O certame, que celebra a súa segunda edición, busca difundir a tradición da improvisación oral en verso en galego
O proxecto Enreguéifate, que o Concello de Santiago puxo en marcha o ano pasado para difundir a tradición da improvisación oral en verso en galego, medra na súa segunda edición deste 2018 e, ademais de ampliar as súas actividades aos concellos de Ames, Teo e Carballo, estrea páxina web (enregueifate.gal), na que se poden ver os gañadores do pasado ano das distintas categorías: regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor falada e mellor cantada.
Regueifa máis brava na categoría xeral do certame de 2017
“O obxectivo principal deste proxecto é que a cidadanía entre en contacto coa improvisación oral en verso a través da experiencia de regueifar, nomeadamente no ámbito escolar. Por iso, inclúe accións formativas para alumnado e profesorado, un certame regueifeiro e un encontro anual de regueifa”, salientan os organizadores.
Regueifa máis brava na categoría escolar do certame de 2017
Enreguéifate mantén as dúas actividades xa desenvolvidas o ano pasado: o certame de regueifas en video, que será convocado nas próximas semanas, e o festival Regueifesta que se celebrará o 2 de maio no Auditorio de Galicia. A esas suma dúas accións novas: unha xornada de formación para docentes que terá lugar en Carballo e xornadas de formación para o alumnado en cada un dos catro concellos participantes.