José Rodríguez, 'o matemático de Bermés', Científico Galego do Ano

Imaxe de José Rodríguez no Paraninfo da USC © RAGC

José Rodríguez foi un dos científicos europeos máis brillantes da súa época, con grandes achegas non só ás matemáticas, senón tamén á xeometría, á astronomía, á xeografía e á mineraloxía

O 30 de setembro de 1824 morreu en Compostela José Rodríguez González, tamén coñecido como "o Matemático Rodríguez" ou “o matemático do Bermés”, por ter nacido nesta parroquia de Lalín. Rodríguez foi, como destacaron Carmen Villaverde Pérez e Jose Ángel Docobo neste artigo "o primeiro científico galego", cando menos no senso moderno do termo. Agora, coincidindo co bicentenario do seu pasamento a Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) vén de nomealo “Científico Galego do Ano”. 

A institución destaca “a súa loita desinteresada pola ciencia” e o seu carácter pioneiro no país, uníndose á definición de "primeiro científico moderno" de Galicia. José Rodríguez foi un dos científicos europeos máis brillantes da súa época, con grandes achegas non só ás matemáticas, senón tamén á xeometría, á astronomía, á xeografía e á mineraloxía. Aínda que o acto central de homenaxe terá lugar o 8 de outubro no marco do “Día da Ciencia en Galicia”, durante todo o ano programaranse diversas actividades para dar a coñecer a súa figura e as súas contribucións ao conxunto da sociedade.

Busto de Xosé Rodríguez González en Bermés CC-BY-SA Xas

Medrou no seo dunha familia humilde de labregos e puido estudar grazas á protección dun tío eclesiástico

Medrou no seo dunha familia humilde de labregos e puido estudar grazas á protección dun tío eclesiástico, completando a súa formación en Gramática, Aritmética e Latín. En 1790 obtivo o grao de Bacharelato en Filosofía e en 1795 o de Teoloxía. Formouse en matemáticas e física de maneira autodidacta a través das lecturas dos traballos de numerosos científicos como Newton ou Euler. En 1802 logrou, por oposición, unha cátedra de matemáticas no preparatorio da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago. O tribunal remitiu un informe ao rei Carlos IV cualificando a Rodríguez de “xenio”.

 

Demostrou a teoría de Newton de que a Terra é achatada polos polos

Os seus múltiples contactos permitíronlle acceder a varias universidades europeas, en particular como docente de Astronomía. Ademais, realizou frecuentes viaxes por Europa para intercambiar coñecementos e ampliar estudos, entrando en contacto cos traballos dos grandes científicos da época como Biot, Laplace ou Arago.

En 1809 José Rodríguez trasladouse a Londres, onde realizou estudos e cálculos do meridiano de Greenwich para dilucidar se a teoría de Newton sobre que a terra era achatada nos polos era certa, fronte á visión dalgúns científicos ingleses que sostiñan que era achatada polo ecuador

En 1806 foi nomeado comisario español nunha expedición internacional cuxa misión era medir o Meridiano de Dunkerque a Basilea. Esta medición foi fundamental para o establecemento da unidade de medida de lonxitude, o metro, a partir da cal se establecerían as unidades do resto de magnitudes que conforman o actual sistema métrico decimal. Así mesmo, foi o matemático que situou a Lalín como o quilómetro cero de Galicia, en concreto no lugar de Fonte Castiñeiroa, no Vento (Bermés). Unha medición, iso si, posta en cuestión nos últimos anos grazas ás modernas tecnoloxías de medición.

En 1809 José Rodríguez trasladouse a Londres, onde realizou estudos e cálculos do meridiano de Greenwich para dilucidar se a teoría de Newton sobre que a terra era achatada nos polos era certa, fronte á visión dalgúns científicos ingleses que sostiñan que era achatada polo ecuador. O seu traballo, publicado pola London Royal Society na súa revista científica Philosophical Transactions en 1812, tivo unha gran repercusión. Así, a súa achega máis relevante á ciencia foi demostrar empiricamente que a teoría de Newton era correcta, a pesar das conclusións erróneas doutros científicos, e ademais facelo cunha maior exactitude que calquera outro matemático da época.

