Hai uns días botou a andar a segunda edición de Youtubeir@s, o certame que busca promover o uso do galego en Youtube, fomentando a creatividade con temas propios e procurando xerar referentes en galego nun axente de innegable repercusión social dende o mundo dixital como son os/as youtubeiros/as. A primeira edición saldouse cun enorme éxito, con máis de 200 vídeos recibidos, algúns deles de gran calidade, conseguindo ademais que unha parte importante dos e das participantes abrisen canles permanentes na plataforma. O proxecto está organizado polos servizos de normalización lingüística de nove concellos (A Baña, Ames, Carballo, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove), polas tres universidades galegas e pola Deputación da Coruña
Nos premios Youtubeir@s poden participar todas as persoas maiores de 14 anos a través de vídeos de opinión ou videotitoriais autoproducidos en galego subidos a Youtube de xeito independente ou nunha canle. Todas as pezas participantes teñen que estar publicadas con data posterior ao 28 de abril de 2017. O certame entregará 5.500 euros en premios, con varias categorías: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica, calidade lingüística e o premio do público.
"Ao comezo, non tiñamos claro se debiamos admitir unicamente vídeos de mozos e mozas, ou se era mellor abrir o concurso a todo o mundo por riba de 14 anos, e decidimos isto último porque consumidores de youtube hainos de todas as idades"
Este galardón do público, chamado #propostayoutubeira, é unha das grandes novidades deste ano, xa que a través de Facebook todas as persoas poderán propoñer a través dun simple comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que sexan seareiros/as incluíndo a etiqueta #propostayotubeira. Os premios entregaranse o vindeiro 20 de abril de 2018 nun acto público na Coruña no cal o xurado dará a coñecer os vídeos gañadores. Falamos con Mónica Fernández Valencia, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, coordinadora do proxecto.
Que valoración fixestes da primeira edición de Youtubeir@s?
Quedamos moi contentas porque nunha primeira edición nunca sabes que vas atopar. Tivemos máis de 200 vídeos presentados, máis ou menos a metade en cada unha das dúas categorías. E de calidade, bastante ben. Vimos que había xente que era a primeira vez que se achegaba ao youtube, a través dos cursos que formación que se deron. Outras persoas, en cambio, xa tiñan unha canle, pero non facían os seus vídeos en galego, e mudaron para o galego. Houbo tamén persoas que fixeron grazas a Youtubeir@s o seu primeiro vídeo e hoxe manteñen unha canle activa. Isto é moi interesante, porque a idea era que a xente continuase, que fixese simplemente un vídeo para o concurso e xa.
Sorprendeuvos algo no tipo de vídeos recibidos?
Levamos unha certa sorpresa coa idade dos e das participantes. Ao comezo, non tiñamos claro se debiamos admitir unicamente vídeos de mozos e mozas, ou se era mellor abrir o concurso a todo o mundo por riba de 14 anos, e decidimos isto último porque consumidores de youtube hainos de todas as idades. E ao final un dos vídeos gañadores foi o das mulleres de San Sadurniño, que non son precisamente unhas adolescentes, e ao final fixeron unha canle, con moita produción.
"Lanzamos unha nova modalidade, a proposta youtubeira, para que se poidan candidatar vídeos que haxa por aí, sen necesidade de que se inscriba a xente, para dar a coñecer o que xa se está facendo"
E en canto ao estilo ou aos temas? A xente segue simplemente modelos establecidos ou hai variedade?
Un dos obxectivos do proxecto era non fomentar que houbese vídeos en galegos, senón vídeos que falasen da realidade de aquí. Eu teño adolescentes na casa e vexo que a maior parte dos vídeos que consumen son de Latinoamérica, que teñen moita produción. E creo que é importante que haxa vídeos e canles que conten a realidade de Galicia para o mundo. Hai moitos nos que se nota que copian o formato das canles que teñen éxito, pero outros son distintos, teñen a súa propia personalidade. E sobre os temas, o mesmo, vídeos moi variados, semellantes ao que se pode atopar en youtube: cociña, horticultura, titoriais, reflexións...
Que novidades hai nesta segunda edición?
Este ano imos reforzar a presenza nas redes sociais e a campaña de divulgación. Coa idea de crear comunidade e de visibilizar o que se fai en galego, lanzamos unha nova modalidade, a proposta youtubeira, para que se poidan candidatar vídeos que haxa por aí, sen necesidade de que se inscriba a xente, para dar a coñecer o que xa se está facendo. Tamén incorporamos o premio á canle, para favorecer as persoas que son constantes e publican cunha certa regularidade.
"Para os concellos é importante a repercusión que acadan con Youtubeir@s en toda Galicia"
Outro dos elementos máis interesantes do proxecto é o traballo conxunto de varios concellos, de cores políticas moi distintas, ademais. O obxectivo é incrementar o número de institucións participantes?
As administracións que participan teñen que ter servizo de normalización lingüística. E por desgraza non somos moitos os concellos que o temos. Á hora de financiar a actividade, temos unha fórmula que busca favorecer a inclusión de concellos pequenos, de xeito que unha parte se paga de acordo coa poboación do concello, o que permite que estea, por exemplo, A Baña. E creo que para os concellos é importante a repercusión que acadan con Youtubeir@s en toda Galicia.