Alcolitos, filloas ou Gloria Lago. Xa se poden votar os vídeo finalistas de Youtubeir@s

Web youtubeiras.gal Dominio Público Praza Pública

Youtubeir@s xa ten finalistas para o Premio do Público #PropostaYoutubeira. Este luns anunciáronse os 22 vídeos que a través dos votos dos e das internautas poderán optar a este galardón. As votacións poderán realizarse ata o vindeiro 15 de marzo a través da páxina de Facebook do certame. Os cinco vídeos que reciban máis gústame nese prazo (non serán contabilizadas outras reaccións) pasarán ao xurado, que escollerá o premio #PropostaYoutubeira, valorado en 500 euros.

Ata o 15 de marzo todos os e as youtubeir@s poden seguir presentando vídeos para as categorías vídeo-facermos, vídeo-opinarmos e canle

Este galardón do público, chamado #propostayoutubeira, é unha das grandes novidades deste ano, xa que a través de Facebook todas as persoas que quixesen podían propoñer a través dun simple comentario no perfil de Youtubeir@s un vídeo do que foran seareiros/as incluíndo a etiqueta #propostayotubeira. O obxectivo, como destacaba Mónica Fernández Valencia, do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Ourense, en entrevista con Praza, era "dar a coñecer o que xa se está facendo" en Youtube en galego, sen necesidade de que os seus autores e autoras se inscribisen previamente no concurso.

O certame entregará outros 5.000 euros en premios, que inclúen tamén outras sete categorías: vídeo-facermos, vídeo-opinarmos, canle, creatividade, eficiencia comunicativa, calidade técnica e calidade lingüística. Ata o 15 de marzo todos os e as youtubeir@s poden seguir presentando vídeos que optarán a estas sete seccións. Os oito galardón entregaranse o 20 de abril nun acto público na Coruña. Esta é a segunda edición deste certame, que busca promover e darlle visibilidade ao uso do galego en youtube. Na iniciativa colaboran as tres universidades galegas, a Deputación da Coruña e nove concellos: Ourense, Pontevedra, Compostela, Teo, O Grove, A Baña, Ames, Carballo, Ribadeo.

 

Os 22 finalistas

Entre os 22 vídeos da proposta youtubeira atopamos unha gran variedade de temas e estilos. Por exemplo, o tradicional formato youtuber baseado principalmente en expor unha opinión sobre un tema, como é o caso de aquel-e, do que aparecen dous vídeos, un centrado no blog de Gloria Lago e outro no que fai tres propostas de cancións que poderían representar a Galicia en Eurovisión. Hai varios vídeos reivindicativos, coma o "Eu paro. E ti...?" de rocioromar11, que anima a participar na folga feminista do 8 de marzo.

Hai tamén algúns vídeos que xa se fixeron moi populares nos últimos meses, coma o "Alcolitos (O Despacito Galego)", versión do tema de Luís Fonsi e Daddy Yankee realizada por Páramo Pictures e que xe suma máis de millón e medio de reproducións en Youtube. 

Hai, igualmente, varios video-tutoriais, moi variados en canto á súa temática. Dende os accesorios para fotografía, ata consellos para facer slime (tamén chamado blandiblú) na casa, ou unha receita para facer filloas (ou freixós). Tamén podemos saber algo máis sobre o galego falado en Malpica neste vídeo

Entre os 22 vídeos atopamos case de todo, por exemplo este vídeo que amosa á perfección como se vive dende dentro o domingo fareleiro de Xinzo de Limia

Outro dos vídeos que optan a este premio de #PropostaYoutubeira é esta homenaxe-reflexión sobre a histórica discoteca "El Bosque" da Coruña, obra de Edu Fernández (xa coñecido por outras achegas coma Chica de la Coru ou Total Curator).

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.