O proxecto Mulleres da Reconversión busca homenaxear as mulleres que viviron en primeira persoa o proceso de reconversión industrial, poñendo en valor o seu papel, moitas veces silenciado, nun momento clave da historia social e económica do concello de Fene
Cando se fala da historia industrial ou da historia obreira moitas veces as mulleres non aparecen ou aparecen, simplemente, como unha nota ao pé, unha trama secundaria que como moito se cita de pasada. Pero as mulleres sempre estiveron aí, tanto nas loitas obreiras (por exemplo en 1972) coma nos efectos provocados polo uso do amianto ou na propia reconversión industrial que na década dos 80 deixou sen traballo a milleiros de empregados dos estaleiros da Ría de Ferrol e ás xeracións seguintes e que sumiu a comarca nunha crise duradeira.
Nos últimos meses vén desenvolvéndose o proxecto Mulleres da Reconversión, unha iniciativa impulsada pola Área de Igualdade da Deputación da Coruña en colaboración co Concello de Fene, que ten como obxectivo "recuperar, visibilizar e poñer en valor as historias de vida das mulleres vinculadas á reconversión naval e á transformación industrial da comarca de Ferrolterra ata os nosos días".
Homenaxéase así ás mulleres que viviron en primeira persoa o proceso de reconversión industrial, poñendo en valor o seu papel, moitas veces silenciado, nun momento clave da historia social e económica do concello.
O resultado do proxecto queda materializado nun documental, dirixido por Iago Varela, unha exposición itinerante e unha publicación dixital. Estas tres pezas recollen os contidos e testemuños recollidos na localidade
O proxecto comezou a finais do 2025 cunha primeira fase de documentación, e continúa o seu desenvolvemento coa participación de mulleres das distintas parroquias de Fene, a través das entidades locais. Inclúe un traballo de investigación e dinamización comunitaria para recoñecer testemuños, vivencias, fotografías, documentos e materiais persoais. O resultado deste proxecto queda materializado nun documental, dirixido por Iago Varela, unha exposición itinerante e unha publicación dixital. Estas tres pezas recollerán os contidos e testemuños xerados ao longo do proxecto.
A iniciativa culminou este venres coa presentación pública do documental e da exposición no marco do 8 de Marzo, reforzando así "o seu carácter feminista, reivindicativo e de historia colectiva". O evento busca converterse nun "espazo de recoñecemento público ás mulleres que participaron nesta iniciativa de recuperación da memoria colectiva".
"É un proxecto que nos permite escoitar, aprender e agradecer, situando no centro ás protagonistas dun tempo complexo que marcou fondamente a vida de Fene”, destaca a alcaldesa Sandra Permuy
A alcaldesa de Fene, Sandra Permuy, destacou que “este 8M queremos facer un exercicio de memoria e de xustiza, recoñecendo o papel imprescindible das mulleres na nosa historia recente”. A rexedora subliñou que “Mulleres da Reconversión é un proxecto que nos permite escoitar, aprender e agradecer, situando no centro ás protagonistas dun tempo complexo que marcou fondamente a vida de Fene”. Permuy engadiu que “non hai igualdade real sen memoria, e non hai memoria completa se non incorporamos a voz das mulleres. Este acto é unha homenaxe colectiva e tamén un compromiso co presente e co futuro”.
A iniciativa culminou este venres coa presentación pública do documental e da exposición
A presentación de Mulleres da Reconversión centra a programación do Día da Muller Traballadora en Fene. Dentro da programación do 8M, o Concello tamén pendurará na fachada da Casa do Concello unha faixa elaborada polas mulleres do gancho, que un ano máis se suman á conmemoración tecendo mensaxes de igualdade. Esta iniciativa simboliza "o compromiso colectivo coa defensa dos dereitos das mulleres e coa construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria", destaca o Concello.