coetáneos

A biografía de Rodríguez é densa e ilustrativa dunha época de cambios. Neste artigo só imos explicar, de xeito sintético, as catro razóns que fan del unha figura excepcional na historia da ciencia en Galicia, e polo tanto da cultura, e con proxección no ámbito español e europeo. Previamente quixera subliñar que para entender a relevancia do seu labor intelectual cómpre reparar no perfil habitual dos seus colegas, dos catedráticos universitarios galegos e españoles coetáneos. Persoas que, en xeral, non realizaban investigacións nin publicacións con contribucións propias, exercendo –en moitos casos– un ensino anacrónico, carente de contraste coa práctica e sometido á hexemonía ideolóxica da Igrexa. Docentes que permanecían toda a súa vida profesional no mesmo centro universitario (onde estudaran, facían o doutorado e exercían a docencia ata a xubilación), sen realizar ningún tipo de estadía noutras institucións e/ou países e que permanecían afastados das novidades.

Comezo do expediente da oposición á cátedra de Santiago © Arquivo histórico da USC

A extraordinaria formación, as importantes relacións e o coñecemento de salientables institucións científicas 

A formación inicial de Rodríguez tivo lugar na universidade de orixe, a compostelá. Alí recibiu leccións de Matemáticas de Luis Marcelino Pereira e aprendeu de xeito autodidacta na lectura das obras de Isaac Newton, Leonard Euler e Jean D’Alembert. De Santiago partiu en 1803 cara á súa primeira estadía, en París, capital científica do mundo nese tempo. Comezaba así o percorrido por algunhas das principais institucións científicas do momento, que supuxo o coñecemento de salientables especialistas da época. Non existe comparación posible cos colegas galegos do período e só moi poucos do ámbito español poderían equipararse. 

A París acudiu para mellorar, ata 1806, a formación en Matemáticas e Astronomía en dúas relevantes institucións, o Collège de France e o Bureau des Longitudes

A París acudiu para mellorar, ata 1806, a formación en Matemáticas e Astronomía en dúas relevantes institucións, o Collège de France e o Bureau des Longitudes. Na capital estableceu relación, entre outros, con Jean Baptiste Biot, Alexis Bouvard e François Aragó. Outro destino no seu proceso formativo foi Londres. En novembro de 1809, en plena invasión francesa, solicitou unha comisión de seis meses en Inglaterra para “examinar y perfeccionarse en los Establecimientos Astronómicos desta (sic) Nación”. En terras inglesas permaneceu, non de xeito continuo, ata a primavera de 1812 e semella que traballou no prestixioso Ordnance Survey, axencia cartográfica oficial do Reino Unido. O seu principal valedor foi José Mendoza Ríos, mariño español de gran prestixio científico, quen lle facilitou o contacto coa Royal Society, unha entidade de relevancia mundial que nese tempo presidía Joseph Banks. 

Entre 1812 e 1814 veuse obrigado a volver a exercer a docencia na súa cátedra compostelá, mais en setembro dese ano solicitou unha comisión para ir a estudar Mineraloxía. Un cambio no seu perfil científico que supuña, ademais, viaxar a Alemaña sen coñecer o idioma, o que –loxicamente– limitou, a aprendizaxe. En todo caso, Rodríguez acudiu á Academia de Minas de Freiburg, unha institución dirixida por Abraham Werner, principal referencia na materia a nivel mundial. Alí viviría, supoñemos que ben preocupado, o fracasado levantamento liberal de Porlier, no que o seu íntimo amigo, Pedro Boado, xogaba un papel relevante. 

No verán de 1816 o matemático deixou Freiberg e marchou para a “célebre universidad de Gotinga”, importante centro de educación superior no que salientaba o eminente matemático Friedrich Gauss, director do Observatorio, con quen estableceu contacto. Nesa cidade alemá coñecería a Pál Tittel, astrónomo húngaro que tamén estaba estudando con Gauss e con quen Rodríguez mantería unha relación de amizade que continuaría na seguinte estadía de ambos en París. O de Bermés abandonou Gotinga a finales de marzo de 1817 e marchou para a capital francesa. En París continuou relacionándose cos salientables científicos que xa coñecera no seu paso previo e con Charles-Louis Étienne Bachelier, un importante impresor de libros de matemáticas, e Jean-Nicolas Fortin, destacado construtor de instrumentos científicos. Ademais, as relacións que estableceu nesa estadía con dúas persoas de grande influencia no círculo gobernamental español semella que lle foron ben proveitosas nun futuro inmediato, como veremos. Falamos do betanceiro Jacobo María de Parga, destinado en París como comisario da Comisión de Reclamacións polo espolio da invasión napoleónica, e Manuel González Salmón, primeiro secretario da embaixada española.

