O feminismo alén do 8M: "O importante é o que fagas o resto do ano"

Manifestación feminista en Lalín nunha edición anterior do 8M © Antonio Nodar

"Que haxa unha data e se dediquen uns maiores esforzos para ese día non está mal, porque xa sabemos como funciona a atención e os medios de comunicación, porque o que se faga ese día serve como altofalante", di Patricia Porto (Lila de Lilith), pero "o importante son as políticas que fagas todo o ano, os recursos que empregues", engade

O 8 de marzo, 8M ou Día da Muller Traballadora, como se queira é unha data de celebración, de reinvidicación ou de denuncia ou de todo a un tempo, segundo os casos. Pero é un día, un día no que se enchen as rúas e no que se multiplican as declaracións institucionais e manifestos, no que se reproducen campañas publicitarias ou no que cambian de cor as iconas nas redes sociais.

En ocasións semella que -como sucede con outras efemérides- existe un impulso por parte de administracións, entidades e mesmo empresas privadas a visibilizar nesta xornada un compromiso feminista que non sempre se mantén, nin no discurso nin sobre todo nas accións prácticas, no resto do ano.

Non sucede así, por suposto, nas organizacións e espazos feministas, que celebran con intensidade o 8 de marzo, pero que nos restantes 364 días manteñen a súa actividade e traballo cotián a prol da igualdade. "O 8 de marzo debe ser unha data combativa, de compartir unhas coas outras, pero o que importa é o que se faga no día a día o resto do ano", comenta Patricia Porto, unha das responsables da libraría feminista Lila de Lilith, aberta hai 15 anos en Compostela.

Manifestación polo 8M na Coruña, o pasado ano 2025, nunha xornada marcada pola chuvia © MMM

"Esta semana vemos datas moi cargadas de actividades. Pero a realidade é que no resto do ano non se aplican as leis que están aprobadas, non hai unha concreción real en moitos ámbitos e sobre todo faltan recursos", critica Ximena González, da Marcha Mundial das Mulleres

"Que haxa unha data e se dediquen uns maiores esforzos para ese día non está mal, porque xa sabemos como funciona a atención e os medios de comunicación, porque o que se faga ese día serve como altofalante", di, pero engade: "o importante son as políticas que fagas todo o ano, os recursos que empregues. E que sexa transversal a todo o que fas, porque as mulleres non somos 'unha parte', estamos en todo".

Comparte a análise Ximena González, da Marcha Mundial das Mulleres, que denunciar "ese feminismo de data, que está cada vez máis estendido, tanto a nivel institucional como empresarial". "A nivel empresarial non nos sorprende, xa sabemos como funciona o capitalismo, pero a nivel institucional preocúpanos máis: dende a Marcha denunciamos ao longo de todo o ano que cada vez hai máis recortes en relación coas políticas feministas e na loita contra a violencia machista". 

"Esta semana vemos datas moi cargadas de actividades, ás veces moi artísticas e lúdicas, sen demasiado contido político". Pero a realidade, engade é que no resto do ano "non se aplican as leis que están aprobadas, non hai unha concreción real en moitos ámbitos e sobre todo faltan recursos".

"Unha forma doada de levar o feminismo a todo o ano é facernos as preguntas axeitadas. A antiga metáfora das gafas violeta é moi útil", di Lucía Rodríguez, de Agareso

Tamén na cooperativa viguesa Amorada advirten de que institucións e mesmo o mundo da empresa "se apropia do feminismo e dos seus lemas e os baleiran de contido e o mercantilizan", criticado que se enchen "de boas palabras pero iso non supón un cambio real". "Ollo, está ben que se celebre o 8M" apuntan Fedra, Majo e Ana en conversa con Praza.gal, lembrando que, pola contra "tamén vemos partidos que están en contra do 8M". "Pero nós facemos feminismo todo o ano".

E como se leva a leva a acción feminista aos restantes 364 días do ano? Lucía Rodríguez, da Asociación Galega de Comunicación para o Cambio Social (Agareso) e responsable do proxecto Xeración Contraínfo, apunta que "unha forma doada de levar o feminismo a todo o ano é facernos as preguntas axeitadas. A antiga metáfora das gafas violeta é moi útil". "Se de verdade queremos transformar a sociedade, se de verdade cremos no feminismo e na igualdade como un piar das democracias, temos que interiorizar esas preguntas: 'fago isto porque é un mandato do meu xénero?', 'reacciono así porque así mo impuxeron ou mo ensinaron?'", sinala.

Actividade do proxecto Xeración Contrainfo no IES de Negreira © Agareso

O ascenso da ultradereita. Unha xeración de mozos máis machistas?

