O número de casos positivos por coronavirus en Galicia ascendeu ata 112 na segunda actualización deste venres, primeira xornada na que, en aplicación dos novos protocolos, as confirmacións son realizadas directamente polo Servizo Galego de Saúde, sen ter que agardar pola ratificación do laboratorio central de Majadahonda (Madrid). A área sanitaria con máis casos segue a ser a da Coruña (45) e polo momento, só 7 precisan atención en Unidades de Coidados Intensivos.
A área sanitaria con máis casos segue a ser a da Coruña con 45 e nela rexistráronse tamén as primeiras altas
Segundo a información fornecida pola Consellería de Sanidade, a seguinte área sanitaria con máis casos confirmados é a de Vigo, con 20. En Ourense rexístranse 14, 11 en Pontevedra, 12 en Santiago, 6 en Lugo e 4 casos en Ferrol. Alén das sete persoas persoas atendidas nas UCI, a maior parte dos pacientes con infección confirmada están recibindo atención nos seus domicilios, un total de 73, mentres que outros 32 están hospitalizados en unidades ordinarias.
Na tarde deste venres chegaban ademais as primeiras tres altas de pacientes que foran ingresados por mor desta infección. As tres, na área da Coruña. Todo, nunha nunha xornada na que se prevén novas restricións para frear o virus por parte Xunta, que se reúne en Consello Extraordinario na tarde deste venres, tras o anuncio da declaración de estado de alarma por parte do Goberno central.
Cara á preparación ao incremento de casos, a Consellería asegura estar en disposición de incrementar os postos de UCI cando sexan precisos. No eido dos materiais, o Goberno galego daba luz verde este xoves á sinatura dun convenio co Servizo Vasco de Saúde (Osakidetza) para acceder a ata 70.000 máscaras sanitarias. Forman parte dun contrato coa empresa fornecedora Nueva Sibol que o Goberno vasco asinou o pasado marzo cun total de medio millón de unidades.
"Illamento social" para frear a curva ata o pico previsto en abril
Sanidade insiste en "evitar as grandes concentracións" e, cando saian, maiores e infancia estean en espazos abertos
Estas son as cifras da expansión dunha doenza que no caso de Galicia, especificou o conselleiro de Sanidade en comparecencia ante os medios na Coruña, continúa en fase de contención. Precisamente por iso, reiterou, "é importante o illamento social", contribuíndo así a cidadanía a frear o incremento de casos na medida do posible ata acadar o pico de contaxios que, segundo calcula o Sergas, chegaría "na primeira ou segunda semana de abril", sinala Jesús Vázquez Almuíña.
Nete sentido, o conselleiro subliña que ese illamento non implica un peche "total", pero "si é moi importante tratar de evitar as grandes concentracións". Así, exemplifica, "non significa que as persoas maiores estean sen saír, pero si que saian a espazos abertos e con poucas persoas". No que atinxe á infancia, "os espazos abertos son prioritarios: mellor un parque que un centro comercial e mellor un parque con poucos nenos que con moitos".
Estas accións individuais, subliña, axudan a "conseguir un bo illamento" co que "poderemos facer que a curva da epidemia sexa máis progresiva" para garantir a asistencia sanitaria ás persoas que si a precisan . Entre apelacións á "tranquilidade" da poboación, Sanidade lembra que "en caso de que haxa síntomas", a instrución é "quedar na casa e procurar ter tratamentos habituais, con antitérmicos e medidas hixiénicas", así como "airear moito os cuartos".
Nesta liña, Sanidade reitera que o teléfono 061 debe ser utilizado unicamente para urxencias e reclama "responsabilidade" á hora de utilizar a liña de información habilitada especificamente para o coronavirus, o 900 400 116. Moita desta información xeral está dende este venres concentrada nun único sitio web do propio Sergas.