As rúas galegas lembran que á igualdade só se chega con máis feminismo a diario

Manifestación en Vigo polo 8M CC-BY-SA BNG de Vigo

Milleiros de persoas maniféstanse en cidades e vilas este 8M Día Internacional da Muller en demanda de mellores condicións de vida e laborais

Galicia acolle este domingo 8 de marzo manifestacións e concentracións polo Día Internacional da Muller, data que reivindica unha igualdade á que só se pode chegar con máis feminismo a diario, como lembra o movemento en cidades e vilas de todo o país. Un feminismo que, como contamos en Praza.gal, segue a actuar alén do 8M lembrando que "o importante é o que fagas o resto do ano".

Este ano o lema da Marcha Mundial das Mulleres foi 'Feminismo é Revolución: terra viva, pobos libres e vidas dignas!', subliñando que "non hai emancipación das mulleres sen transformación do sistema político, económico e social que organiza o mundo". "Levamos décadas sinalando que a pobreza, a violencia e a desigualdade son parte fundamental do capitalismo, do imperialismo e do patriarcado", salienta a Marcha na súa declaración.

"Non hai emancipación das mulleres sen transformación do sistema político, económico e social", salienta a Marcha Mundial das Mulleres

Nesa liña en Praza.gal analizamos como o feminino representa a metade do emprego en Galicia pero é moito máis precario e parcial. Ademais, as mulleres son maioría en Galicia no réxime especial de autónomos do agro e supoñen o 40% no especial do mar por conta propia. E seis de cada dez persoas paradas son mulleres. 

E botando a vista atrás, en Praza.gal tamén lembramos a memoria silenciada das mulleres que tamén sufriron o devalo industrial da ría de Ferrol, co proxecto Mulleres da reconversión.

[Información en actualización]

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.