"Temos a xeración máis comprometida coa igualdade de xénero da historia, entenden que os dereitos e homes e mulleres teñen que ser idénticos. Nisto están de acordo a gran maioría de rapaces e rapazas. Pero si que hai un rexeitamento cara á palabra feminismo", di Lucía Rodríguez

Un dos asuntos que nos últimos tempos máis se está a debater é o do aumento e proliferación de actitudes marcadamente machistas entre os varóns mozos, en paralelo a un posicionamento político cada vez máis escorado á ultradereita. É isto así? Estamos realmente ante unha xeración de homes máis machistas que as anteriores? Ou o que cambiou foi un ambiente social no que poden expresar sen complexos ou pudor o que xeracións anteriores simplemente calaban?

Lucía Rodríguez coñece ben o ambiente existente nos centros de secundaria. Nos últimos anos o proxecto de Agareso Xeración Contraínfo vén analizando de forma directa -con enquisas, conversas e actividades en centros de ensino- os discursos de odio e as visións da mocidade ante a igualdade entre sexos ou a diversidade sexual ou racial. "Temos a xeración máis comprometida coa igualdade de xénero da historia, entenden que os dereitos e homes e mulleres teñen que ser idénticos. Nisto están de acordo a gran maioría de rapaces e rapazas. Pero si que hai un rexeitamento cara á palabra feminismo e penso que si é necesario diferenciar entre as dúas cousas", apunta.

"O feminismo é visto como un movemento radical que vén romper a convivencia ou que vén quitarlle dereitos aos homes ou pretende poñer as mulleres por riba deles. Esa idea callou porque hai grupos moi interesados en que esa mensaxe se asente na nosa sociedade", alerta

"O feminismo é visto como un movemento radical. E isto é así pola presión de grupos que teñen moito poder e que buscan presentar o movemento feminista, que ten dous séculos de historia, como un movemento que vén romper a convivencia ou que vén quitarlle dereitos aos homes ou que pretende poñer as mulleres por riba deles. Esa idea callou porque hai grupos moi interesados en que esa mensaxe se asente na nosa sociedade", explica.

"A razón pode ser que o feminismo chegou ás institucións. Era un movemento que pertencía máis a colectivos, á rúa, e leva uns anos moi presente nas institucións, e iso xerou un ánimo de contrarrestar esa influencia que se percibía no ámbito lexislativo e nun progresivo consenso internacional", di, engadindo que se "identifícase cunha cor política e non se entende que sexa transversal. Pero é un piar das nosas democracias, non debería preocupar a ninguén nin ser atacado".

"Eu seguiría facendo fincapé en educación, explicándolles ás xeracións de nenas e nenos que este é un valor que non queremos perder. Que debemos deixar de ver a mulleres e homes en caixas pechadas, encapsuladas, en relación ao que deben ser ou ao que se espera deles e delas. Debe seguir sendo unha prioridade dirixirnos á rapazada", sinala Lucía Rodríguez.

Actividade do proxecto Xeración Contrainfo no IES de Negreira © Agareso

"Vemos máis discursos machistas na mocidade, pero isto ten que ver con ese ambiente xeral de negación da igualdade, de estigmatización do feminismo. Iso permea todo. Por iso a educación é básica", di Ximena (MMM)

Patricia, de Lila de Lilith, sinala que lle preocupa "a agresión social que está habendo dende a ultradereita". "Ai hai un retroceso en canto cando xa se estaba avanzando en certos ámbitos e discursos, agora regresamos a ter que volver a debater o mínimo e a discursos que levan á violencia", di. Porén, rexeita poñer o foco unicamente na mocidade: "a mocidade é sempre un reflexo da época que lles toca vivir. Tendemos a amplificar todo e ás veces hai cuestións que son minoritarias e que chaman moito a atención e que sobre todo son un reflexo do que sucede no resto", apunta.

O mesmo pensa Ximena, representante da Marcha: "Detectamos que hai unha repunta global da violencia, non só na mocidade. Estamos asistindo a un momento no que dende forzas políticas, dende medios de comunicación, dende diferentes espazos se está lanzando un discurso de negación da violencia estrutural que sufrimos as mulleres e iso redunda nunha sociedade na que a violencia é máis impune e que afecta a todas as capas de idade". "Vemos máis discursos machistas na mocidade, pero isto ten que ver con ese ambiente xeral de negación da igualdade, de estigmatización do feminismo. Iso permea todo. Por iso a educación é básica", engade.

"Estamos nun momento histórico complicado pero houbo outros momentos complicados anteriormente e isto esixe facer unha loita máis activa", din dende Amorada

Tamén dende Amorada salientan que "a educación é fundamental". "A mocidade está indo cara a posicións fascistas, por iso é importante entrar nas escolas e nos institutos. Nós facemos obradoiros en centros de ensino e preocúpanos a belixerancia que vemos aí", din. Fedra, Majo e Ana din ser "optimistas", pero destacan que "está claro que estamos nun momento histórico complicado. Hai unha reacción neste momento contra os dereitos das mulleres". Pero, engaden, "houbo outros momentos complicados anteriormente e isto esixe facer unha loita máis activa". E conclúen: "Son momentos de pasar á acción e de combater o medo. Fronte ao medo ao fascismo, a resistencia é feminismo", como di o lema da manifestación convocada para este domingo en Vigo por Resposta Feminista.

