Seis proxectos que poden servir como modelo para asegurar 'Mil Primaveras' máis para a lingua galega

Presentación de Youtubeir@s no Carballo Interplay Dominio Público Praza Pública

Fronte aos moi negativos datos de uso do galego (sobre todo nas novas xeracións), fronte ao pesimismo e á desesperanza, un gran número de proxectos en todo país traballan todos os días conquistando novos espazos para a lingua, construíndo o seu futuro. Seis deles veñen de ser recoñecidos cos Premios Mil Primaveras, promovidos pola Coordinadora de Traballadores/as de Normalización da Lingua (CTNL) en colaboración coa Deputación de Pontevedra.

"Búscase recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos"

Trátase de Modelo Burela (como proxecto estabilizado), Falemos de ti e min (como proxecto novo), Desafío 48 h (pola súa comunicación e impacto), Youtubeir@s (como programa máis innovador), Eu presumo de galego (como proxecto destinado á mocidade) e GCiencia (como proxecto dun ámbito sectorial). Os galardóns entregaranse e Pontevedra o vindeiro 21 de setembro, nun acto que conta co apoio do Concello.

O obxectivo desta iniciativa, que botou a andar este ano, é "recoñecer e difundir" accións e programas que buscan incrementar o uso e o prestixio da lingua galega. "Desta forma búscase recoñecer e proxectar o traballo ben feito no ámbito da normalización lingüística, dar visibilidade a proxectos positivos e seleccionar boas prácticas que poden servir como modelos", sinala a CTNL, que avaliu un total de 47 proxectos.

Premios Mil Primaveras © CTNL

Os galardóns entregaranse e Pontevedra o vindeiro 21 de setembro

O Proxecto Youtubeir@s, impulsado polos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Pontevedra, Rianxo, Ribadeo, Santiago de Compostela e Teo, pola Deputación Provincial da Coruña e polas universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo, recibiu o galardón ao "proxecto máis innovador". 

Destacouse a súa acción nun "medio prioritario para o futuro do idioma", pola súa grande atracción na xente nova. Así mesmo, valorouse que este proxecto emprega "linguaxes e estratexias comunicativas atractivas para a mocidade" e que favorece que as persoas que transmiten a través de YouTube o fagan en galego e que as que comunican en galego o fagan en YouTube.

En Youtubeir@s valorouse que emprega "linguaxes e estratexias comunicativas atractivas para a mocidade"

A organización de Youtubeir@s, que neste 2019 chega á súa terceira edición, amosa a súa "gratitude" por este galardón, que significa un “auténtico pulo para continuar a medrar” no futuro. “É un recoñecemento a todo o esforzo desenvolvido dun xeito colectivo”, sinálase. 

Youtubeir@s mantén até o vindeiro 27 de setembro o prazo de inscrición para todas as persoas creadoras de contidos en Youtube na nosa lingua. Cómpre que os vídeos estean publicados con data posterior ao 15 de marzo de 2018, sen restricións de privacidade e cos cancelos #youtubeiras #youtubeiros na descrición. En conxunto, Youtubeir@s repartirá un total de 6500 euros en galardóns.

O Premio ao mellor proxecto estabilizado recoñeceu o Modelo Burela (impulsado polo IES Perdouro), por ser "un proxecto de planificación lingüística que aborda a acollida lingüística como estratexia de integración social e implica a sociedade e o ámbito educativo nun labor conxunto de promoción da diversidade cultural", nomeadamente no marco da lusofonía. Hoxe as actividades máis significativas do Modelo Burela son o Proxecto Neo, un programa de radio para dar a coñecer a incorporación á lingua galega de persoas que non a tiveron como primeiro idioma, ou Grandes Voces do Noso Mundo, unha emisión para tender pontes a través da música co noso mundo lingüístico.

O Modelo Burela é "un proxecto de planificación lingüística que aborda a acollida lingüística como estratexia de integración social" 

O Premio ao mellor proxecto novo recoñeceu a Falemos de ti e min: a cultura galega desde unha perspectiva integradora (do IES de Soutomaior), por ser "un proxecto integrado no proxecto educativo do centro, desenvolvido durante todo o ano, dirixido a todo alumnado, transversal e implicando a todos os departamentos". 

O Premio á mellor comunicación e impacto valorou a campaña Desafío 48 h (IES María Casares de Oleiros), porque "a partir dunha comunidade educativa concreta e nun tempo limitado, conseguiu captar a atención e o interese de moita xente", o que se traduciu "nunha ampla presenza nos medios de comunicación" e favoreceu que outros centros educativos se interesasen por reproducir o modelo.

Chapa da campaña 'Desafío 48 horas' CC-BY-SA Praza Pública

O Premio ao mellor proxecto de fomento do galego na infancia e/ou mocidade destacou o proxecto Eu presumo de galego (IES de Melide), por ofrecer "un modelo de traballo de calidade para a detección de necesidades concretas en contextos galegofalantes, onde a reflexión sociolingüística e a promoción do galego entre a mocidade se insiren nun proxecto educativo transversal".

Finalmente, o Premio ao mellor proxecto de fomento do galego nun ámbito sectorial recoñeceu o xornal GCiencia, por crear "un espazo de uso normalizado para o galego nun ámbito de especial relevancia e prestixio, a divulgación científica, o que contribúe a desmontar prexuízos sobre a utilidade da lingua e reforza o dereito a termos contidos de todo tipo no noso idioma".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.