Juan Rof Codina era catalán de nacemento, pero exerceu de lucense, de galego. O elixido pola Real Academia Galega de Ciencias (RAGC) para ser homenaxeado como Científico Galego do Ano neste 2022 naceu en El Prat de Llobregat en 1874, pero con 24 anos xa vivía en Lugo, onde foi destinado como tenente veterinario militar despois de estudar a carreira en Madrid, onde a pagou traballando de axudante nunha farmacia, toda vez que o traballo de ferreiro do seu pai non daba cartos para afrontar ese gasto.
A Real Academia Galega de Ciencias homenaxea neste 2022 a Juan Rof Codina, catalán de nacemento e lucense de adopción autor de múltiples avances no coidado do gando
Da man do veterinario Ramón Carballo -que acabaría sendo o seu sogro-, Rof Codina achegouse á realidade gandeira da Galicia de finais do século XIX e, como lembra a RAGC, destacou en dous eidos: "a aplicación e divulgación de novidades zootécnicas" e as medidas de hixiene para o gando, ámbito no que pasou a ser unha referencia de boas prácticas. Tamén traballou sobre o terreo, observando o impacto nos animais de enfermidades como a febre aftosa e explicando aos gandeiros avances para combatelas de científicos como Louis Pasteur.
Tras un traslado disciplinario a Granada (1901), Rof Codina volveu a Lugo xa como capitán e pediu a excedencia. En 1905, co seu cuñado Jesús Carballo -tamén veterinario-, abriu as portas da Gran Clínica Veterinaria de Lugo, a primeira de Galicia e de todo o Estado no seu xénero, subliña a Academia, e representante exclusiva das vacinas do Instituto Pasteur en territorio galego e asturiano. Tamén foi clave a súa colaboración coa Granxa de Monelos, na Coruña, cidade na que desenvolveu parte da súa traxectoria profesional e onde o seu labor foi clave na invención da vaca rubia galega.
Pero, ademais de pioneiro no seu ámbito profesional, Juan Rof Codina tamén se implicou na vida cultural de Lugo. Dende o faladoiro do Hotel Méndez Núñez, con persoeiros como Luís Pimentel, Ánxel Fole ou Manuel María, mais tamén, lembra a Academia, polas súas xestións para evitar que a Muralla romana da capital lucense fose esnaquizada. "O seu papel -evoca- foi decisivo para preservala fronte a unha iniciativa para o seu derrubo co propósito de 'favorecer o crecemento da cidade'", hai agora un século.
Os argumentos culturais e técnicos de Rof Codina contribuíron a que as autoridades do Lugo de hai un século desbotasen a idea de derrubar a Muralla para "favorecer o crecemento da cidade" despois de que mesmo se valorase utilizar a súa pedra para obras como as dos portos da Coruña e Ferrol
"O material de pedra, segundo o proxecto, sería empregado en obras como as dos portos da Coruña ou Ferrol", pero Rof Codina ofreceu abondosos "argumentos culturais e técnicos" que foron "fundamentais para desbotar a idea". Por exemplo, como xa fixera nun artigo publicado na prensa baixo pseudónimo, publicou un cálculo da cantidade de carros que serían precisos para transportar os entullos do derrubo -o cálculo, segundo algunhas fontes, estaba errado, pero foi unha boa aguilloada para desbotar a idea-.
Toda a súa experiencia como veterinario foi recoñecida en 1932 polas autoridades da II República, que o situaron á fronte da Inspección Xeral Veterinaria, en Madrid. Tras o golpe de 1936, as autoproclamadas como novas autoridades desterrárono en Tenerife e non puido volver ata 1941 a Lugo, onde se xubilou en 1944, se ben permaneceu activo como divulgador. O seu legado cultural e científico é custodiado no campus de Lugo da Universidade de Santiago e, como homenaxe, dá nome á Fundación Rof Codina da propia USC e mais ao hospital veterinario de Lugo.
A súa distinción como Científico Galego do Ano suporá unha homenaxe nun acto académico que se celebrará no Día da Ciencia en Galicia, o 6 de outubro. Pero antes, anticipa a Academia, "programaranse durante todo o ano diversas actividades para dar a coñecer a súa figura e as súas contribucións".