
"Desmontar prexuízos" de xénero. Este foi un dos obxectivos clave das terceiras Xornadas Feministas=Igualdade da Deputación de Lugo, que neste 2026 volveron ter no albo á mocidade combinando voces de mulleres expertas con amplas doses de humor.
Cargos institucionais compartiron bancadas no Pazo de San Marcos con alumnado adolescente de tres centros educativos (os institutos Ánxel Fole e Politécnico e mais o colexio Galén) nunha xornada que, conducida pola actriz e presentadora Beatriz Serén, achegou a rapazada a referentes como Eulalia Pérez Sedeño, referente da filosofía da ciencia e os estudos de xénero.
Pérez Sedeño, investigadora do CSIC, expuxo ante as mozas e mozos lucenses as desigualdades de xénero que persisten no sistema político e como combatelas debe ser parte da axenda política. Esas desigualdades, abondou, tamén se combaten "desmontando prexuízos e falsas crenzas científicas sobre as mulleres" como ela mesmo fixo na súa intervención en Lugo.
Expertas en estudos de xénero, o papel científico das mulleres, psicoloxía, dereito ou intelixencia artificial, protagonistas nas Xornadas Feministas=Igualdade da Deputación lucense, que volveron poñer o foco na poboación adolescente
De Mitos e lendas sobre a igualdade falou tamén outra das relatoras da xornada, a doutora en psicoloxía Laura Redondo. Cunha traxectoria na que conflúen a práctica clínica coa divulgación e a formación, Redondo explicou como, alén dos discursos, as desigualdades de xénero impactan de cheo no benestar emocional de homes e mulleres.
Doutro ámbito científico chegou o relatorio de Almudena Cueto, avogada e consultora ademais de antiga directora do Instituto Asturiano da Muller. Dende as súas múltiples facetas puxo o foco na importancia de que un ámbito innovador coma o da intelixencia artificial ou os algoritmos non reproduzan as desigualdades de xénero. "A tecnoloxía non é neutral" e, en función do seu deseño, advertiu, estas ferramentas poden "reproducir clixés de xénero, invisibilizar as mulleres ou xerar resultado discriminatorios".
O bloque de relatorios da xornada culminou con Cristina Pérez e Seila Couso-Pérez. No seu caso achegaron bagaxes dende a educación e a Bioloxía para explicaren ás mozas e mozos o Efecto Matilda. Isto é, o borrado ou minimización das achegas das mulleres ao coñecemento científico ao longo da historia.
A humorista Esther Gimeno pechou, en clave de humor, unha xornada que a presidenta da Deputación de Lugo, Carmela López, abría subliñando que "aínda quedan moitos estereotipos por romper e moitas inercias por cambiar". Neste sentido, resaltaba, ela mesma viu dende a súa recente chegada ao cargo como "cuestionaron" a súa "profesionalidade" ou lle achacaron "ideas preconcibidas" por ser muller.