A caída de electorado mozo frea en Galicia cara ás xerais do 29N

Gráfico da evolución da idade do electorado galego sobre unha imaxe dun colexio electoral nunhas anteriores xerais CC-BY-NC-SA Praza.gal

Ata o primeiro lustro deste século o electorado mozo, entendendo mocidade dende a convención que sitúa o limiar na poboación menor de 35 anos, era o grupo con dereito a voto máis abondoso en Galicia. Representaba case o 30% do censo.

O grupo de votantes menores de 35 anos medra un chisco tras dúas décadas de caída continua e sitúase na contorna das 370.000 persoas nun censo no que o grupo con máis peso segue a ser o de maiores de 65

A crise demográfica combinada cos fortes atrancos que a poboación inmigrante ten para poder acabar tendo dereito a votar foi invertendo a tendencia ata situar o electorado de 18 a 34 anos coma o grupo electoral con menor peso, chegando a tocar fondo nas eleccións galegas de 2024, un 17%, mentres o continxente de maiores de 65 non deixa de subir ata representar un terzo da poboación con dereito a emitir o seu sufraxio.

Estas correlacións mantéñense cara ás xerais do 29N pero cunha mudanza. A caída de electorado mozo semella comezar a frear.

A Oficina do Censo Electoral fixo públicas hai poucos días as cifras de poboación con dereito a participar nos comicios do 29N. E, alén da controversia polo censo de residentes ausentes, no censo interior os números galegos conteñen esta significativa novidade. Descontando o CERA, poderán votar en Galicia 2,22 millóns de persoas, unha cifra case idéntica á dos comicios galegos de 2024, pero co devandito cambio en canto á composición por idades.

Case 78.000 mozas e mozos poden votar por primeira vez nunhas xerais en Galicia por faceren 18 anos dende as anteriores, as de xullo de 2023.

Como amosa o gráfico que acompaña esta información, o devalo do grupo electoral xuvenil foi continuo durante máis de vinte anos. De case 700.000 persoas a comezos de século a menos de 370.000 nas anteriores municipais e nas xerais de 2023. Dende aquela os números apuntan a unha certa estabilización: primeiro tocando fondo nas galegas de 2024 (por primeira vez, menos de 366.000 votantes menores de 35 anos) e agora, cun lixeiro incremento ata volver achegarse ás 370.000 persoas no que supón a maior cifra dende as galegas de 2020. Faino nunhas eleccións nas que poderán votar por primeira vez nunhas xerais case 78.000 mozas e mozos que fixeron 18 anos dende as anteriores, as de xullo de 2023.

Sempre segundo as cifras divulgadas pola Oficina do Censo, tamén aumenta o grupo de votantes de 50 a 64 anos, que supera por primeira vez as 600.000 persoas. E vólveo facer, unha elección máis, a poboación con dereito a voto que ten 65 ou máis anos, que segue gañando peso e xa supón o 34% do censo galego para o 29N.

Diferenzas de voto por idades

Diante destes datos adoita xurdir a cuestión de se o maior peso dun ou doutro grupo de idade inflúe nos resultados electorais. Os datos públicos máis recentes dispoñibles en Galicia a ese respecto, os da sondaxe postelectoral do CIS tras os comicios galegos de hai dous anos, volven avalar esa tese.

Como sintetiza o gráfico sobre estas liñas, atendendo a ese estudo demoscópico entre a poboación máis moza a primeira forza naquelas eleccións galegas foi, con moi ampla marxe, o BNG, chegando a cotas do 60% entre menores de 24 anos e mesmo por riba do 40% entre quen tiñan de 35 a 44 anos. Era a partir dos 45 anos onde a hexemonía do PP comezaba a remontar ata dispararse entre maiores de 65 anos e, especialmente, entre quen tiñan 75 a máis anos, en contas superiores ao 50%.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.