A fins de maio de 1818 deixou París, pois o Goberno español lle concedera seis meses de pensión para “viajar y examinar las escuelas y establecimientos de aplicación de los diversos ramos de mineralogía a las artes, manufacturas y minería en Francia y otros paises inmediatos”. Sabemos, polas cartas que remitiu a Suárez Freire, que estivo en Roma, onde dicía que seguía a súa “instrucción”. Formación permanente, diríamos, pois Rodríguez pasou dos case vinte anos de catedrático tres cuartas partes en estadías no estranxeiro. Un gran afán formativo e, tamén –coidamos– unha especial motivación persoal que os datos coñecidos non nos permiten valorar. 

Os proxectos relevantes nos que participou e a valiosa produción

En 1806 abríuselle un novo mundo de coñecemento, relacións e posibilidades pois foi nomeado polo goberno de España comisario das operacións para a medición do Meridiano de Dunkerque a Barcelona

En 1806 abríuselle un novo mundo de coñecemento, relacións e posibilidades pois foi nomeado polo goberno de España comisario das operacións para a medición do Meridiano de Dunkerque a Barcelona. A Academia de Ciencias de París decidira en 1791 a creación dun patrón único de medida baseado na natureza. Definiu o metro como a dez millonésima parte da distancia desde o Ecuador ata o Polo Norte ou Sur. Nese contexto a Academia encargou a realización dunha expedición dirixida por Jean Baptiste Joseph Delambre e Pierre Méchain (entre 1792 e 1799) para medir coa máxima precisión a distancia entre un campanario en Dunkerque e o castelo de Montjuic en Barcelona, que serviría de base para determinar a lonxitude do arco meridiano que vai do Ecuador ao Polo Norte. Falamos dunha realización científica de enorme relevancia, importante para a definición do sistema métrico decimal mais tamén para o coñecemento da forma da Terra (Xeodesia). 

En 1806 o labor foi retomado por Jean-Baptiste Biot e François Aragó co obxectivo de continuar a medición ata as illas Baleares. Os comisionados utilizaron como técnica a triangulación xeodésica, a elaboración dunha cadea de triángulos que tería como vértices (estacións xeodésicas) puntos montañosos localizados arredor da liña do meridiano. Como afectaba ao territorio español, o Bureau des Longitudes solicitou ao Goberno que adscribira a dous especialistas locais para traballar cos franceses, José Chaix Isnail e José Rodríguez González, o que foi aceptado. A elección de Rodríguez debeu obedecer á formación que adquirira nas institucións francesas, as relación establecidas con científicos como Biot e o apoio dun Taboada, neste caso Francisco Gil Taboada e Lemos, irmán de Benito, que exercía de ministro de Mariña, departamento que se ocupaba das expedicións científicas. 

O traballo rematou en 1808, en plena invasión francesa. Chaix morreu en setembro de 1809 e Rodríguez redactou a memoria da experiencia, que entregou ás autoridades españolas en novembro, a “Exposición de todas las Observaciones, Cálculos y resultados de semexantes Operaciones; cuyo objeto era determinar con la mayor precisión la figura, y tamaño de la Tierra: Problema el mas interesante para la Geografía y Marina de todas las naciones”. A Junta Central encargoulle outro relevante proxecto, que elaborara unha memoria relativa ao sistema de operacións necesarias para a formación dun “Mapa exacto de España” e dun novo sistema uniforme e invariable de pesas e medidas a establecer en todo o territorio. Lamentablemente, eses dous valiosos escritos foron coñecidos pero non publicadas no seu momento. 

Si que deu á luz, cando menos, tres traballos, en inglés, alemán e francés. O primeiro deles foi presentado por José Mendoza Ríos en xuño de 1812 na Royal Society (Londres), un texto que aparecería publicado na prestixiosa revista da entidade, Philosophical Transactions co título de “Observations on the measurement of threes degrees of the meridian, conductery in England by Lieutemant Colonel William Mudge”. Unha ampla versión en francés foi publicada por Jean Baptiste Delambre (máxima autoridade na materia) na importante revista Connaissance des Temps. O astrónomo galego Ramón María Aller Ulloa ofreceu a tradución ao castelán do artigo completo para o Seminario de Estudios Galegos en 1929. 

