A IV edición do Premio Youtubeir@s presentábase este ano baixo o lema A expandir a rede. E abofé que o conseguiu. Un dos principais obxectivos deste certame é "crear comunidade" e incrementar a cantidade e a calidade dos contidos audiovisuais en galego en Internet, especialmente en Youtube, algo que vén facendo dende a súa primeira edición, celebrada no ano 2016.
Neste complexo ano 2020, o certame bateu os seus récords, recibindo 536 vídeos que optaron aos seus doce galardóns, máis do dobre das 240 pezas que participaran na edición anterior
Youtubeir@s é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña. Neste complexo ano 2020, o certame bateu os seus récords, recibindo 536 vídeos que optaron aos seus doce galardóns, máis do dobre das 240 pezas que participaran na edición anterior.
Este mércores veñen de anunciarse os seus gañadores e gañadoras, que foron seleccionadas polo xurado, formado por Matías Tarrío, Mabel Montes, Rosa Moreiras, Xoana e Brais Romero. A pandemia de coronavirus obrigou a substituír a tradicional gala de entrega pola emisión dunha serie de entrevistas con finalistas e gañadoras conducidas por Lucía Aldao e María Lado. Nos vindeiros días emitiranse por Youtube as conversas coas propostas gañadoras dos premios principais deste certame.
Estes son os gañadores e gañadoras, entre os que aparecen Olaxonmario, Aquel-e, Éric Dopazo, Antón Varela, Aarón Vilariño, Pablo Rodríguez Vila, FØ Records e canles como Cousas rarismASMR, Naturiza, Cativos na Cociña, O Son das Ideas e pradorua. Algúns deles son ben coñecidos na rede galega e na comunidade youtubeira, e outros non tanto. Entre eles destaca o premio á serie ‘Os vinte dos XX’, publicada nos últimos meses pola revista Vinte.
Os tres primeiros premios (Canle, Youtubeir@s e Vídeo) contan cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os demais galardóns ascenden a 500 euros. En total, os IV Premios Youtubeir@s repartiron 7.500 euros. Os 536 vídeos recibidos son obra de 113 creadores/as, dos cales o 45% son persoas nacidas na década de 1990, mentres que un 18% corresponden xa aos nacidos entre o ano 2000 e 2006 (a idade de participación mínima era de 14 anos). En canto á orixe dos/as participantes, cómpre destacar que a maioría proceden de núcleos de menos de 10.000 habitantes, seguidos por concellos de entre 10.000 e 50.000 habitantes
1- O Premio á Mellor Canle é para a canle ‘pradorua’. O xurado decidiuno así pola súa oferta de “contidos variados, orixinais e de calidade” que proporciona “a ollada dunha muller nova cun enfoque moi actual”.
2. O Premio Youtubeir@ é para ‘olaxonmario‘, de quen o xurado destaca o labor que desenvolve en galego no Youtube, sendo de “grande impacto” ao “non pasar desapercibido en canto a novidoso e orixinal”.
3. O Premio ao Mellor Vídeo é para ‘O cabalo de Alberte Merlo’, que para o xurado significa unha “mestura da historia da literatura galega e os conflitos lingüísticos de Galicia” chea de “enxeño e retranca”.
4. O Premio á Calidade Lingüística recoñece o vídeo ‘As patacas do Paraíso’, de Cativos na Cociña. O xurado ve nesta proposta “un uso coidado da lingua” e “unha riqueza lingüística que reflicte, especialmente no ámbito fonético e lexical, un rexistro coloquial dentro dunha variante dialectal”, o cal lle dá un “plus de calidade, de frescura e de proximidade” á produción.
5. O Premio Impacto é para o vídeo ‘Xogando con Ana Pontón aos Sims’, do youtubeiro Aquel-e en colaboración con Olaxonmario, no cal entrevistan a canditada do BNG á presidencia da Xunta nas últimas eleccións xerais. Para o xurado, o vídeo representa “unha maneira orixinal e eficaz de achegar a política aos máis novos usando outro tipo de canles e linguaxes diferentes ás tradicionais”.
6. O Premio á Calidade Técnica é para ‘Os vinte de XX. Capítulo II. As Irmandades da Fala’, vídeo de Antón Varela. O xurado destacou desta proposta que se trata “dunha mostra representativa da serie ‘Os vinte dos XX’, que ofrece unha panorámica galega polos anos vinte do século XX cunha excelente calidade técnica, sobre todo no referido á edición e ao traballo gráfico”.
7. O Premio Comunicación recaeu en ‘Un rapá transquilo’, canle de Éric Dopazo. O xurado destaca a “absoluta solvencia, naturalidade, desdramatización e mesmo tirando do humor” ao relatar en primeira persoa unha realidade tan complexa como é o proceso de tránsito de xénero.
8. O Premio Creatividade pon en valor a canle ‘O Son das Ideas’, de Darío Lago. O xurado subliña a capacidade de trasladar a explicación de complexas leis físicas ao ámbito do cotián e aplaude “o emprego de recursos tecnolóxicos de xeito divertido e ameno”. Ademais, por se quedasen prexuízos, esta canle “promove o galego como lingua perfectamente válida para a divulgación científica”.
9. O Premio ao mellor vídeo musical é para ‘Lume’, de FØ Records, unha produción moderna cun tema propio que, a ollos do xurado, “actualiza a música galega a ritmo de trap”.
10. O Premio Didáctico recoñece o traballo de ‘Naturiza’, canle de Diego Ferraz que, para o xurado, “achega dun xeito ameno, claro e entretido contido científico relacionado co medio natural”.
11. O Premio Pioneiro recoñece a canle ‘Cousas rarismASMR’, de Helena Antía López. Para o xurado, a canle leva “o noso idioma e, con el, a comunidade Youtube en galego, a terreos moi pouco explorados, pero facéndoo con gran calidade e xeito”.
12. Por último, o Premio do Público, votado virtualmente polo público de Youtube, recaeu en ‘Apps para docentes, de Titoriais para profesorado de Galicia’, de Pablo Rodríguez Vila.