As responsables da libraría Lila de Lilith © Lila de Lilith

Onde actuar? Onde acentuar a acción feminista?

"A organización é fundamental e é o que nos permite facer feminismo fóra destas datas, que serven para visibilizar a loita, pero non para facer cousas concretas que melloren a vida das mulleres. Iso é o traballo do día a día. Vivimos anos de crecemento do feminismo e da organización e agora o clima social é outro", din dende a Marcha

Os ámbitos nos que o feminismo debe actuar son practicamente infinitos, o mesmo que aqueles nos que é máis necesario facer fincapé ben porque a situación de desigualdade é máis grave ou ben porque non está a haber avances. Dende a Marcha, Ximena González alerta de que "despois de 20 anos de políticas contra a violencia machista, vemos que todas as campañas de denuncia e de recorrer ao xudicial para frear a violencia machista, foron moitas veces un avance formal que non dá pasos adiante no concreto". "O propio proceso de denuncia somete as mulleres a multitude de violencias institucionais que moitas veces levan á retirada da denuncia", advirte. 

"Poñemos tamén o foco na violencia institucional que se exerce través da sanidade, en todo o que ten que ver coa saúde das mulleres e coa prevención", sinala. "O desmantelamento da atención primaria está moi ligado á loita feminista, porque a primaria é un dos principais espazos de detección da violencia machista; alí moitas mulleres atopan unha vía para contar o que está sucedendo e buscar un camiño de saída dese espazo de violencia", explica.

A representante da Marcha Mundial das Mulleres pon igualmente o foco "na importancia da organización, na importancia de estar mobilizadas. Precisamente por ese clima e esta negación da violencia, é posible que en pouco tempo teñamos que estar combatendo os retrocesos dos nosos dereitos e para iso necesitamos estar organizadas". "A organización é fundamental e é o que nos permite facer feminismo fóra destas datas, que serven para visibilizar a loita, pero non para facer cousas concretas que melloren a vida das mulleres. Iso é o traballo do día a día. Vivimos anos de crecemento do feminismo e da organización e agora o clima social é outro", di.

Actividade diante da sede de Amorada, en Vigo © Amorada

"As estatísticas de permisos por coidados son brutais: seguen sendo elas quen asumen este labor, e isto ten unhas implicacións moi importantes no desenvolvemento laboral ou nas contías das xubilación", di Lucía Rodríguez

Tamén Patricia, de Lila de Lilith subliña que "na actualidade o feminismo na rúa ten moita presenza, pero se cadra falta o tema colectivo, comunitario. Onde antes había moitos colectivos feministas ou sabías onde tiñas que ir se querías acudir a unha xuntanza e hoxe se cadra falta un pouco iso", apunta.

Para Lucía Rodríguez, de Agareso, "temos que nos facer moitas preguntas sobre o tema dos coidados porque a fenda de xénero en materia de coidados é a que sostén moitísimas fendas". "Se hai fenda nos coidados tamén vai haber fenda na crianza e os nenos e nenas son como esponxas e na casa reciben información de múltiples formas; e se non hai un reparto equitativo dos coidados, se os homes non asumen a súa responsabilidade, vai ser difícil que cambien moitas dinámicas". 

"As estatísticas de permisos por coidados son brutais: seguen sendo elas quen asumen este labor, e isto ten unhas implicacións moi importantes no desenvolvemento laboral ou nas contías das xubilación", engade. E ademais, lembra, "os homes que non asumen a responsabilidade da crianza están perdendo unha das maiores belezas da vida".

Unha das actividades de Amorada © Amorada

"En Amorada traballamos no día a día con mulleres que igual nin sequera se consideran feministas, pero penso que é importante que formen parte. Dende o principio sempre tivemos claro que queriamos facer feminismo onde non se facía feminismo"

Amorada é unha cooperativa sen ánimo de lucro que traballa en ámbitos moi diversos e que, ademais, ofrece ás mulleres un espazo de encontro, un lugar de lecer, asesoramento e formación. Entre as varias actividades e accións que desenvolve de maneira permanente figura de maneira protagonista o traballo con mulleres con discapacidade.

"En Amorada traballamos no día a día con mulleres que igual nin sequera se consideran feministas, pero penso que é importante que formen parte. Dende o principio sempre tivemos claro que queriamos facer feminismo onde non se facía feminismo. Nas asembleas feministas nas que participamos habitualmente non vemos mulleres con discapacidade, o mesmo que non hai mulleres migrantes ou que vivan na precariedade", explican.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.