José Rodríguez publicou dous artigos máis, ambos con certa relación coas súas estadías en Alemaña. Un sobre xeodesia, no que facía unha revisión do estado das investigacións sobre a forma e o tamaño da Terra naquel momento, “Veber die Gröfsenverhältnisse des Erd-Sphäroids” (“Sobre as proporcións do esferoide terrestre”), aparecido en 1817 na revista Zeitschrift für Astronomie und verwandte Wissenschadften. O segundo artigo corresponde á exploración das montañas de Granada, “Notice géognostique sur la Sierra Nevada” e apareceu na revista Annales de chimie et de physique (vol. XX, París, 1822), fundada en 1789 e que contara como un dos seus primeiros editores ao gran químico  Antoine Lavoisier. Un texto breve no que Rodríguez describiu as súas observacións sobre a composición xeolóxica de Serra Nevada. A eses tres artigos habería que engadir na produción do de Bermés algúns de tipo divulgativo, como un sobre os meteoritos (“De los aerolitos o piedras caídas de la atmósfera”).

François Aragó (cadro de Charles de Steuben) Dominio Público

Os importantes postos académicos que desempeñou e a dirección dunha xeración de científicos galegos 

Rodríguez foi mestre dunha notable xeración de científicos galegos. Un grupo reducido polas continuas viaxes do matemático, a represión das persoas de ideoloxía liberal e o número ben escaso de alumnos (uns 5 nalgún curso)

Xunto outras relevantes responsabilidades, Rodríguez ocupou a cátedra de Matemáticas da universidade galega, que abandonou cando foi nomeado en 1819 profesor de Astronomía do Museo de Ciencias Naturales (Madrid), ocupando a dirección do Observatorio en 1821. Un ano despois, outubro de 1822, coa integración do Museo na nova Universidade Central, o matemático pasou a catedrático de Astronomía da mesma. Asemade, tamén en 1822, en abril, foi escollido como un do dezaseis membros da sección de ciencias físico-matemáticas da Academia Nacional, unha institución de efémera vida creada en decembro do ano anterior por iniciativa de Manuel José Quintana e que reunía as reais academias existentes. 

En 1817 recibira, residindo en París, unha oferta de nacente República Argentina que rexeitou. Un representante do Goberno ofreceulle a posibilidade de contribuír ao impulso das Ciencias nun país que era independente desde o ano 1816. Na mesma liña, semella, segundo sabemos por fontes indirectas, que a fins de 1818 lle ofreceron a dirección de “los trabajos Geodésicos de la Rusia”, proposta tamén rexeitada pero que tivo a virtude colateral de promover a elección do noso matemático como profesor do Observatorio de Madrid. 

Rodríguez foi mestre dunha notable xeración de científicos galegos. Un grupo reducido polas continuas viaxes do matemático, a represión das persoas de ideoloxía liberal e o número ben escaso de alumnos (uns 5 nalgún curso). Sen dúbida o seu principal discípulo foi Domingo Fontán, cuxa obra é inexplicable sen o apoio, dirección e influencia do seu mestre e amigo. Fontán, á súa vez, guiou a outros, como foi o caso de Ramón de la Sagra e Casiano de Prado. Rodríguez tamén axudou a diversos científicos que actuaban en Galicia, como foi o caso do químico Gabriel Fernández Taboada ou o do médico e cirurxián José Vendrell de Pedralbes. 

A destacada contribución política

Rodríguez apoiou a modernización da docencia científica superior por esa vía extrauniversitaria. Axudou especialmente ao Colexio de Farmacia de Santiago. 

A biografía de Rodríguez non fica completa sen considerar a dimensión política, as súas posicións e intervencións nos asuntos públicos, sobre política científica e na vida parlamentaria, como deputado. 

