Dezaoito concellos únense en Alingua para "proxectar o galego con fachenda"

Presentación de Alingua, este 21 de marzo de 2022 no Auditorio de Galicia (Santiago) © Denís Estévez / Alingua

Dende o comezo da autonomía, os concellos foron claves nos avances no uso normal do idioma en diversos eidos. Ao abeiro de leis como a do uso do galego como lingua oficial de Galicia polas entidades locais (1988) ou con iniciativas de cada municipio, foron diversos os gobernos locais nos que agromaron iniciativas de forte importancia neste eido. No ronsel de moitas delas vén de nacer Alingua, a Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega, que recolle boa parte do traballo feito nos últimos anos para "proxectar o galego con fachenda".

A nova entidade, presentada este 21 de marzo, xoga co idioma dende o seu nome para crear un neoloxismo que vira en verbo, "alinguar" entendido como "usar a lingua propia para expresar pensamentos e accións ao tempo que se manifesta unha vontade expresa de autodefinición e afirmación nela e na cultura que vehicula", sinala o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños (BNG), primeiro presidente da asociación. Todo, explican, para "dar resposta aos retos de futuro que o galego debe afrontar.

Campaña de presentación de Alingua © Alingua

Alingua nace cunha primeira campaña de lanzamento na que rostros coñecidos de diversos ámbitos "procuran subliñar o orgullo de contar cunha lingua propia mediante mensaxes curtas". Actrices como Mela Casal ou Melania Cruz, o actor Xosé Antonio Touriñán, a cantante MounQup, xornalistas como David Espiño, Patricia Santana e Fernando González Gonzo, o músico Alonso Caxade, a bailarina Ánxela Franco ou a maga Sara Rodríguez poñen cara á primeira acción dunha rede que nace da man dos concellos da Baña, Ames, A Coruña, Betanzos, Cedeira, Ferrol, Moaña, Narón, O Grove, Ponteceso, Pontevedra, Redondela, Ribadeo, Rianxo, Rois, Santiago, Teo e Vilagarcía.

A Asociación de Entidades Locais pola Lingua Galega nace co impulso de concellos que xa viñan colaborando neste eido. A súa primeira campaña, 'Alingua aí', conta coa colaboración de rostros coñecidos que animan ao uso normal do galego e convidan a que se sumen máis institucións

A nova asociación nace despois de anos en que moitos destes concellos xa colaboraron en múltiples accións a prol do uso normal do idioma, tales como Apego, Youtubeir@s, Enreguéifate ou o Club de Debate. Agora, explican, queren aumentar a colaboración con accións para "aumentar o uso do galego" e ao tempo, unir forzas para realizar outras novas dun xeito máis "eficaz". "aglutinará a vontade normalizadora das administracións locais" e "facilitará a xestión dos programas", augura Escarlata Pampín (BNG), edil de Normalización Lingüística de Ames.

A primeira iniciativa baixo o paraugas de Alingua é a devandita campaña de presentación, que decorrerá baixo o lema Alingua aí. A acción combina a difusión mediante as redes sociais e os medios de comunicación con sorteos para poder acudir a restaurantes do grupo Nove: Culler de Pau, Eirado da Leña, Pepe Vieira e O Balado. 

Adolfo Muíños, Escarlata Pampín e Rubén Prol, na presentación de Alingua, este 21 de marzo de 2022 en Santiago © Denís Estévez / Alingua

A intención é transmitir que "queremos colocar o galego no centro e aproveitar a forza que xera para potenciar todo o patrimonio colectivo, humano, cultural e económico que acubillan os nosos concellos", sinala o concelleiro de Política Linguística de Santiago, Rubén Prol (PSdeG). Resalta tamén que Alingua nace con vocación "expansiva" e por iso, di, a primeira campaña tamén procura que outros concellos se sumen.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.