Un barrio de 'Mar e Ferro'

Outra imaxe do barrio de San Valentín © fenecom1.blogspot.com

O barrio fenés de San Valentín ten unha fisonomía particular. Está composto por unha serie de cinco altos edificios, xunto cunha fileira de 16 bloques máis baixos, construídos todos case ao tempo, para acoller parte dos milleiros de traballadores que o anexo estaleiro de ASTANO chegou a ter nos anos sesenta e setenta. As instalacións, hoxe coñecidas como Navantia Fene, chegaron a dar traballo directamente a máis de 5.000 persoas, e un total de 12.000 sumando as das empresas auxiliares. Hoxe a factoría non chega aos 500 empregados.

As vidas do barrio e o do estaleiro estiveron sempres necesariamente ligadas, o mesmo que as do resto do concello de Fene e a comarca no seu conxunto. En parte como unha forma de denunciar a actual falta de carga de traballo nos estaleiros e a decadencia que sofre o sector naval na ría de Ferrol, e en parte para celebrar un feito máis alegre -o 30 aniversario de Radio Fene, decana das emisoras municipais galegas- este sábado 15 de marzo as paredes do barrio encheranse de imaxes.

Os seus promotores destacan que é unha forma de reivindicar a identidade de Fene e de embelecer o propio barrio de San Valentín

O Centro de Promoción Social (CPS) de San Valentín e Radiofusión organizarán o vindeiro sábado unha xornada de intervención artística na que xuntarán 30 pintores e pintoras de Fene, da comarca e de toda Galicia, para que pinten nas paredes do barrio murais relacionados co mundo do mar, co mundo do ferro, co mundo da construción naval. Unha forma de reivindicar a identidade de Fene e de embelecer o propio barrio de San Valentín.

Dende hai semanas o CPS está seleccionando as paredes nas que se van realizar estes murais, unha iniciativa que tivo "unha resposta marabillosa" por parte dos veciños e propietarios de baixos e comercios. Entre os artistas que xa confirmaron a súa participación destacan Ladislao da Regueira, Eduardo Hermida, Suso Basterrechea ou Dulce Anca. Ademais, levouse a cabo un concurso de debuxo nos centros de ensino do Concello de Fene, de xeito que unha das obras premiadas se empregará como modelo para un dos murais. O programa complétase con actuacións musicais, intervencións de xente do mundo da literatura e a proxección do documental Carga de Dignidade.

O barrio de San Valentín, en Fene, e as instalacións do estaleiro ao fondo © fenecom1.blogspot.com

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.