As mellores regueifas do confinamento reafirman a improvisación oral en verso como vehículo de promoción do galego

Imaxe da edición 2020 de Enreguéifate ©

No ano 2017 o Concello de Santiago puxo en marcha o proxecto Enreguéifate co obxectivo de difundir a tradición da improvisación oral en verso en galego. Na súa segunda edición o certame estendeuse a Ames, Teo e Carballo, e posteriormente incorporou á súa organización a Pontevedra e Rianxo. A iniciativa busca que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar, e contribuír, por medio dela, á promoción do uso da lingua galega. Por este motivo, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa.

O Enreguéifate anunciou este luns os vídeos premiados na edición deste ano, que se desenvolveu do xeito habitual malia a situación de confinamento producida por mor da COVID-19. En total, recibíronse 27 vídeos a concurso, 16 na categoría escolar e 11 na xeral, procedentes de O Grove, Tordoia, Donostia, Santiago, Lugo, Baio, Burela, Cangas, Ourense, Cotobade, Gondomar, Ferrol, Malpica de Bergantiños, Teo, Mourente ou Baamonde.

O xurado deste ano estivo formado por Conchi Cochón, técnica de normalización do Concello de Pontevedra; Manolo Maseda, mestre, músico e regueifeiro; Séchu Sende, mestre, escritor e regueifeiro; Vero Rilo, narradora oral e Lupe Blanco, regueifeira.

Ao non poder haber gala final, por mor da pandemia de coronavirus, os gañadores e gañadoras anunciáronse a través dun vídeo protagonizado por Séchu Sende como representante do xurado e que estivo moi ben acompañado polas Regueitubeiras.

Premiados e premiadas na categoría xeral

  • A máis brava: De norte a sur - Localismos 2.0
  • A máis aguda: Trespés - Antítodo anti todo 
  • A máis diversa: decídese deixar deserta esta categoría por non haber ningún vídeo que encaixe e cumpra as bases. Acórdase facer unha mención a “Os Conxugadores”, xa que a súa regueifa era a única realmente diversa pero pasaba moito dos 3 minutos.
  • A máis reivindicativa: Regueifeires dos emojis - AGAL vs RAG
  • A mellor falada: As despistadas - Regheifa na casa!
  • A mellor cantada: Entre nós - Etioloxía do coronavirus?

Premiados e premiadas na categoría escolar

  • A máis brava: Patakas Bravas - As linguas: patrimonio natural
  • A máis aguda: COV-Regueifeiras- COV-verán
  • A máis diversa: "Clase Rosalía". San Xoán de Filgueira - Regueifeir@s dispost@s a salvar o planeta. Decídese tamén facer unha mención a María, participante do grupo Irmanciñ@s.
  • A máis reivindicativa: "Banda EcoTeo" - EcoRegueifa
  • A mellor falada: As rejeifeiras do Cabaso – As rejeifeiras do cabaso
  • A mellor cantada: As guardianas baiesas – A loita por un mundo mellor

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.