Chega a terceira edición do Proxecto Youtubeir@s, organizado polos servizos de normalización lingüística de trece concellos, polas tres universidades e pola Deputación da Coruña, que regresa co mesmo obxectivo: encher a rede de vídeos en galego. Nas dúas primeiras edicións máis 400 persoas participaron gravando e publicando as súas creacións, sumando máis de dous mil minutos de vídeo.
Nas dúas primeiras edicións máis 400 persoas participaron gravando e publicando as súas creacións, sumando máis de dous mil minutos de vídeo
Este ano o concurso preséntase co lema: Conéctate á comunidade e multiplícate!. Como nos dicía o pasado ano Mónica Fernández Valencia, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, coordinadora do proxecto: "É importante que haxa vídeos e canles de Youtube que conten a realidade de Galicia para o mundo".
Neste terceiro ano de Youtubeiros e Youtubeiras, aumenta o número de categorías e incrémentase tamén a súa dotación económica, que pasa dos 5.500 aos 6.500 euros. Haberá catro grandes apartados: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle e vídeo-cantarmos, a gran novidade desta edición. Ademais, os vídeos poderán premiarse en catro categorías: creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica e calidade lingüística. Así mesmo, haberá un premio (a #propostayoutubeira) coa que os e as usuarias de Facebook poderán incorporar vídeos en galego xa existentes e que non foran inscritos.
Crece tamén o número de concellos participantes, que pasa de nove a trece
Destaca, igualmente, o apartado formativo, cursos e obradoiros polos que pasaron xa 380 persoas e que nesta ocasión van especialmente destinados á comunidade escolar dos centros de secundaria. Os cursos serán impartidos un ano máis pola produtora Illa Bufarda, incorporádose desta volta ao corpo docente a actriz Laura Villaverde, coñecida por ser a youtubeira Chola, It Girl; e Marga Rodríguez Tilve, comunicadora audiovisual e youtubeira en As Cousas do Choio.
Crece tamén o número de concellos participantes, que pasa de nove a trece. Nesta ocasión, o certame está impulsado polos servizos de normalización lingüística da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, A Coruña, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo. O prazo para o envío de propostas comeza este mércores e rematará o 27 de setembro.