A reforma do 'voto emigrante' promovida por PSOE e Podemos suprime o sufraxio rogado e mantén a obriga de anexar o DNI

Na Arxentina (na imaxe, Bos Aires), o país co CERA máis numeroso para as circunscricións galegas, as inscricións superan xa as 165.000 CC-BY-SA Foto: Sking | Montaxe: Praza Pública

Como ben explicou Anxo Lugilde, un dos máis profundos coñecedores do sistema de voto exterior en Galicia e España e das súas implicacións políticas e zonas escuras, nunca houbo máis de cen mil galegos e galegas que participasen nunhas eleccións dende o estranxeiro, aínda que si houbo esa cantidade de votos emitidos no nome desas persoas. Así sucedía nos tempos do "tráfico de sacas, recollidas masivas e pagadas de papeletas, intervencións ilexítimas de gobernos alleos, participación de persoas xa falecidas e, en xeral, un descontrol descomunal", resumía Lugilde.

Ata a introdución do voto rogado, a participación electoral das persoas inscritas no CERA estivo marcada polo descontrol mentres o seu número non deixaba de aumentar

Ese foi, durante décadas, o ruído de fondo do mal chamado voto emigrante, o das persoas inscritas no censo de residentes ausentes (CERA). O mesmo que non deixou de medrar a través de masivas incorporacións de oficio -de persoas vivas e doutras que non o estaban- ou mediante outras normas que, por exemplo, permitiron acceder á nacionalidade española a netos e netas de poboación emigrada e con ela, ao dereito ao voto.

Cando, no ano 2011, a reforma da lei electoral impuxo o sistema de voto rogado -solicitar específica e persoalmente a participación dende o estranxeiro en cada elección- e outras mudanzas, como o veto a estes votos nas eleccións municipais (ese veto mantense na reforma), o CERA das catro circunscricións galegas superaba as 380.000 inscricións. Nos comicios máis recentes, os do Parlamento de Galicia en 2020, o CERA xa superaba as 460.000 persoas. Ese sistema de voto rogado é o que se propoñen eliminar os actuais socios do Goberno de España, PSOE e Unidas Podemos, nunha proposición de lei que tramitan no Congreso dende principios de febreiro.

O voto rogado freou en seco os episodios fraudulentos, pero tamén dificultou a participación de quen desexa votar legalmente

Aquela reforma de 2011 introduciu novas cautelas e freou en seco episodios fraudulentos como o voto no nome de persoas que xa faleceran, facilitado por un censo sen depurar. Pero tamén provocou unha histórica caída da participación electoral dende o estranxeiro: dende arredor do 30% a apenas o 4%.

O electorado que si desexa exercer o seu dereito legal e regularmente ten que realizar complexos trámites sen ter, ademais, garantías de que se completen a tempo de poder emitir o voto. Foron varios, nestes anos, os episodios nos que solicitantes do voto rogado recibiron a documentación para votar cando as eleccións xa se celebraran

A reforma que tramitan PSOE e UP prevé remitir de oficio a documentación a todas as persoas do CERA, que descarguen as papeletas de internet e voten achegando o DNI, o pasaporte, o certificado de nacionalidade ou a inscrición consular

Estas, din PSOE e UP, son as disfuncións que pretenden emendar coa súa reforma. Nela suprimen o voto rogado e recuperan o envío de oficio da documentación electoral a todas as persoas incluídas no CERA. Si manteñen, non obstante, a obriga de anexar unha copia do DNI ou documento equivalente para participar. Ese requisito de achegar o DNI para votar por correo dende o estranxeiro estreárase nas eleccións galegas de 2009. Aínda sen voto rogado, só con esa esixencia de identificación, a participación dende o exterior reducírase practicamente á metade, dende a contorna do 30% ata algo menos do 15%.

O texto que ambas formacións procuran sacar adiante no Congreso contempla que as persoas inscritas no CERA volvan recibir de oficio, sen pedilo previamente, a documentación precisa para votar. Esta, segundo a proposición, pasará a constar dun sobre de votación, dúas copias de inscrición no CERA e unhas instrucións para descargar de internet as papeletas electorais e cos detalles para "coñecer as candidaturas". Esta descarga das papeletas, argumentan no texto, "facilitará que reciban a documentación en prazo", porque non haberá que esperar á proclamación definitiva das candidaturas para enviala. Nun futuro próximo, prevén, o envío de toda a documentación tamén se realizará por internet.

