Un total de 35 propostas compiten polos galardóns da quinta edición dos Premios Youtubeiras. A organización destaca o "notable aumento na calidade técnica e de contidos" e a "importante ampliación das temáticas tratadas" entre as participantes deste ano.
Os videoblogs, os deportes, as viaxes, a identidade, a sexualidade, a cociña, os xogos e a música son os principais asuntos que se abordan con máis regularidade entre as youtubeiras e youtubeiros, que constitúen unha "comunidade en pleno proceso de expansión e consolidación", como salienta Carme Pereiro, a coordinadora dos Premios Youtubeiras.
Youtubeiras recupera neste 2021 a gala presencial de entrega de premios, que se celebrará na Casa da Cultura de Bertamiráns (Ames) o venres 26 ás 20.00 horas. Os convites para asistir como público á celebración conducida polas Tanxugueiras xa están dispoñibles.
O xurado, constituído polo sociolingüista Fernando Ramallo, o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e directora do Carballo Interplay Sonia Méndez e a xornalista Esther Estévez reuniuse en Pontevedra para escoller a relación de finalistas en once das doce categorías, xa que o Premio do Público vén determinado polos votos emitidos polas internautas nas redes sociais de Youtubeiras.
Olanxonmario e Neeumatiko aspiran a facerse cos premios en cinco categorías, o primeiro é candidato nas categorías canle, youtubeira, vídeo, impacto e creatividade, mentres que Neeumatiko opta ás categorías canle, youtubeira, calidade lingüística, impacto e didáctico. Cousxs podería levarse catro premios (youtubeira, vídeo, calidade lingüística , musical), da mesma maneira que O Son das Ideas (canle, técnica, didáctico e creatividade).
O xurado valorou positivamente tanto "a cantidade como a calidade" das canles presentadas e tamén salientou "a existencia dunha comunidade asentada de referencia para o Youtube en lingua galega". Así, as súas deliberacións determinaron que Olaxonmario, Neeumatiko e Cousxs sexan as finalistas do Premio Youtubeira 2021.
Neeumatiko e Olaxonmario aspiran ademais xunto a O Son das Ideas a facerse co galardón á mellor canle de Youtube. Na categoría de vídeo, entre as finalistas tamén está Olaxonmario con Por que non entendo o portugués? Co @Portuguese whit Leo; e mais Cousxs con A nova bomba de Tanxugueiras; e PradoRúa con Educación Franquista.
Os galardóns a Youtubeira 2021, á mellor canle e ao mellor vídeo contan cunha dotación económica que ascende aos 1.000 euros, mentres que a do resto de categorías é de 500. Os Premios Youtubeiras son unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.
Para o Premio do Público a elección nas redes de Youtubeiras está a ser entre o vídeo Conversas con Anselmo López Carreira: O reino medieval de Galicia, da canle Orgullo Galego; Amemos o noso, de Xabi Gómez; e 'El cuarteto de IBAI' - Lucas Requena (PARODIA / VERSIÓN GALEGA) | Feat. Dani Piñeiro, de Fica coa Bola. Todas as finalistas desta quinta edición poden consultarse no web das Youtubeiras.