0 Gardados para despois

"De Cangas a Moaña? Vou a pé"

Marcos Pérez PenaMarcos Pérez Pena | @marcosperezpena


Ampliar e desdobrar a estrada entre Cangas e Moaña para permitir a circulación de máis automóbiles, ou mellorar o espazo destinado a peóns e ciclistas? Este é un debate aberto nos últimos tempos no Morrazo. A PO-551, a vella estrada que une estas dúas vilas é unha vía estreita, que atravesa varios núcleos, como Tirán, e que soporta un tráfico moi denso, sobre todo no verán, e que ademais non permite a circulación cómoda e segura de peóns e ciclistas. En paralelo, existe un camiño tradicional, o Camiño Real ou Camiño de Tirán, moi utilizado polos veciños e veciñas para facer desprazamentos internos e tamén para percorrer os escasos cinco quilómetros que separan Moaña e Cangas.

Os arquitectos locais Martín Barreiro, David Pereira e María Novas, de Rurban Proyectos Participados, elaboraron un proxecto de recuperación e acondicionamento desta vía, con solucións para melloralo naqueles puntos nos que cruza ou coincide coa actual estrada. A Asociación de Veciños de Tirán apoia firmemente a proposta e mesmo convocou esta fin de semana unha marcha reivindicativa por este camiño, na que participaron ao redor de 200 persoas. Ao tempo, existe tamén unha proposta para facer máis ancha a PO-551, un proxecto caro e que ademais implicaría a perda dalgúns dos espazos que hoxe permiten a circulacíón a pé.

A Asociación de Veciños de Tirán apoia firmemente a proposta e mesmo convocou esta fin de semana unha marcha reivindicativa por este camiño, na que participaron ao redor de 200 persoas

Para Martín Barreiro, David Pereira e María Novas, "a experiencia dita que existe unha consecuencia inevitable da ampliación dunha estrada: o aumento do tráfico. A este fenómeno chámaselle efecto chamada. É dicir, canto máis doado é circular por un camiño máis se chama ao tráfico. Por este motivo denunciamos que desdoblar o camiño sería como darlle touciño a quen ten o colesterol alto: un despropósito". Engaden que "basta pensar no que acontece na Borna, O Con, Areamilla, Liméns, Nerga, Vilanova, Pinténs, Areacova, Menduíña, etc. Canto máis medraron as estradas, máis se agravou o acceso da veciñanza ás súas casas".

"O camiño permítenos a todos coller menos o coche ao tempo que, de forma cómoda e segura, nos leva a Moaña ou a Cangas"

"Este camiño cada vez máis leva máis xente a pé e bicicleta; xa sexa por motivos de saúde, lecer ou desprazamento" -salientan- "O camiño permítenos a todos coller menos o coche ao tempo que, de forma cómoda e segura, nos leva a Moaña ou a Cangas". É dicir, conecta a toda a veciñanza destes lugares cos núcleos onde se concentran os servizos e tamén as comunicacións, comezando polas estacións marítimas que conectan por barco Moaña e Cangas con Vigo. Cómpre lembrar que Cangas (26 mil habitantes) e Moaña (máis de 19 mil) suman unha poboación total de 46 mil persoas, unha mostra da importancia deste camiño.

 

Que camiño queremos diante das nosas casas?

Os arquitectos botan man así mesmo dunha metáfora para demandar un debate repousado sobre as consecuencias de construír certas infraestruturas ou de levar a cabo certas modificacións urbanísticas: "Nunha parroquia do Morrazo, ano tras ano, un grupo de veciños convocaba un pequeno referendo. Sostiñan que sería proveitoso tirar a única árbore do campo da festa. Sostiñan, ademáis, que a metade dos votos eran suficientes. Precisaron cinco intentos ata que a insistencia lles deu o seu premio; conseguiron o ansiado obxectivo: reuniron o metade dos votos. A árbore caiu. Ao ano seguinte, aínda que todos votaron que o mellor sería devolver a árbore ao seu sitio, nin tan sequera estando todos de acordo, nada se puido facer contra a decisión do ano anterior".

Os arquitectos botan man así mesmo dunha metáfora para demandar un debate repousado sobre as consecuencias de construír certas infraestruturas ou de levar a cabo certas modificacións urbanísticas

Convidan a pensar "que camiño queremos diante das nosas casas?" e destacan que "o camiño é o espazo no que nos encontramos boa parte da veciñanza, o lugar no que pasean os nosos maiores, a ruta do colesterol para moitos, patio para os nenos que dan dúas patadas a un balón e ata pista pola que vemos correr aos remeros do clube da parroquia". Conclúe que "todo isto sería impensable nunha estrada como a da Meixoada, a de Coiro, a de Verducedo... Tirán é Tirán, en boa medida, gracias a ese camiño".

 

Actuacións concretas

Na súa proposta destacan que o camiño está intacto e segue sendo peonil en boaparte do seu percorrido, pero ao cruzarse coa estrada principal, atópase cortado en catro treitos, que dificultan o tránsito de persoas e que, nalgúns casos, xeran situacións de perigo. De feito, destacan que "a falta da axeitada sinalización xunto co deseño e inseguridade nos cruces coa estrada" fai que moitas persoas rematen "por usar a escasa beirarrúa da PO-551". Para iso, propoñen algunhas solucións.

"Pontevedra está gañando premios que se traducen en máis fondos para novos proxectos. Tirán tamén ten dereito a ese modelo de desenvolvemento: máis humano e feito á medida desta parroquia"

En primeiro lugar, prevén que o camiño comece e remate nas dúas estacións marítimas, para facilitar deste xeito a comunicación con Vigo, sumando un total de 5,4 quilómetros, que se percorren a pé en menos dunha hora. En segundo lugar, propóñense actuacións nos lugares nos que o camiño cruza a estrada (Castrovello e O Cuco), espazos que serían convenientemente sinalizados e nos que se instalarían semáforos. De igual xeito, noutro punto, á altura do Lidl, o camiño non existe, pois foi ocupado totalmentepola estrada; polo tanto, apóstase por reservar un espazo ancho (2,5 metros) para a circulación de peón, separado da calzada cun petril.

Finalmente, para facer máis doada a convivencia no Camiño de Tirán de peóns, bicicletas e vehículos de motor (usados polos veciños para acceder ás súas casas), proponse sinalizar estes treitos como "zona residencial", é dicir, que os vehículos deberán circular a un máximo de 30 ou 20 quilómteros por hora. "A esa velocidade o peón, o coche, e a bicicleta poden convivir, sen necesidade de aceras, carríl bici, etc. Que por outra banda son inviables e e custosísimos", sinalan.

Os autores do proxecto destacan que "este tipo de proxecto vai na mesma liña que tantos outros que se están poñendo en práctica noutros lugares de Europa, pero tamén en España e Galicia. Pensemos no exitoso plan de humanización do centro de Pontevedra, onde se mellorou a cidade, gañando en accesibilidae, seguridade, espazos para xente, etc.". Engaden que "Pontevedra está gañando premios que se traducen en máis fondos para novos proxectos" e que "Tirán tamén ten dereito a ese modelo de desenvolvemento: máis humano e feito á medida desta parroquia. Será ese o desenvolvemento polo que tanto estivemos agardando?".

Spot Vía Segura Cangas Moaña

Territorio Morrazo

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.