"Fronte ao fascismo, a resistencia é feminismo": 20 cidades e vilas galegas mobilízanse no 8M

Rolda de prensa de Resposta Feminista © Resposta Feminista

As convocatorias principais terán lugar pola tarde (ás 18 horas en Vigo, A Coruña, Ourense e Pontevedra, ás 19 horas en Ferrol, ás 20 horas en Compostela) pero tamén hai citas dende a mañá en varias cidades e vilas, entre elas Lugo.

Este domingo 8 de marzo unha vintena de localidades en toda Galicia acollen mobilizacións feministas no maco do Día Internacional da Muller Traballadora, unha data de reivindicación e de denuncia da desigualdade entre sexos que permanece en moitos ámbitos da sociedade, comezando polo laboral e o económico.

As convocatorias principais terán lugar pola tarde (ás 18 horas en Vigo, A Coruña, Ourense e Pontevedra, ás 19 horas en Ferrol, ás 20 horas en Compostela) pero tamén hai citas dende a mañá en varias cidades e vilas, entre elas Lugo.

A Marcha Mundial das Mulleres presenta este ano o lema 'Feminismo é Revolución: terra viva, pobos libres e vidas dignas!', subliñando que "non hai emancipación das mulleres sen transformación do sistema político, económico e social que organiza o mundo". "Levamos décadas sinalando que a pobreza, a violencia e a desigualdade son parte fundamental do capitalismo, do imperialismo e do patriarcado", salienta a Marcha na súa declaración. 

"O avance da ultradereita e o fascismo en Europa e no mundo é unha resposta reaccionaria á crise do sistema que busca reforzar o control social e garantir un modelo baseado na desigualdade", alerta a Marcha Mundial das Mulleres

"O modelo produtivo consolidado combina baixo valor engadido, extractivismo e deslocalización. Este modelo afecta especialmente ás mulleres, concentradas en sectores precarizados e sobrecargadas polo traballo de coidados pola falta de servizos públicos", destaca a Marcha, que engade que "en Galiza, a falta de soberanía limita a capacidade de decidir sobre o modelo produtivo e dificulta garantir dereitos para as mulleres e para a clase traballadora".

"A análise feminista non pode separarse da análise económica e territorial: falar de custo da vida é falar de coidados, de dereitos sociais e de redistribución da riqueza. Sen reorganizar os coidados non hai igualdade real nin vida digna para a clase traballadora", conclúe a Marcha, que alerta de que "o avance da ultradereita e o fascismo en Europa e no mundo é unha resposta reaccionaria á crise do sistema que busca reforzar o control social e garantir un modelo baseado na desigualdade" 

"Desde o feminismo afirmamos que non haberá igualdade real sen transformar estas bases materiais e sen recoñecer que a economía que garante a vida é a dos coidados e dos bens comúns", conclúe a Marcha, que engade que "o feminismo é unha proposta política que entende que a igualdade real require transformar radicalmente o modelo económico, social e cultural".

"Non imos permitir que nos arrinquen os dereitos que levamos exercendo anos e non toleraremos a violencia dos poderes racistas e imperialistas que están a percorrer o planeta", sinala a plataforma viguesa Resposta Feminista

A Marcha convoca unha parte importante das mobilizacións deste 8 de marzo en Galicia, case sempre en conxunto con outros colectivos. Así o fai, por exemplo, en Vigo, onde a manifestación principal está impulsada pola plataforma Resposta Feminista, que a partir das seis da tarde do domingo chama a xuntarse na Praza dos Cabalos (Praza de España) baixo o lema “Fronte ao medo e o fascismo, a resistencia é feminismo”. 

"Percorreremos as rúas de Vigo coa firmeza que nos dá saber que o feminismo foi, é e será a única opción de supervivencia fronte ao facismo. Non imos permitir que nos arrinquen os dereitos que levamos exercendo anos e non toleraremos a violencia dos poderes racistas e imperialistas que están a percorrer o planeta", sinala a plataforma, que explica que "defendemos un feminismo antifascista, antirracista, anticolonial e pacifista, que poña a vida no centro e que aposte por servizos públicos fortes, condicións laborais dignas e recoñecemento real dos coidados".

Cartel da Marcha Mundial das Mulleres © MMM

A marcha principal da Coruña partirá do Obelisco para rematar na Praza das Cigarreiras

Tamén ás seis da tarde comeza na Coruña, no Obelisco, a manifestación principal do 8 de marzo. Convocada pola Plataforma Feminista Galega e a Marcha Mundial das Mulleres da Coruña, percorrerá os Cantóns, Sánchez Bregua, Linares Rivas para rematar na Praza das Cigarreiras (entre a Audiencia Provincial e a Casa do Mar), onde terá lugar a lectura do manifesto conxunto.

O obxectivo da mobilización, convocada baixo o lema 'Feminismo para transformar o mundo', é "defender todos os nosos dereitos, a igualdade de xénero e visibilizar a necesidade da loita feminista".

Manifesto de CCOO

"Nun momento en que a ultradereita espalla o odio antifeminista, o sindicato reivindica os dereitos e o poder de todas as mulleres e pide á cidadanía que tome as rúas para reclamar a igualdade plena", di CCOO

Como é habitual no Día da Muller Traballadora, as Comisións Obreiras elaboraron un manifesto e chaman a participar nas distintas mobilizacións convocadas. "Nun momento en que a ultradereita espalla o odio antifeminista, o sindicato reivindica os dereitos e o poder de todas as mulleres e pide á cidadanía que tome as rúas para reclamar a igualdade plena", sinala CCOO.

O sindicato denuncia que "os dereitos humanos se vulneran acotío cando se discrimina a metade da poboación" e insta o Goberno galego e mais ao Goberno central "a desenvolver políticas públicas que garantan condicións dignas para todas as persoas".

Cartaz de CCOO polo 8M © CCOO

Manifesto da AELG

A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) fixo público o seu Manifesto no 8M, baixo o título de Navegamos, que foi elaborado neste 2026 pola poeta Marta Dacosta

Tamén a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) fixo público o seu Manifesto no 8M, baixo o título de Navegamos, que foi elaborado neste 2026 pola poeta Marta Dacosta. No texto, Dacosta alerta da "dedicación esporádica e a incorporación serodia ás letras" das autoras, unha situación que "sinala unha realidade que atinxe especialmente ás escritoras, a falta dun tempo propio, motivada polo peso do doméstico e dos coidados que seguen a recaer fundamentalmente nas mulleres". 

Tamén advirte de que as autoras están menos traducidas que os escritores varóns e sinala que "sermos menos traducidas evidencia outra realidade, a nosa menor presenza a todos os niveis, publicamos menos, a nosa obra está menos difundida e é menos recoñecida, de feito somos menos premiadas".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.