O punto de partida da súa posición sobre o modelo científico vixente en España era unha profunda desconformidade co anacrónico sistema universitario no que se educara e do que formaba parte; coidaba que precisaba dun cambio radical. Explicouno, por exemplo na carta dirixida a Suárez Freire o 12 de outubro de 1819, onde cuestionaba a formación recibida nas universidades, que cualificaba de “mezquinas” e que xeraban “(...) estudiantes de pío pío”, que non eran quen de espallar “conocimientos sobre Ciencias Naturales y sus utilísimas aplicaciones”. Efectivamente, as ciencias modernas carecían de protagonismo nas aulas universitarias. De feito, as necesidades do aparato do Estado e demandas do sector produtivo, relacionadas, por exemplo, co desenvolvemento da economía ou da atención sanitaria, levaron á creación de institucións alleas ao sistema universitario. Falamos, no caso de Galicia, de: a Academia de Gardas Mariñas de Ferrol, os colexios compostelás de Cirurxía e Farmacia, a Sociedad Económica de Amigos del País de Santiago (nos seus períodos iniciais) e a Escola de Náutica do Consulado coruñés. 

Rodríguez apoiou a modernización da docencia científica superior por esa vía extrauniversitaria. Axudou especialmente ao Colexio de Farmacia de Santiago, co que se identificou pola participación nel do seu fraternal amigo Julián Suárez Freire pero, tamén, pola propia natureza do proxecto. “Así que me parece que todo hombre Patriota y sin prevenciones debe predicar a favor de los Colegios Farmacéuticos y de que estos se entiendan y se consideren como una de nuestras mejores instituciones” (carta de 12 de outubro de 1819). O seu papel no asentamento do colexio compostelá resultou decisivo e nese labor tivo a axuda do seu amigo Joaquín Fondevila Vaamonde. Mais, xunto a apoios de amigos, o matemático demostrou –neste e noutros temas– unha especial capacidade para relacionarse con persoas doutras ideas e situadas en importantes postos da administración absolutista. No caso das xestións a prol do colexio compostelá contou coa valiosa axuda de Agustín José Mestre, “boticario mayor de Su Majestad” e dos “Reales Ejércitos”, vocal e despois presidente da “Junta Superior de Farmacia”, entidade que dirixía os diversos colexios de Farmacia. 

Malia o seu apoio ás novas institucións científicas o de Bermés tamén se comprometeu coa modernización do sistema universitario. Con esa intención, asesorou e contribuíu ás melloras do ensino superior galego

A identificación do noso matemático con as institucións científicas modernas extrauniversitarias puido ser unha das razóns que lle levou en 1819 a integrarse nunha delas, o Real Museo de Ciencias Naturales (Madrid), asumindo a docencia de Astronomía dese centro e abandonando a universitaria, en Compostela. Incorporouse ao posto a mediados de 1819 e, segundo a Gaceta de Madrid (25 novembro), comezou a impartir clases o 2 de decembro. O Museo fora creado en 1814, concluída a Guerra da Independencia, agrupando o Real Gabinete de Historia Natural, Real Xardín Botánico, Estudo de Mineraloxía e o Laboratorio de Química; pouco despois engadiuse o Observatorio Astronómico.  Curiosamente, o novo camiño emprendido polo matemático acabaría levándoo a ocupar en 1822 unha cátedra de universidade, a de Madrid, pero –como veremos– noutro modelo. 

O Museo estaba xestionado por unha Junta de Protección, constituída, inicialmente, polo marqués de Santa Cruz, Jacobo María de Parga e Antonio Gutiérrez como secretario; despois se incorporarían outros, como Ramón Gil de la Quadra. O Secretario de Estado era o membro do Goberno encargado da supervisión do Museo, cargo que ocupou Manuel González Salmón desde xuño de 1819 ata o Trienio Liberal, no que se eliminou á Junta, pero coa volta do absolutismo en 1823 foi reconstituída e Parga Puga elixido presidente. A boa relación de Rodríguez co sector moderado da elite absolutista facilitoulle as cousas, falamos –por exemplo– dos dous amigos de París, Salmón e Parga, e tamén de Luis López Ballesteros, paisano de Vilagarcía de Arousa, quen ocupou importantes cargos na Secretaría de Facenda: oficial en 1814, director xeral de Rendas en 1818 e ministro –por uns días– en 1822. Fernando VII recuperouno para o Goberno ao remate do Trienio liberal.

