As regueifas non teñen idade. Alumnado de Primaria e Secundaria dos tres centros educativos do Concello de Zas levaron a cabo nos últimos meses o proxecto “As regueifas dos Pazos” co que se busca valorizar a arquitectura civil existente neste concello coruñés, pazos e casas grandes coma o pazo das Torres do Allo, o pazo do Cruceiro, o pazo de Daneiro, o de Follente e a Casa do Concello. Fixérono ademais a través de regueifas e, ademais, interactuando con persoas con persoas maiores da localidade, que lles falaron da historia destes pazos e casas grandes.
O proxecto “As regueifas dos Pazos” co que se busca valorizar a arquitectura civil existente neste concello coruñés, pazos e casas grandes
Nesta primeira fase do proxecto participaron alumnos e alumnas de 4º e 6º de Educación Primaria e un grupo mixto de Educación Secundaria do CEIP Labarta Pose, do CPI de Zas e do IES Maximino Romero de Lema. Ademais de crear e cantar as regueifas, con este tipo de traballo os máis novos e novas coñecen o patrimonio do Concello empregando as novas tecnoloxías xa que foron elas e eles as encargadas de gravar e montar os vídeos.
Alumnas e alumnos dos tres centros educativos conversaron coas persoas maiores que nalgún momento das súas vidas tiveran algún tipo de relación con algún pazo ou casa grande do municipio
Dezasete alumnas e alumnos de 6º de Primaria do CEIP Labarta Pose, xunto coa súa profesora Sinda Cundíns, realizaron regueifas sobre a casa natal de Labarta Pose, o pazo das Torres do Allo e o pazo do Cruceiro de Zas.
Esta primeira parte do proxecto incluíu a celebración dun encontro interxeracional coa veciñanza que tivo lugar no pasado mes de novembro no Centro Sociocultural de Baio. Alumnas e alumnos dos tres centros educativos conversaron coas persoas maiores que nalgún momento das súas vidas tiveran algún tipo de relación con algún pazo ou casa grande do municipio. Fixéronlles preguntas sobre a súa relación con estas construcións, sobre os costumes, o traballo, a emigración e tamén sobre as festas.
Con toda a información recompilada, xunto coa investigación previa realizada nos centros, os grupos compuxeron as súas regueifas. Estas improvisacións orais en verso fomentan a capacidade de articulación dun discurso e amplían as aptitudes retóricas, destacan dende o Concello.
Un cantar de cego foi a temática elixida polos 14 alumnos e alumnas de 4º de Educación Primaria do CPI de Zas que, xunto co seu mestre José Antonio Vázquez Martínez, montaron un vídeo de dous minutos de duración.
O pazo de Daneiro, o de Follente e a Casa do Concello foron os bens sobre os que investigaron un grupo de estudantes do IES Maximino Romero de Lema. Para ver o seu traballo teremos que agardar ata despois do Nadal.