A finais do pasado marzo, a Xunta denegaba definitivamente o plan formulado pola empresa Cobre San Rafael para reabrir a mina situada na contorna dos concellos de Touro e O Pino. A resolución confirmaba a declaración de impacto ambiental (DIA) negativa ditada un ano antes fronte ao proxecto compartido polo xigante Atalaya Mining (propiedade dun grupo chinés e outro suízo e cotizada na Bolsa de Londres) e Explotaciones Gallegas, a empresa propietaria dos terreos.
Durante os anos en que o proxecto estivo vivo, a mineira foi sancionada e expedientada pola Xunta en numerosas ocasións por verteduras contaminantes ou actuacións irregulares mentres unha ampla mobilización social reclamaba frear o proxecto. Os colectivos contrarios á explotación alertaban do seu impacto na contorna máis inmediata, pero tamén nas concas fluviais da contorna e mesmo nas augas da ría de Arousa.
O impacto sobre as augas da antiga mina e a posibilidade de que estas empresas volvan tentar reabrila mantén en alerta a colectivos veciñais, ecoloxistas e o sector do mar da Arousa. Reunidas este sábado na Illa, estas organizacións esixen que a Xunta faga cumprir á mineira a súa obriga de formular "un verdadeiro plan de restauración" dos terreos que teña "como obxectivo único asumir os pasivos mineiros" da antiga explotación e "resolver o problema de contaminación" aínda existente.
Medio cento de colectivos veciñais, ecoloxistas e profesionais reunidos na Illa advirten de que o plan de drenaxe presentado pola promotora da mina de Touro-O Pino "deixa sen tratar" augas contaminadas que rebordan e pretende dar pasos para volver tentar reabrir a explotación
O que presentou Explotaciones Gallegas, indican, é "un proxecto de drenaxe da mina abandonada" que "deixa sen tratar as augas que rebordan" dende a balsa mineira da antiga explotación. A compañía, detallan, "estima dabondo estas medidas, mais a Administración denegou no seu momento o permiso de vertedura das augas da balsa polas altas cantidades de metais pesados que presentan e por non considerar suficientes as solucións que agora a empresa volve propoñer".
A xuízo destas organizacións veciñais, ecoloxistas e profesionais, o que fai a promotora da mina é tentar das os primeiros pasos para volver procurar reabrila. Así, din, ese plan de drenaxe inclúe unha "planta de tratamento" que está "deseñada para dar servizo á hipotética futura mina" e "non para tratar as augas que na actualidade drenan" da vella explotación e que "continúan alcanzando o dominio público hidráulico" ata atinxir á ría arousá, "como viñeron facendo nos trinta anos anteriores".
Nas últimas semanas, ante estas reivindicacións, a empresa asegurou que o seu proxecto só pretende restaurar o terreo segundo o debido. A Xunta, pola súa banda, vén mantendo que, como coa propia solicitude denegada para reabrir a explotación, se limitará a garantir que a lexislación ambiental é cumprida.