A unión de 70 concellos, primeiro paso para unha rede municipal a prol do galego

Debate no Encontro de Política Lingüística Municipal © Concello da Coruña

Uns 70 concellos de toda Galicia participaron este luns en Compostela no Encontro de Política Lingüística Municipal organizado pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización Lingüística (CTNL) e polo Concello de Santiago. Foi no que pretende ser un primeiro paso cara á colaboración e o traballo en rede que estes municipios -e outros que se poidan ir engadindo- pretenden levar a cabo nos vindeiros meses a prol do galego e do seu impulso, tanto a través de medidas e accións concretas como a través da visibilidade e dos chamamentos conxuntos a favor da lingua propia. 

"Houbo concellos de todos os tamaños e de todas as cores políticas; foi unha cita importante pero sempre se botan en falta municipios"

"Había concellos de todos os tamaños e de todas as cores políticas; cremos que foi unha cita moi importante, pero sempre se botan en falta outros municipios que nos gustaría que estivesen e que agardamos que se incorporen no futuro ás dinámicas e recomendacións que se acordaron", asegura Nel Vidal. O presidente da CTNL fai balance dunha xornada que, máis aló das accións concretas acordadas, é "fundamental pola visibilidade dos concellos que se implican". "É moi importante pola mensaxe social que se manda e porque uns municipios tiran doutros", engade. 

Ademais das medidas puntuais, no Encontro propuxéronse "ferramentas estruturais para os concellos" na procura da normalización do idioma propio e que foron "concretizadas" en dúas: ordenanzas de impulso do galego para os municipios e a creación e impulso dos servizos de normalización (SNL), que tantos recortes e desaparicións sufriron nos últimos anos. "Son medidas posibles e moi positivas", insiste Vidal, que lembra que mesmo se presentou un texto base de ordenanza para que as administracións locais comecen a traballar nel e se advertiu das posibilidades dos SNL, tamén en canto ás opcións que ofrecen axudas como as da Deputación da Coruña, cunha dotación que "duplicará a de anos anteriores", ou ás posibilidades de "compartir recursos entre varias localidades, sobre todo as máis pequenas".

O Encontro propuxo "ferramentas estruturais" como os servizos de nromalización e as ordenanzas a prol do galego, máis aló das accións concretas

Alén disto, e en canto ás accións puntuais, presentáronse tres, dúas delas xa en marcha e outra máis que comezará en 2016. Así, unha delas é o proxecto Apego para a socialización dos máis pequenos no galego, impulsado pola CTNL e activo xa en varios municipios galegos; e outro o Club de Debate que con tanta relevancia callou en Pontevedra. Ao tempo, presentouse tamén o proxecto para o fomento de youtubeir@s en galego por parte do Concello de Ourense. Diferentes localidades irán confirmando nas vindeiras semanas a súa participación nestas diferentes iniciativas para o impulso do idioma. 

O Encontro foi un "primeiro chamamento" de cara a unha colaboración en rede e á unión de máis concellos no vindeiro ano

Porque o Encontro, tal e como aclara Nel Vidal, "foi pensado como primeiro chamamento". Un chanzo inicial que terá a súa continuidade noutras accións e que volverá reunir os representantes dos concellos, "de considerarse necesario", no vindeiro ano ou dous anos. "O chamado para 2016 é a entrada dos municipios nestas dinámicas", engade o presidente da CTNL, que anucia tamén que cara a mediados do vindeiro ano, e con motivo do centario das Irmandades da Fala, preténdese unha declaracións pública e conxunta destes concellos e de moitos máis que se unan a prol da normalización do galego. 

A Coruña triplicará o orzamento

Ademais disto, no Encontro levouse a cabo un debate no que interviron o alcalde da Coruña, Xulio Ferreiro; o de Lalín, Rafael Cuíña; o da Estrada, José López Campos; así como Carmen Basadre e Isabel Vaquero, concelleiras en Lugo e Ames. Todos eles destacaron o papel da política municipal e das súasu accións no futuro da lingua galega. 

O rexedor coruñés aproveitou para anunciar que o Concello vai triplicar o persoal e o orzamento para o servizo municipal de normalización lingüística por "entender que o galego ten que ser transversal”. Ademais, destacou como novidades o feito de que tanto a comunicación pública municipal como a dos concelleiros e concelleiras sexa “sempre en galego”. “A normalidade ten moito que ver, e vaise trasladando pouco a pouco á cidade", engadiu, tras destacar o "ambiente favorable que en xeral hai" cara ao idioma propio na cidade. 

"A Coruña é a cidade con máis galegofalantes do mundo; o 24M desmontou tópicos", di Xulio Ferreiro

"A Coruña é a cidade con máis galegofalantes do mundo. Nos barrios escóitase galego e a xente nova que chega das vilas segue falando galego. Estas eleccións municipais desmontaron tópicos e amosaron que na Coruña non hai un rexeitamento. Que unha forza política que fai unha campaña 100% en galego conseguise alcanzar o goberno é a mostra”, insistiu.

Pola súa banda, Carmen Basadre, concelleira de Cultura en Lugo, destacou a importancia das "políticas transversais" de fomento do galego nos concellos e explicou diversas actuacións levadas a cabo pola administración local en materia de promoción da lingua, como certames literarios, actividades nos centros educativos ou  animación á lectura e contacontos.

Antes, o alcalde compostelán, Martiño Noriega, mostrou o seu desexo de que Santiago "volva exercer, igual que neste pasado recente, e abrir as portas da nosa casa para que desde hoxe poidamos traballar, conxuntamente e mancomunadamente, para construír ese novo discurso que o galego precisa". Para o rexedor, é necesario "actualizar o noso entusiasmo, traballar en rede e reforzar a colaboración entre todos os concellos", para ser "esa primeira pedra do novo futuro que queremos construír para a lingua". Ademais, insistiu en que "as administracións locais non deben colocarse de perfil porque a lingua tamén é da nosa competencia".

Martiño Noriega abre o Encontro © Concello de Santiago

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.