A situación de emerxencia sanitaria que estamos a vivir neste 2020, eclipsa calquera tipo de conmemoración de feitos ou persoeiros do pasado, pero é obrigado recordar que no mesmo ano que o universal Ludwig Van Beethoven, na parroquia lalinense de Santa María de Bermés viu a luz José Rodriguez González, quen chegaría a ser catedrático na USC, honrado por ela cun vítor que se conserva na aula magna (Ramón María Aller) da Facultade de Matemáticas e inmortalizada a súa imaxe por Rafael de la Torre Mirón no Paraninfo da antiga Universidade, hoxe Facultade de Xeografía e Historia.
No mesmo ano que o universal Ludwig Van Beethoven, na parroquia lalinense de Santa María de Bermés viu a luz José Rodriguez González
Debeu ser José un rapaz avispado e inquedo, con padriño e tío eclesiásticos que recomendarían aos pais envialo a Monforte a comenzar os estudos para crego e axudar desa forma á familia. Chega en 1780 e cando remata no 1787 o mestre de maiores e medianos do Seminario da Vila certifica que “asistió a mi aula con toda puntualidad y aprovechamiento”.
En outubro de 1787 comezou en Santiago os estudos de Filosofía como alumno manteísta. Tres anos despois acadou o Grao de Bacharel nesa disciplina e tamén no 1795 o de Bacharel en Teoloxía
Neses tempos, compaxinou eses estudos cos de Matemáticas e Botánica. O pai P. Foyo, beneditino de San Martiño Pinario, semella que foi un dos seus mestres. Consta que Pedro Antonio Sanchez Vaamonde, un rico coengo ilustrado e filántropo, o acolleu na súa casa, o que tivo para José unha enorme trascendencia pois mantivo toda a súa vida fidelidade ás amizades e as ideas adquiridas nesa época.
A pesares de ser un crente sinceiro, non tivo vocación eclesiástica senon científica, e no ano 1801 chegou por oposición á cátedra de Matemáticas na que dous anos antes fora substituto, disciplina que cursaban xunto coa Física Experimental os estudantes de Medicina. Pero isto non colmaba as súas inquedanzas e ansia de coñecemento e o ano seguinte solicitou permiso ao Claustro para “viajar a Paris y pasar allí unos cuatro años con el gozo del sueldo de su cátedra para perfeccionarse en los ramos científicos de su instituto”.
Infórmouse positivamente a súa petición, pero non sería ata xuño de 1803 cando emprendeu a viaxe. De camiño a París, en Baiona e Burdeos merca e encarga o envío ata Santiago de libros e outros encargos para seu gran amigo e boticario, Julian Suarez Freire e para a Universidade.
En París, estudou Astronomía e Altas Matemáticas no Observatorio e College de Francia, onde traballou e tivo amizade con grandes científicos como Laplace, Delambre, Biot, Arago
En París, estudou Astronomía e Altas Matemáticas no Observatorio e College de Francia, onde traballou e tivo amizade con grandes científicos como Laplace, Delambre, Biot, Arago. Destes membros do Bureau des Longitudes saiu a recomendación ao goberno español para que Rodríguez fose nomeado “comisionado para la medida del meridiano entre Barcelona e Formentera” e no veran de 1806 saíu de París xunto con Biot e Arago. En setembro xa estaban en Barcelona, viaxando a Valencia e Baleares. Os traballos duraron case dous anos, participando asi mesmo como comisionado José Chaix.
En outubro de 1809 volveu a ser comisionado, esta vez a Inglaterra, para investigar os "Establecimientos Científicos de aquella nación y en particular los destinados a la práctica y enseñanza de la astronomía, y sus aplicaciones a la Geografía y Navegación", relacionouse con membros da Royal Society. Un deles, José Mendoza Ríos, presentou o 4 de xuño de 1812 a famosa comunicación súa: “Observations on the measuremet of three degrees of the Meridian, conducted in England by Lieutenant Colonel Willian Mudge”, na que propuxo unha explicación aos erros dunhas medidas xeodésicas realizadas anos antes e cuxo resultado contradicía a física de Newton. Apareceu logo publicado nas Philosophical Transactions, a revista científica más importante da época e publicada por dita sociedade científica.
Domingo Fontán Rodríguez, autor do excelente Mapa Xeométrico de Galicia de 1834, é un dos seus alumnos, recoñecendo a Rodríguez como inspirador e mestre
Logo dunha ausencia de varios anos, a Universidade pretende sacar a concurso a súa cátedra, que coa reforma de 1807 pasou a ser de “Matemáticas sublimes” e o 20 de xullo xa está en Santiago para impedilo, o que conseguiu finalmente, e nos cursos 1812-13 e 1813-14 volveu á docencia. Domingo Fontán Rodríguez, autor do excelente Mapa Xeométrico de Galicia de 1834, é un dos seus alumnos, recoñecendo a Rodríguez como inspirador e mestre.
