A Xustiza prohibe usar "Galicia" para promocionar mexillóns sen denominación de orixe

Mexillóns certificados pola denominación de orixe, nun punto de venda © Mexillón de Galicia

Rematou o tempo dos mexillóns "de las Rías Gallegas", "elaborados en Galicia" ou "envasados en Galicia" se o produto non é certificado como tal. A Audiencia Provincial de Pontevedra vén de darlle a razón ao Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida (DOP) Mexillón de Galicia no contencioso que mantiña dende 2014 coa empresa Javimar por "competencia desleal". De agora en diante só os produtos abeirados pola DOP poderán ser promocionados co nome do país nos seus envases.

Para a DOP e a Unión de Consumidores de Galicia "hoxe é un gran día" para o "recoñecemento" da "garantía de orixe e a calidade do Mexillón de Galicia". A Audiencia vén ratificar a sentenza no mesmo sentido que emitira o Xulgado do Mercantil de Pontevedra e que fora recorrida por Javimar. O novo pronunciamento, indica o Consello Regulador e o colectivo de persoas consumidoras, "adquire unha nova dimensión" por "ter carácter firme e crea xurisprudencia".

Con esta resolución, abondan, fica "acreditado" que a certificación oficial do Mexillón de Galicia "abrangue o produto en fresco, en conserva, conxelado, pasteurizado" e en calquera outra modalidade. "É moi importante aclarar este punto -subliñan- porque Javimar, no seu recurso, insistía en que o formato de mexillón en conserva estaba fóra do ámbito de protección" da DOP. Segundo a empresa, nas conservas "non existía limitación no uso de referencias" como as agora vetadas.

A sentenza da Audiencia "ten carácter firme e crea xurisprudencia"

Pero para a Audiencia, informan as entidades denunciantes, "a simple referencia ou evocación de Galicia en produtos elaborados do mexillón, se non está amparada pola DOP, supón unha infracción da normativa europea de protección" das denominacións de orixe. E esta infracción, subliña, dáse "con independencia de que a orixe real" do produto "sexa galega" ou non. Segundo o tribunal, "o uso ilícito" das mencións a Galicia na produción do mexillón "danan o prestixio" da DOP e, polo tanto, é "competencia desleal".

Mensaxe á Xunta

O Consello Regulador e UCGAL agardan que, tras a sentenza, a Xunta "actúe dunha vez e faga cumprir a lei"

A Denominación de Orixe le esta sentenza non só no ámbito concreto da empresa denunciada, senón que a estende a un eido máis amplo. Supón, din, "un reproche en toda regra para a industria conserveira que utiliza ilicitamente o nome de Galicia nos seus envases" mesmo con produtos non galegos, pero "tamén para a Administración e, máis concretamente, para a Consellería do Mar". O departamento autonómico, subliñan, "comparte as teses dunha parte da industria relativas a que a DOP non ten atribucións sobre o mexillón en conserva".

Así as cousas, no Consello Regulador e en UCGAL agárdase que, agora si, Mar "actúe dunha vez e faga cumprir a lei". O mandato da Audiencia, engaden, "pon fin á desprotección" das persoas consumidoras neste eido e "servirá para acabar cos prexuízos económicos que soportan as empresas que traballan Mexillón de Galicia". Nesta liña, UCGAL resalat a necesidade de que, "no ámbito da alimentación se facilite ao usuario información veraz" e que "os poderes públicos actúen ante actos que atenten contra este principio básico".

Mexillóns con denominación de orixe galega © Mexillón de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.