A actual división provincial de Galicia ten só 189 anos de historia. Pola contra, a división do territorio nas circunscripcións eclesiásticas que hoxe seguen en vigor é moito máis antiga, aínda que foi sufrindo pequenas modificacións. Quizais é por isto que estas divisións administrativas seguen a marcar unha fronteira que de forma significativa determina a distribucións dos apelidos máis comúns en Galicia e outros territorios.
"As rexións de apelidos descubertas son consecuencia de “relacións estreitas e duradeiras no tempo entre os poboadores que habitaban estas áreas”, destaca a investigadora
É a conclusión á que chegou a investigadora María José Ginzo Villamayor, da Universidade de Santiago, na súa tese de doutoramento, Técnicas estatísticas en xeolingüística. Modelización onomástica, dirixida pola profesora Rosa Crujeiras Casais. O traballo achou no interior de Galicia cinco grandes rexións con características moi definidas en canto aos apelidos máis comúns das persoas que nelas viven. Ginzo conclúe que esas rexións se corresponden de forma relevante coas divisións eclesiásticas.
“As semellanzas coas divisións eclesiásticas deben ser interpretadas en detalle polos historiadores para confirmar se as coincidencias están relacionados con condicionantes históricos antigos”, matiza
“As semellanzas entre a estrutura de poboación identificada no estudo dos apelidos e estas divisións eclesiásticas deben ser interpretadas en detalle polos historiadores e demógrafos. Coa súa axuda poderase confirmar se a coincidencia na organización territorial destes dous tipos de información están relacionados con condicionantes históricos antigos”, matiza a investigadora. Porén, subliña que as rexións de apelidos descubertas son consecuencia de “relacións estreitas e duradeiras no tempo entre os poboadores que habitaban estas áreas”.
Os apelidos poden empregarse como fonte de información xa que a análise do patrón dun apelido proporciona información sobre tendencias de movementos de poboación ao longo do tempo
A arquidiocese de Santiago abrangue o norte da provincia de Pontevedra e toda a provincia da Coruña, agás a maior parte de Ferrolterra. A diocese Mondoñedo-Ferrol inclúe a parte norte das provincias da Coruña e Lugo. A diocese de Lugo contén o resto desta provincia e mais a comarca do Deza. A diocese de Ourense comprende toda esta provincia, agás Valdeorras, que corresponde á diocese de Astorga. E, finalmente, a diocese de Tui-Vigo incorpora todo o sur da provincia de Pontevedra. Como se pode observar nos mapas, as cinco rexións de apelidos delimitadas coinciden coas cinco dioceses galegas.
“As investigacións desenvolvidas no campo da onomástica, ata agora, non teñen en conta a dimensión espacial e espazo-temporal da evolución dos apelidos”, sinala a investigadora
A investigación de María José Ginzo Villamayor céntrase na introdución de novas técnicas estatísticas para o tratamento de datos e modelización en xeolingüística, en concreto, en datos de onomástica, afondando na identificación de patróns de apelidos a través de medidas de isonimia (posesión do mesmo apelido). Os apelidos poden empregarse como fonte de información para caracterizar poboacións xa que a análise do patrón dun apelido proporciona información sobre tendencias de movementos de poboación ao longo do tempo, destaca a investigadora.
Na investigación tivéronse en conta os fenómenos de urbanización en Galicia arredor dos anos 60-65 do pasado século, pois os movementos de poboación cara ás áreas urbanas foron moi importantes a partir dese momento
No marco desta tese fixéronse estudos de migración acometendo os comportamentos dos apelidos e tivéronse en conta os fenómenos de urbanización en Galicia arredor dos anos 60-65 do pasado século, pois os movementos de poboación cara ás áreas urbanas foron moi importantes a partir dese momento. Por ese motivo, consideráronse os apelidos das persoas nacidas en 1965 ou antes. “As investigacións desenvolvidas no campo da onomástica, ata agora, non teñen en conta a dimensión espacial e espazo-temporal da evolución dos apelidos”, sinala a investigadora.