En outubro de 1814 saíu cara a Alemaña, esta vez comisionado para “estudiar Ciencias Naturales y Mineralogía”. Pasou case dous anos na Escola de Minas de Freiberg con Abraham Gottlab Werner considerado un dos pioneiros da Xeoloxía e Mineraloxía moderna, aquí debeuse iniciar na súa paixón por estas disciplinas que xa non abandonaría. A súa seguinte etapa foi Gotinga, alí o insigne matemático Friedrich Gauss, ensinaba no Observatorio da Universidade, Rodríguez pasou varios meses con el e incluso publicou en alemán “Sobre as proporcións do esferoide terrestre”.
Deputado por Galicia dende o 1 de xullo de 1820 ao 22 de febreiro de 1822, no chamado Trienio Liberal, simultaneou esta actividade coa docencia e dirección do Observatorio. Non tiña vocación política pero era unha persona comprometida coas súas ideas e co seu pais
Volveu a París en xuño de 1817. Durante esta segunda estadía mercou e remitiu á Universidade de Santiago instrumentos científicos para o Gabinete de Física e para a realización da Carta Xeométrica de Galicia que ocupou a Domingo Fontán 17 anos. Estudiou co abade René Just Haüy, pai da Cristalografía, que se brindou a súa amizade e lle agasallou cos Sólidos Cristalográficos que se conservan hoxe en dia no Museo de Historia Natural da USC. Ademais, recibiu propostas dos gobernos ruso e arxentino para dirixir os seus Depósitos Xeográficos, pero consultou ao goberno español antes de tomar a decisión e este lle respondeu co nomeamento de profesor de Astronomía do Museo de Ciencias Naturais de Madrid.
Chegou a Madrid a finais de maio de 1819, renunciando a súa cátedra de Santiago e aceptando tamén o cargo de Director do Observatorio Astronómico, que cumpría poñer en uso, despois de anos en estado ruinoso a consecuencia da Guerra da Independencia. O 2 de decembro dese ano comeza “el primer curso de lecciones públicas de Astronomía”.
Deputado por Galicia dende o 1 de xullo de 1820 ao 22 de febreiro de 1822, no chamado Trienio Liberal, simultaneou esta actividade coa docencia e dirección do Observatorio. Non tiña vocación política pero era unha persona comprometida coas súas ideas e co seu país. Seguiu a cultivar a súa paixón pola Mineraloxía e a Xeoloxía, facendo saídas aos montes do Escorial. Tamén visitou Serra Nevada, e no ano 1822 a revista francesa Annales de Chimie et de Physique publicou a Notice géognostique sur la Sierra Nevada enviada por el.
A finais de abril de 1823 marchou de Madrid cara a Galicia, os Cen Mil Fillos de San Lois xa estaban en España e ían camiño de Madrid case sen resistencia, o que supuxo que Fernando VII recuperase o poder absoluto. Rodríguez como implicado co réxime anterior non está seguro na capital. A Santiago debeu voltar a principios do veran e permanecer na cidade ata a viaxe a Portugal do ano seguinte.
A José Rodríguez debemos consideralo un científico moderno, podemos dicir que o primeiro de Galicia. O seu afán por aprender e por contribuir ao desenvolvemento científico do seu pais, levouno ás máis prestixiosas e vangardistas institucións científicas do seu tempo
Sábese pola súa correspondencia que o 22 de xuño de 1824 chegou a Porto, visitou tamén Lisboa e Coimbra, tivo a oportunidade de reencontrarse con algúns dos seus compañeiros deputados e outros coñecidos, exiliados dende o ano anterior no país. Queixábase de problemas de saúde, que xa viña arrastrando dende algúns anos, culpaba diso ao clima de Madrid.
O 12 de setembro estaba de volta en Santiago, enfermo. Consérvase unha receita médica dese día; a súa saúde agravouse, e o día 30 ás 7.30 da mañá outorga testamento a favor de Julian Francisco Suarez Freire, deixando a lexítima dos seus pais ao seu irmán Manuel. Ese mesmo día morre. Na súa acta de defunción consta que foi soterrado na igrexa de San Agostiño, pero na actualiade non é posible atopar ningún rastro nese lugar.
A José Rodríguez debemos consideralo un científico moderno, podemos dicir que o primeiro de Galicia. O seu afán por aprender e por contribuír ao desenvolvemento científico do seu pais, levouno ás máis prestixiosas e vangardistas institucións científicas do seu tempo e a recibir o maxisterio dos sabios máis insignes. Mágoa que o seu legado, os seus biógrafos aluden a traballos en diferentes campos, estea desaparecido case na súa totalidade.