Busto que estivo en Bermés de 1989 a 2023 e que non correspondía a Rodríguez © Xosé A. Fraga

A segunda liña modernizadora do ensino universitario que apoiou Rodríguez tivo outra dirección. Fracasada a reforma da universidade promovida polos ilustrados, a permanencia dunha institución cun perfil propio do Antigo Réxime obrigou aos liberais a cambios que modificaran o sistema universitario

Malia o seu apoio ás novas institucións científicas o de Bermés tamén se comprometeu coa modernización do sistema universitario. Con esa intención, asesorou e contribuíu ás melloras do ensino superior galego. A súa colaboración máis relevante tivo lugar no proceso de adquisición de instrumentos científicos que permitiran un ensino práctico da Física na súa universidade, cuxo cualificativo de “experimental” era un simple enunciado, non había prácticas nin instrumentos. A esa tarefa dedicouse o noso matemático desde a capital francesa. Contactou cos fabricantes de instrumentos e mesmo encargou a construción dalgún deles. O primeiro envío cara Compostela saíu en Novembro de 1817 de París, remitido a Bayona, desde onde marchou, por vía marítima, en febreiro de 1818, cara o porto da Coruña (para o importante consignatario Manuel Díez Tavanera, tamén escrito Tabanera) e posterior recepción en Santiago en maio. En abril de 1818 estaba listo a segunda remesa, que saíu en maio de París, "por vía marítima Bayonne-A Coruña", pero chegou en 1819. O tema da axeitada dotación de instrumentos científicos nos establecementos educativos preocupáballe a Rodríguez. Como deputado no Trienio Liberal presentaría unha proposición defendendo que fosen “libres de derechos de entrada todos los instrumentos y máquinas destinadas al estudio y fomento de las ciencias matemáticas, físicas y demás naturales, bien sea en las Universidades y escuelas especiales nacionales, ó bien en los colegios, pensiones y casas particulares”. 

A segunda liña modernizadora do ensino universitario que apoiou Rodríguez tivo outra dirección. Fracasada a reforma da universidade promovida polos ilustrados, a permanencia dunha institución cun perfil propio do Antigo Réxime obrigou aos liberais a cambios que modificaran o sistema universitario. O principal protagonista dese proceso foi Manuel José Quintana, quen, aprobada a Constitución de Cádiz, enfrontou a reforma do ensino cunha comisión que redactou o denominando “Informe Quintana” (1813), un texto que en 1814 se convertiría en “Proyecto de Decreto para el arreglo general de la enseñanza pública”. A proposta incluía a creación nas universidades de gabinetes científicos e xardíns botánicos, así como a aprendizaxe da Medicina nas aulas e nos hospitais. Asemade, se limitaba o número de universidades, nove e Canarias, desaparecían as de Cervera e Alcalá, que eran trasladadas a Barcelona e Madrid, onde se creaba a “Universidad Central”, un cualificativo que non atendía só á localización xeográfica, tiña que ver coa súa filosofía. A universidade madrileña era concibida como centro de ensino superior cara o exercicio profesional mais tamén de formación do futuro profesorado que –educado nas novidades– fose ocupando os postos docentes no resto das universidades, superando –esa era a intención– as eivas na preparación do profesorado existente. 

No Trienio liberal as Cortes aceptaron o proxecto de lei de 1814 e Rodríguez identificouse co modelo universitario defendido por Quintana, a quen estaba ben próximo. De feito, o de Bermés interviría como deputado nas Cortes na sesión extraordinaria do 9 de xuño a prol da “Universidad Central”. Finalmente, cando en 1822 foi creada, integráronse nela o Museo de Ciencias Naturales (no que traballaba Rodríguez), os Reales Estudios de San Isidro, Escola de Química e Universidade de Alcalá. 

O matemático foi deputado nas Cortes do Trienio liberal; escollido o 21 de maio de 1820, tomou posesión o 6 de xuño e permaneceu ata o 14 de febreiro de 1822

Como xa adiantamos, o matemático foi deputado nas Cortes do Trienio liberal; escollido o 21 de maio de 1820, tomou posesión o 6 de xuño e permaneceu ata o 14 de febreiro de 1822. Formou parte da comisión de Mariña e das especiais de pesos e medidas e fomento das minas. Tivo diversas intervencións, entre as que salientan as xa comentadas sobre a exención de costes na merca de instrumentos e a “Universidad Central”. Tamén estivo interesado pola división territorial, defendeu que as provincias galegas fosen cinco: Coruña, Santiago, Lugo, Ourense e Vigo. 