A reforma contempla dúas formas de votar. Unha, en urnas instaladas "nas oficinas ou seccións consulares" ou lugares habilitados por elas. Alí, especifican, cada persoa que queira votar terá que "acreditar a súa identidade" mediante o pasaporte, o DNI, a certificación de nacionalidade ou de inscrición no consulado -esta última documentación foi admitida pola Xunta Electoral Central como válida-. Ademais, terán que "exhibir" e "entregar" un dos certificacións de inscrición no censo que recibira no seu domicilio.

Nas eleccións galegas de 2009, as primeiras coa obriga de anexar o DNI, a participación do CERA reduciuse á metade malia á ausencia do voto rogado

No caso do voto por correo, a vía maioritaria para o sufraxio do estranxeiro tanto antes como despois da reforma de 2011, o novo procedemento implica que o electorado teña que remitir, xunto ao sobre de votación, o certificado de inscrición no CERA e "fotocopia do pasaporte ou do DNI" ou, no seu defecto, o certificado de ter a nacionalidade española ou da inscrición consular. O destino dese envío será o consulado ou sección consular de España que corresponda, que á súa vez o remitirá á "oficina que a estes efectos se constitúa no Ministerio de Asuntos Exteriores" e de alí, ás Xuntas Electorais. 

Todo este procedemento, especifica o texto da lei, debe ser "gratuíto" para o electorado mediante apartados de correos que "permitan o envío sen coste". "Alí onde a apertura destes apartados non sexa posible, adoptaranse os medios necesarios para garantir a devolución do custo do envío", sinalan.

Depuración do censo e novos prazos de reconto

A proposición inclúe unha depuración do censo en seis meses para eliminar a inscrición de persoas xa falecidas

Ao contrario que anteriores propostas de reforma do voto emigrante, a formulada agora si trae consigo unha depuración do censo. Segundo o texto rexistrado, "no prazo máximo de seis meses" dende a entrada en vigor da reforma, "levarase a cabo un procedemento extraordinario de verificación de datos das persoas españolas inscritas" no CERA "para verificar a fe de vida destas, así como a corrección dos datos inscritos" para "facilitar a participación" coas "maiores garantías.

Feijóo, nun mitin do PP na Arxentina o 8 de febreiro de 2009, en vésperas das últimas eleccións galegas sen voto rogado para o CERA CC-BY-SA PPdeG

Esta depuración permitiría frear unha das vías das fraudes que se multiplicaron en décadas pasadas, a da posibilidade de que chegasen a ser enviados votos no nome de persoas xa falecidas. No entanto, coa redacción agora proposta quedaría tamén aberta a porta para envíos masivos de papeletas que estiveron baixo a sombra da dúbida ata a reforma de 2011. 

Cunhas taxas de participación semellantes ás anteriores ao voto rogado, esta reforma implicaría a chegada a Galicia de máis de cen mil determinantes votos en cada elección

Sucedería, ademais, nun momento no que unhas taxas de participación semellantes ás da primeira década do século XXI implicarían a chegada a Galicia de máis de cen mil votos dende o exterior. En contextos electorais axustados, os sufraxios do exterior pasarían a ser aínda máis determinantes do que o foron no pasado, caso das eleccións de 2005, cando o cambio de Goberno en Galicia quedou pendente do reconto do voto CERA. Mostra da importancia que poden chegar a ter son as últimas eleccións galegas nas que, malia a unha participación dende o estranxeiro que non chegou ao 2%, o reconto do voto emigrante restou un escano ao PSdeG na provincia de Pontevedra e deullo ao PP. Os socialistas retivérano na noite electoral por apenas 45 votos.

Deste xeito, semella inevitable o regreso das campañas electorais no exterior, especialmente en Sudamérica. Mais tamén do despregamento das estruturas dos partidos para captar votos entre a emigración galega e a súa descendencia. Entre eses mecanismos, cando menos no pasado, estiveron as figuras dos axentes electorais ou dos actos para promover o fotocopiado do DNI para enviar o voto.

Xunto á fin do voto rogado, se a reforma formulada por PSOE e Unidas Podemos é aprobada coa redacción coa que foi rexistrada, tamén cambiarán os prazos para o reconto do voto chegado do estranxeiro e con eles, o do escrutinio xeral -o que se realiza na noite electoral é provisional-. Así, "amplíase o prazo para a apertura dos votos emitidos dende o estranxeiro de tres a cinco días", o que implica "atrasar, no mesmo intervalo, o prazo do escrutinio xeral". A razón, esgrimen, é que "o prazo actual de tres días dende a data da votación ata a apertura dos votos remitidos dende o estranxeiro se demostrou insuficiente para garantir a recepción deses votos".

Proposición de lei para a reforma do voto dende o estranxeiro rexistrada polo PSOE e Unidas Podemos no Congreso dos Deputados

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.