0 Gardados para despois

Apego, o proxecto para impulsar o galego desde a infancia arranca en doce concellos

Miguel PardoMiguel Pardo | @depunteirolo


Durante o pasado Curso de verán de dinamización lingüística celebrado en Carballo e centrado na transmisión interxeracional da lingua, varios técnicos de normalización lingüística preguntáronse que podían facer desde o seu ámbito profesional para facilitar a socialización en galego dos pequenos desde a infancia. Á marxe da iniciativa política que recae en máis altas instancias e do impulso familiar de cadaquén, estes traballadores prepararon un proxecto ante a preocupante situación do idioma entre os máis cativos. Presentárono e propuxéronllelo aos arredor de 40 concellos que aínda manteñen en Galicia o seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL). Doce foron os que aceptaron e os que arrancarán a principios de maio coa iniciativa Apego. 

Doce concellos galegos uníronse ao proxecto en rede para garantir a transmisión do galego entre os máis pequenos

A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo son os municipios que deron o paso ante a preocupante situación da adquisición, socialización e uso do galego nas idades máis temperás. Ante esas estatísticas que aclaran que tres de cada catro rapaces de menos de 15 anos é castelanfalante, ao igual que dúas de cada tres persoas entre 15 e 29 anos. Porque o galego xa só é maioritario entre os maiores de 50 anos e transmisión interxeracional ten moito que ver. 

"Hai medidas que podemos facer e impulsar nós", insiste Nel Vidal, presidente da Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua (CTNL), que asegura que nunha iniciativa como Apego "é fudamental que participen as entidades locais por ser as máis achegadas á cidadanía". Este pasado luns, os doce concellos implicados asinaron a posta en marcha do proxecto, que busca a socialización en galego desde a primeira infancia e que "procurará implicar as familias na valoración positiva da lingua propia"

A idea, tal e como explica a CTNL, é "tecer redes de apoio para a transmisión do galego como idioma de relación, descuberta do mundo e identificación coa familia e coas raíces, co propio". E os obxectivos non son outros máis que incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial, así como "promover que o usen de maneira habitual e que teñan espazos, situacións e recursos para facelo", polo que incluirá accións dirixidas ao ámbito familiar e social das crianzas ata os seis anos e cun método de continuidade que se irá enriquecendo en rede, coa colaboración de todos e todas.

Apego pretende que os nenos "usen de maneira habitual o galego e teñan espazos, situacións e recursos para facelo"

"Os materiais que achegaremos son moi útiles, pero a clave é o contacto personalizado, a posibilidade de axudar e colaborar coas familias", di Vidal, que aclara que os técnicos serán tamén como "unha especie de guía ou titor" para aquelas persoas que busquen a maneira de manter a transmisión interxeracional do galego cos seus fillos, así como materiais, ideas e fórmulas para a socialización na lingua propia. 

Entre as accións de Apego que foron comprometidas polos doce concellos participantes está o deseño dunha imaxe común para o programa -na que un polbo será o símbolo-; a edición dunha campaña informativa con material para distribuír nos espazos que habitualmente atenden ao embarazo e á adopción; a produción e distribución de 5.000 caixas con materiais como un libro de recomendacións, un álbum de primeiras experiencias, unha manta-apego, un medidor.... Todo para entregarlles ás persoas que agardan un fillo ou filla coa finalidade de "preparar a acollida das crianzas, dende a perspectiva da responsabilidade da transmisión da lingua".

Entre os materiais a repartir entre as familias atópanse libros, álbumes ou discos con cancións infantís

Tamén se producirán e distribuirán 5.000 discos con cancións infantís en galego de grupos variados para diferentes momentos e con diferentes motivos, ademais de crearse unha rede coas familias interesadas en recibir información e recursos de apoio para a crianza en galego. Todo completado con obradoiros formativos, actividades dirixidas aos pequenos (cantos de erce, xogos...) e a creación dun espazo-web para informar do desenvolvemento do programa e aglutinar o acceso á información, recursos e redes de apoio á transmisión da lingua.

Apego creará unha rede coas familias interesadas en recibir información e recursos de apoio para a crianza en galego

A implementación do programa Apego comezará na primeira semana do vindeiro mes de maio e arrancará con estes doce municipios, pero a idea é estendelo a moitos máis, de principio -e como mínimo- aos 40 que aínda contan con cadanseu Servizo de Normalización Lingüística. Será un proxecto coa idea fundamental que se expresa na súa propia denominación: a de fomentar o apego ou, xa que logo, a "afección, inclinación ou amor por algo ou alguén". O vínculo, a sintonía e empatía co idioma propio. "O apego é necesario para o desenvolvemento social e emocional. E o apego é fundamental para a lingua", remata a CTNL. 

Evolución dos e das galegofalantes por idade

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.