Recuperarmos os nosos apelidos auténticos

O profesor Garrido fai propaganda dun novo libro da AEG (Associaçom de Estudos Galegos) –o que resta do reintegracionismo basilar–, nada que reprochar nun país colonizado como o noso, onde este libro seguro que terá pouca publicidade, tanto por tratar sobor da restauración dos nosos apelidos tradicionais coma por estar escrito en galego reintegracionista.

Os meus “reparos” xorden dalgunhas das afirmacións que o autor fai no seu artigo a prol da encomiábel e necesaria recuperación da onomástica galega, que sofreu coma o resto do noso idioma o embate deformador e furibundo da castelanización. O señor Garrido é un reintegracionista militante e, por tanto, non pode evitar levar a auga pró seu muíño, algo que fai sempre que pode nas súas aseveracións e propostas, como a seguir amosarei.

Primeiramente denominar as tres “normas ortográficas” vixentes pró galego como: normas isolacionistas da RAG, normas reintegracionistas de padrón galego e normas reintegracionistas de padrón lusitano, é un acto de sectarismo e rebuscamento innecesario – nótese que as únicas que portan o noso xentilicio son as que usa o autor–, co sinxelo que é nomear as tres normativas ortográficas como: galego oficial (Lei de Normalización Lingüística 3/1983) –e se non se está de acordo hai tribunais pra impugnala–, galego reintegracionista e portugués.

E logo, por partes.

Propoñer apelidos toponímicos compostos con trazo de unión no canto de sen el: Vila-M(ai)or/Vilam(ai)or, Casas-Velhas/Casasvellas (< Casasbellas), Val-Boa/Valboa (< Balboa), Val-Verde/Valverde, Pedra-Cova/Pedracova (< Pedracoba), Pena-Alta/Penalta, Tras-Monte/Trasmonte etc.; ou de santos, que moitas veces tamén son de orixe toponímica: Sam-Pedro/Sampedro, Sam-Tomé/Santomé, Sam-Romám/Sanromán, Sam-Paio/Sampaio etc., non é recuperar a nosa tradición onomástica senón innovala adoptando a do portugués. Mais que facemos nos casos de: Sanxurxo, dado que o portugués só ten Jorge: Sam-Jorge ou Sam-Jurjo?; Sangiao pasa a Sam-Juliám -o portugués só recoñece Julião- ou a Sam-Giao no canto dun normativo Sanxiao; Sanfiz ou Sanfins serán Sam-Félix?, e Santiso será Sam-Tirso? E o noso santo máis internacional será Santo-Iago ou Sam-Tiago no canto de Santiago? E cos procedentes de santas?, Santana pasa a se escribir Santa-Ana e Santabaia e Santalla pasan a Santa-Eulália? A Santalices non lle atopo amaño. E tódolos descendentes de San Ioanne > Seoane, Soane, Seivane, Savane, Saiáns, Xoane ou Sanxoás pasan a Sam-Joám? Como sabemoos cando un apelido de santo provén dun antropónimo ou dun topónimo? Intúo que a listaxe de excepcións ao uso do trazo pode ser longa.

Modificar os apelidos patronímicos acabados en “-ez/-iz” por “-es/-is” é galeguizalos xustamente, mais non cómpre botar man da confluencia co portugués, senón simplemente do galego medieval. Hai que considerar que tal como ocorre hoxe no portugués ou no galego de seseo implosivo –que abranxe a maior parte da Galiza atlántica– a palabra acabada en -Z pronúnciase igual cá acabada en -S, polo que a distinción medieval entre -EZ ou -ES era simplemente gráfica. Con todo, se procuramos as grafías máis usadas neste tipo de apelidos no TMILG (Tesouro Medieval Informatizado da Lingua Galega) podemos comprobar que as grafías máis comúns foron as acabadas en -ES, aínda que cunha matización importante: prevalece o sufixo -EZ nos séculos XII e XIII e por veces no XVI, aínda que neste século por mor da castelanización. Así: Fernandez (XII e XIII) e Fernandes (XIV a XVI), Gomez (XII e XIII) e Gomes (XIV a XVI), Lopez (XIII e XVI) e Lopes (XIV e XV), Mendez/Meendez (XIII, XIV e XVI) e Meendes (XV), Perez (XII e XIII) e Peres (XIV a XVI), Rodriguez (XII e XIII) e Rodriges/Rodrigues (XIV a XVI) etc.

A admisión de formas con J, G+e/i ou X conforme á etimoloxía seguindo o criterio da grafía histórica: Araújo, Argiz, Gesteira, Gil, Janeiro, Queijeiro, Rajói, Tojo, Ameixeiras, Freixo, Seixo etc. Aquí é mellor argumentar coas palabras do escritor e exacadémico X.L. Méndez Ferrín no seu “Consultorio dos Nomes e dos Apelidos Galegos” (Xerais, 2007): “Algúns filólogos soen dicir que o j e o g ante e, i, nos apelidos galegos son correctos porque ás veces conservan a grafía medieval. Ao que hai que responder que na Idade Media existían esas grafías porque representaban un son diferente do que representaba o x. Na actualidade, carece de sentido conservar ese j e g ante e, i porque todos o lerán polos fonemas casteláns aos que hoxe se asocian. Por exemplo: Feijóo, Janeiro, Tojo, Gesteira, Gil, así escritos, son historicamente xustificábeis pero na actualidade funcionan como castelanización das formas galegas Feixó, Xaneiro, Toxo, Xesteira, Xil, axustadas á norma vixente da Academia Galega”.

E a actualización gráfica de apelidos que conservan unha ortografía antiga: Naya > Naia, Romay > Romai, Caamaño > Camanho/Camaño, Saa > Sá, Feijoo > Feijó/Feixó, Ribeyro > Ribeiro, Pineyro > Pinheiro/Piñeiro, Montoya > Montoia, Pedrayo > Pedraio, Noya > Noia etc., presenta a mesma deficiencia argumental có anterior, admitir os que levan J e G+e/i polo seu carácter histórico pro modificar os que presentan duplicación de vogais ou a letra Y, malia que tamén teñan indubidabelmente o mesmo carácter histórico. Daquela só hai que respectar as grafías históricas que coincidan co portugués?

Non obstante, en xeral o autor achega as solucións lóxicas galegas que deberían facer meditar aos portadores de aberracións onomásticas como: “Dávila” (da Vila), apelido moitísimo máis común en Galiza ca na cidade castelá, “Dobao” (do Vao), “Dorrego” (do Rego), “Dobal” ou “Ovalle”(do Val), “Velo” (Belo), “Sotelo” (Soutelo), “Montoto” (Montouto), “Balouta” (Valouta), “Rivas” (Ribas), “Cobas” (Covas) etc., xurdidas da máis absoluta e reprobábel ignorancia.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.