Os Premios Youtubeiras, organizados polos servizos de normalización lingüística de dez concellos, das tres universidades e da Deputación da Coruña, lanzan a súa quinta edición cos obxectivos de "fomentar a creación e mantemento de canles en Youtube, así como de afondar na formación técnica para as persoas creadoras de contidos en lingua galega na Rede".
A quinta edición dos Premios Youtubeiras afonda abre o seu prazo de inscrición o vindeiro 10 de setembro
Neste ano, e baixo o lema Magnetismo en liña, a iniciativa volverá repartir un total de 7.500 euros en premios nas doce categorías nas que se divide o certame. O concurso estará aberto a todas as persoas maiores de 14 anos con canles de Youtube en galego, autoproducidas e que teñan polo menos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020. O prazo de inscrición abrirase o vindeiro 10 de setembro e as bases deste ano pódense consultar xa na web Youtubeiras.gal
Os Premios Youtubeiras, segundo explican os organizadores, teñen como finalidade "ser acicate da creación en Youtube con temáticas e formatos diversos, así como promover e visibilizar as e os youtubeiros en galego". Ademais, ofrecerán unha serie de sesións formativas para procurar a mellora da calidade técnica dos vídeos por unha banda e, pola outra, para dotar as persoas creadoras de ferramentas globais para a súa actividade. "A formación será nesta quinta edición máis especializada que en anos anteriores", destacan.
A edición deste ano aposta por máis e mellor formación, con cursos en liña que comezarán xa o 18 de xuño
Así, o primeiro dos cursos en liña chegará o vindeiro 18 de xuño e correrá a cargo de Xoán Escudero, técnico de son e realizador audiovisual, que compartirá co alumnado diferentes mecanismos para perfeccionar a técnica sonora e as gravacións dos vídeos no Youtube. Ao longo do ano realizaranse outras sesións nas que se abordarán cuestións de diferente índole, como son os aspectos legais e os dereitos de propiedade intelectual, da man de Bárbara Román, ou de posicionamento da creación dixital nesta rede, con Adrián Suárez.
A inscrición para a sesión de Son e Youtube, xa está aberta a través do formulario que se atopa na web Youtubeiras.gal. Os cursos terán as prazas limitadas e impartiranse de forma telemática para adaptarse á situación sanitaria.
Nesta quinta edición dos Premios Youtubeiras, a organización quere fomentar a creación e o mantemento de canles, polo que neste 2021 só se poderán presentar canles e non vídeos illados como en anos anteriores. Esa será a gran novidade nas bases duns galardóns que, por segundo ano consecutivo, divídense en 12 categorías: canle, vídeo, youtubeiro/a, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. Os tres primeiros acompañaranse cunha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros.
Un xurado profesional escollerá as propostas premiadas, agás no caso do premio do público. Neste apartado, as persoas seguidoras serán quen propoñan os seus vídeos preferidos para concorrer neste apartado. As suxestións poderanse facer só a través do formulario habilitado na páxina web do Proxecto Youtubeiras, cumprirán cos mesmos requirimentos das bases xerais e realizaranse antes do 22 de outubro de 2021.
Youtubeiras é unha iniciativa organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.