Vitor na Facultade de Matemáticas dedicado a José Rodríguez © RAGC

Carmen Villaverde Pérez e Jose Ángel Docobo destacan que "a José Rodríguez debemos consideralo un científico moderno, podemos dicir que o primeiro de Galicia. O seu afán por aprender e por contribuír ao desenvolvemento científico do seu pais, levouno ás máis prestixiosas e vangardistas institucións científicas do seu tempo e a recibir o maxisterio dos sabios máis insignes"

Entre 1812 e 1814 foi o titular da cátedra de Matemáticas Sublimes na Universidade de Santiago. Posteriormente foi substituído na cátedra por Domingo Fontán. En 1814, con permiso real, desprazouse a Alemaña oonde tomou contacto coa cristalografía na Universidade de Gotinga, na que impartiu cursos, baixo a supervisión do mineraloxista Abraham Gottlob Werner. Empezou a interesarse pola mineraloxía, sendo obsequiado cunha das únicas dúas coleccións que existen no mundo de 1024 modelos cristalográficos. Trala súa morte, a colección pasou por varias mans e finalmente foi vendida en 1847 á Universidade de Santiago por 4.000 reais; hoxe pode admirarse no Museo de Historia Natural, xunto a instrumental diverso da época pertencente ao matemático.

Dada a súa relevancia científica a nivel mundial, o emperador ruso Alejandro II ofreceulle a dirección do Observatorio Astronómico de San Petersburgo, o que induciu a que o nomeasen director do Observatorio Astronómico de Madrid. En 1822 axudou a organizar a recentemente creada Universidade Central de Madrid, defendéndoa como centro aglutinador da ciencia e punto de reunión das eminencias españolas. Deixou a súa cátedra en Compostela para ocupar a cátedra de astronomía en Madrid.

Un liberal progresista que sufriu a represión polas súas ideas

Durante a invasión francesa foi comisionado da Xunta Central para trazar un mapa da Península e fixar un sistema máis exacto de Pesas e Medidas. Posteriormente, sumouse aos liberais máis progresistas e foi elixido deputado por Galicia en 1820. Porén, ao restaurar Fernando VII o absolutismo, foi cualificado de "afrancesado" e foi cesado dos seus cargos

José Rodríguez foi ilustrado e liberal. Durante a invasión francesa foi comisionado da Xunta Central para trazar un mapa da Península e fixar un sistema máis exacto de Pesas e Medidas.

Posteriormente, sumouse aos liberais máis progresistas e foi elixido deputado por Galicia en 1820. Declarouse a favor da división provincial de Galicia coa creación dunha quinta provincia con capital en Santiago de Compostela e amosou interese por promover o coñecemento científico e o fomento da industria. Porén, ao restaurar Fernando VII o absolutismo, foi cualificado de "afrancesado" e foi cesado dos seus cargos, polo que se viu obrigado a fuxir a Portugal en 1824, mantendo contacto coas Universidades de Coímbra e Lisboa. Ese mesmo ano regresou a Galicia e faleceu aos poucos meses en Compostela. Foi enterrado na igrexa de santo Agostiño, nunha tumba sen inscrición.

Como concluíron Carmen Villaverde Pérez e Jose Ángel Docobo no artigo que lle dedicaron, "a José Rodríguez debemos consideralo un científico moderno, podemos dicir que o primeiro de Galicia. O seu afán por aprender e por contribuír ao desenvolvemento científico do seu pais, levouno ás máis prestixiosas e vangardistas institucións científicas do seu tempo e a recibir o maxisterio dos sabios máis insignes. Mágoa que o seu legado estea desaparecido case na súa totalidade".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.