Aínda que o acto académico central de homenaxe terá lugar o 4 de outubro no marco do Día da Ciencia en Galicia, durante todo o ano programaranse diversas actividades
A Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) vén de elixir o economista Manuel Colmeiro y Penido como Científico Galego do Ano, o que o converten no primeiro científico social que recibe esta distinción da Academia. Aínda que o acto académico central de homenaxe terá lugar o 4 de outubro no marco do Día da Ciencia en Galicia, durante todo o ano programaranse diversas actividades para dar a coñecer a súa figura e as súas contribucións ao conxunto da sociedade.
A institución destaca que “non só foi un académico sobresaínte, polifacético, fecundo e recoñecido, cunha obra que influenciou a múltiples economistas, xuristas e historiadores. Foi tamén unha forza de cambio económico e social en Galicia e España”. A Academia destaca, ademais, que “tras case dous séculos, boa parte das análises de Colmeiro seguen a ser útiles para a comprensión da época na que viviu e, en moitos casos, as súas observacións e razoamentos conservan toda a súa validez. O estilo da súa aproximación á problemática económica é sorprendentemente moderno e equilibrado, inspirado por unha positiva conciencia social”.
Nos últimos anos foron distinguidos e distinguidas como Científico/a Galego/a do Ano Juan Rof Codina (2022), Jimena Fernández de la Vega (2021), Andrés Comerma (2020), Tomás Batuecas (2019), Domingo Fontán (2018), Baltasar Merino Román (2017), Ignacio Ribas (2016) ou Ángeles Alvariño (2015), nunha conmemoración que se iniciou en 2008.
Convértese no primeiro científico social que recibe esta distinción da Academia
Manuel Colmeiro naceu en Santiago en 1818 e dende 1849 foi profesor de Economía Política e de Dereito Político e Administrativo na USC. A Academia destaca que Colmeiro foi un dos mellores expertos españois do século XIX nos campos da Economía, Dereito Administrativo e Dereito Político, destacando ademais a súa dedicación á Historia. En 1842 foi nomeado socio de mérito da Real Sociedade Económica de Santiago, desde onde formou parte de comisións que estudaron a reforma de pesos e medidas, o sistema monetario español, a renda do sal, o establecemento dunha fábrica de sedas e algodóns en Santiago, así como os medios que se poderían propoñer para activar a construción de varias estradas na provincia.
Dende moi novo avogou pola abolición do sistema foral no campo galego, de xeito que se propiciara que a propiedade da terra fora dos propios labregos que a cultivaban e, ao mesmo tempo, achegando unha solución ao minifundismo, que consideraba que limitaba o desenvolvemento económico do sector
Dende moi novo avogou pola abolición do sistema foral no campo galego. Así, en 1843, con tan só 24 anos, publicou Memoria sobre el modo más acertado de remediar los males inherentes a la extremada subdivisión de la propiedad territorial de Galicia, un traballo no que analizou dous temas fundamentais sobre a propiedade agraria: o minifundio e o sistema foral.
Consciente de que a desamortización de Mendizábal de 1836 non daba unha resposta para a modernización do agro galego, foi o primeiro economista en albiscar a vía que debería seguirse, avogando pola redención dos foros, de xeito que se propiciara que a propiedade da terra fora dos propios labregos que a cultivaban e, ao mesmo tempo, achegando unha solución ao minifundismo, que consideraba que limitaba o desenvolvemento económico do sector. Porén, non foi ata 30 anos máis tarde que se publicou a primeira lei de redención de foros e terían que pasar 50 máis ata que o sistema foral quedara definitivamente abolido en Galicia.
Porén, non foi ata 30 anos máis tarde que se publicou a primeira lei de redención de foros e terían que pasar 50 máis ata que o sistema foral quedara definitivamente abolido en Galicia
Colmeiro desexaba un modelo de sociedade máis aberta, con maior participación cidadá, convencido de que a principal misión da ciencia económica era “hacer el bienestar tan general como fuere posible”. Así, entre outros aspectos, defendeu a existencia de sindicatos para resolver os conflitos, unha lexislación limitadora do traballo infantil, o proteccionismo ás pemes, a eliminación de impostos de consumos, estender a educación, as caixas de aforros e a beneficencia pública, así como o establecemento dunha política activa do Goberno para remediar o desemprego e a mendicidade, ou unha rede viaria “por conta do Estado”.
Colmeiro desexaba un modelo de sociedade máis aberta, con maior participación cidadá, convencido de que a principal misión da ciencia económica era “hacer el bienestar tan general como fuere posible”
A súa presenza nas institucións, academias e círculos que integraban a vida cultural e política española foi considerable, brindándolle múltiples oportunidades de analizar e debater propostas de reformas para encarar os profundos cambios económicos e sociais derivados da crise do Antigo Réxime, a construción dunha nova economía e a necesidade de posicionar España ante a industrialización europea. Ademais, participou en política, sendo elixido deputado e senador pola provincia de Pontevedra durante varias lexislaturas desde 1865.
En 1992 a Xunta de Galicia creou o Premio Manuel Colmeiro para traballos de investigación sobre a Administración pública.