Desde o liberalismo, Rodríguez situouse no sector conservador, defensor da Constitución de 1812 pero nunha interpretación restritiva. Nun escenario político novo, coa fin do absolutismo e a aparición do réxime liberal, que supuxo entre outras cousas, a posibilidade da confrontación de propostas políticas diversas. Mais non existían canles de expresión desas opcións, o novo sistema carecía das organizacións que representaban os diversos intereses na escena pública, os partidos políticos. Esa circunstancia favorecía a existencia de grupos, máis ou menos formais, de persoas con intereses semellantes e de entidades secretas ou semi-secretas que, con certo sectarismo, servían de defensa de posicións e como ferramentas de supervivencia fronte momentos represivos. 

A masonería foi unha desas sociedades. Non temos constancia de que Rodríguez fose masón porén encaixaba perfectamente polo seu perfil ideolóxico e, de feito, moitas das persoas próximas a el tiñan relación con esa organización. Si que está documentada a súa pertenza á relevante “Sociedad Constitucional del Anillo”. Unha entidade semi-secreta constituída en Madrid en outubro de 1821 que agrupaba á elite do liberalismo conservador, con salientable influencia en todas as esferas do poder. Desa sociedade formaron tamén parte, na sección madrileña, os seus amigos Pedro Sánchez Boado, Joaquín Fondevila e, probablemente, un Taboada: José Gil Taboada. O presidente dos “anilleros” era, desde o 30 de novembro de 1821, o xa citado Manuel José Quintana. Rodríguez tiña, pois, moi boas e variadas relacións. 

A fin do “paseante da luz”

O de 7 abril de 1823 tivo lugar a invasión de tropas francesas. Viñan rematar coa experiencia do Trienio liberal e nesta ocasión contaron co complicidade, mesmo demanda, dos absolutistas españois. Rodríguez marchou cara Santiago, onde chegou a fins dese mes de abril, e aloxouse na casa do amigo Julián. Malia que o seu compromiso ideolóxico era ben coñecido non foi obxecto da represión que sufriron moitos dos seus correlixionarios, como xa lle acontecera en casos anteriores. De feito, seguiu figurando como director do Observatorio madrileño e o aínda o 15 de maio de 1824 mandaría un informe como tal á Junta de Protección do Museo. 

A primeiros de setembro estaba de volta en Compostela. Enfermo, atendeuno o seu amigo Julián e Gabriel Fernández Taboada, quen –curiosamente– actuou como médico. Nesa compañía morreu o 30 de novembro. O “paseante da luz”, do coñecemento, que diríamos nós, deixara de viaxar. Rematara a andaina do neto do arrieiro

Pouco despois, en xuño, emprendeu a súa derradeira viaxe, unha ben diferente ás súas anteriores. Esa vez o persistente buscador de novos coñecementos e relacións tiña outros obxectivos, derivados do delicado momento histórico. Dirixiuse a Lisboa, onde acudiu a falar con dúas importantes personalidades políticas, José María Calatrava Peinado e Juan Antonio Yandiola Garay, pertencentes como el mesmo á “Sociedad Constitucional del Anillo”. Foran ministros nos derradeiros gobernos liberais, nos que Calatrava exercera como principal figura. Semella que Rodríguez quería coñecer de boca de dous relevantes dirixentes do seu grupo a situación política e as expectativas de futuro, ben pouco favorables para eles, sobre todo despois da publicación do restritivo decreto sobre indultos de maio dese ano. 

O segundo obxectivo da viaxe era coñecer as circunstancias da morte de Pedro Boado. De Lisboa Rodríguez viaxou a Porto, ao que chegou o 20 de agosto no barco de vapor Restaurador Lusitano. Era o substituto do Lusitano, que naufragara o 11 de xullo de 1823, incidente no que desaparecera o seu amigo. 

A primeiros de setembro estaba de volta en Compostela. Enfermo, atendeuno o seu amigo Julián e Gabriel Fernández Taboada, quen –curiosamente– actuou como médico. Nesa compañía morreu o 30 de novembro, semella que os familiares non estiveron presentes no proceso final. Foi soterrado na igrexa de Santo Agostiño ao día seguinte. Na nota correspondente, conservada no arquivo dos agostiños, figura así: “En el dia Viernes, 1 de octubre de 1824 se enterró don José Rodríguez, Director del Observatorio Astronómico de Madrid y Paseante a Cortes extranjeras”. O “paseante da luz”, do coñecemento, que diríamos nós, deixara de viaxar. Rematara a andaina do neto do arrieiro.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.