Comezou a recta final para os Premios Youtubeiras, que se entregan o día 26 na Casa da Cultura de Bertamiráns nunha gala presentada polas Tanxugueiras
A quinta edición dos Premios Youtubeiras busca consolidar as propostas en galego na rede e, para iso, mudou as súas bases para apostar polas persoas que están a construír a súa canle no Youtube, en lugar de só premiar os vídeos puntuais que calquera pode pendurar na plataforma dixital. O obxectivo é consolidar a comunidade e seguir ampliando a rede de youtubeiras.
Esta iniciativa está organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos da Baña, Ames, O Grove, Moaña, Negreira, Pontevedra, Ribadeo, Rianxo, Santiago de Compostela e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña ten como lema Magnetismo en liña. En xogo están 7.500 euros que repartirán entre as persoas gañadoras da ducia de categorías nas que se divide o certame.
Orgullo Galego, Fica coa Bola e Xabi Gómez, finalistas do premio do público
As tres finalistas do premio do público xa se deron a coñecer, son o proxecto Orgullo galego polo vídeo 'Conversas con Anselmo López Carreira: O Reino Medieval de Galicia'; Xabi Gómez co vídeo 'Amemos o noso'; e a iniciativa Fica coa Bola polo vídeo 'El cuarteto de IBAI - Lucas Requena (PARODIA/VERSION GALEGA) | Feat. Dani Piñeiro'.
O xurado encargado de escoller agora aos gañadores no resto das categorías está formado polo sociolingüista Fernando Ramallo, o xornalista Adrián Lede, a profesora de lingua galega Noemí García, a realizadora e coordinadora do festival Carballo Interplay Sonia Méndez e a xornalista e presentadora do #DígochoEu da Televisión de Galicia Esther Estévez.
"Queremos visibilizar a esas youtubeiras en galego e que entre elas e eles creen unha comunidade que transcenda a esta plataforma", di a coordinadora
″Aumentaron moitísimo a variedade de temas e a calidade. A maiores, vemos un forte incremento na colaboración entre as youtubeiras. Estáse creando unha comunidade, que é o que nós pretendiamos. Non só fomentar a creación en galego no Youtube, senón tamén visibilizar a esas youtubeiras en galego e que entre elas e eles creen unha comunidade que transcenda a esta plataforma. Os premios van dirixidos ao Youtube, pero a nosa intención é que chegue tamén ás redes sociais″, asegura a coordinadora do proxecto Youtubeiras, Carme Pereiro.
A gala de entrega dos Premios Youtubeiras, presentada polas Tanxugueiras, terá lugar o vindeiro 26 de novembro, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Bertamiráns. De novo, será un punto de encontro para que moitas das youtubeiras se ′desvirtualicen′ e que sigan xurdindo sinerxías entre elas e eles cara á sexta edición. Os convites son de balde e hai que retiralos na billeteira da páxina web do concello de Ames.
"Estamos tratando de cubrir un ámbito de comunicación que non había en galego", salienta Carme Pereiro
Ao mudar as bases dos galardóns, a participación non é comparable á das edicións anteriores polo requisito de ter que presentar un conxunto de vídeos. Podían presentarse todas as persoas creadoras de contidos en lingua galega maiores de catorce anos con canles de Youtube autoproducidas, e que teñan polo menos cinco vídeos publicados con data posterior ao 23 de outubro de 2020. Porén, incrementouse moito a participación no premio do público, onde teñen cabida os vídeos illados.
"Sorpréndeme o alcance que pode ter este proxecto, ao principio pensabamos que sería só para persoas novas e estamos vendo que aquí podemos entrar tamén os boomers perfectamente. Estamos tratando de cubrir un ámbito de comunicación que non había en galego. E o galego é unha lingua que vale para calquera ámbito, igual ca calquera outra. Ás veces as persoas, aínda que queiran utilizala, non se ateven, e aí estamos as Administracións para apoiar", salienta a coordinadora.
Desde a organización do proxecto Youtubeiras fan un chamado aos concellos a participaren na iniciativa. ″Os concellos pequenos podemos participar nestes proxectos porque hai concellos grandes, aparte da participación das universidade e da Deputación da Coruña, doutra maneira sería inviable que un concello pequeno, como o da Baña con tres mil habitantes, puidese participar″, explica Carme Pereiro, técnica de Normalización Lingüística do agrupamento da Baña e Negreira.
Para esta quinta edición incorporouse o concello de Negreira e caeu do proxecto o concello de Ourense, quelevaba participando desde a súa creación. De feito, a coordinadora ata este momento dos Premios Youtubeiras foi a técnica de normalización lingüística deste concello.