Os Premios Youtubeiras chegan á súa quinta edición, de novo co obxectivo de fomentar o uso do galego na rede, especialmente entre as novas xeracións, fortalecendo a comunidade que emprega a lingua en Youtube, un colectivo de creadores e creadoras de contidos “que medrou ao abeiro do concurso”.
As persoas que desexen participar teñen ata o 22 de outubro para facelo e nesta ocasión non se poderán presentar vídeos illados como en anos anteriores, senón canles nas que haxa cando menos 5 pezas publicadas
O certame está organizado polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña. Nesta ocasión achega 7.500 euros en premios para as dúas 12 categorías, que este ano teñen como lema o ‘Magnetismo en liña’. Con esta idea do magnetismo búscase "incidir na atracción en canto á consolidación da figura de youtubeira e youtubeiro, ao tempo que se subliña a influencia que o mundo youtubeiro exerce xa na sociedade”, destaca Carme Pereiro, coordinadora do Proxecto Youtubeiras.
As persoas que desexen participar teñen ata o 22 de outubro para facelo e nesta ocasión non se poderán presentar vídeos illados como en anos anteriores, senón canles nas que haxa varias pezas publicadas. O obxectivo é "fomentar a creación de canles, pero tamén o seu mantemento”, sinalan dende a organización.
Haberá 12 categorías: canle, vídeo, youtubeiro/a, calidade lingüística, impacto, calidade técnica, comunicación, creatividade, musical, didáctico, pioneiro e premio do público. As tres primeiros terán unha dotación económica de 1.000 euros, mentres que os nove restantes chegarán aos 500 euros. Poderán aspirar a gañar os galardóns nestas doce categorías todas as persoas creadoras de contidos en lingua galega maiores de catorce anos con canles de Youtube, autoproducidas e que teñan polo menos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020.
Carme Pereiro destacou o crecemento experimentado polo certame nos últimos anos, lembrando que en 2017 concorreron 202 vídeos, mentres que na convocatoria de 2020 a cifra ascendeu até os 536
Na presentación da edición 2021, Carme Pereiro destacou o crecemento experimentado polo certame nos últimos anos, lembrando que en 2017 concorreron 202 vídeos, mentres que na convocatoria de 2020 a cifra ascendeu até os 536. Pereiro subliñou que "dende a primeira edición destes premios, alá por 2017, até o día de hoxe, a comunidade de youtubeiros e youtubeiras que publican contidos na nosa lingua non deixou de medrar ao abeiro do concurso”.
Pola súa banda, Escarlata Pampín, concelleira de Normalización Lingüística e Mocidade de Ames, salientou a importancia dos proxectos colaborativos en materia de normalización lingüística: “estes traballos permiten a participación e a sinerxía entre concellos moi diversos optimizando a eficiencia dos recursos e multiplicando os resultados”.
Formación e xurado
"Dende a primeira edición destes premios, alá por 2017, até o día de hoxe, a comunidade de youtubeiros e youtubeiras que publican contidos na nosa lingua non deixou de medrar ao abeiro do concurso”
Os Premios Youtubeiras ofrecerán novas iniciativas de formación nos próximos meses, que lle darán continuidade ao obradoiro impartido por Xoán Escudero ao comezo do verán, centrado na mellora da calidade sonora dos vídeos. Neste mes de setembro, Adrián Suárez impartirá un curso sobre posicionamento na creación dixital e por último en outubro, Bárbara Román, avogada especializada en empresas tecnolóxicas, desenvolverá aspectos legais do Youtube.
O xurado estará formado polo sociolingüista Fernando Ramallo, o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e coordinadora do Carballo Interplay Sonia Méndez e Esther Estévez, xornalista e responsable do #DígochoEu da Televisión de Galicia. Ademais, decidiuse que a partir da próxima edición, o xurado incluirá a persoa gañadora do premio ao mellor Youtubeiro/a.