A declaración da renda, co 70% a devolver, xa se pode presentar e os técnicos piden ampliar o límite do 30 de xuño polo virus

A declaración da renda pode presentarse desde este mércores 1 de abril e ata o 30 de xuño © UGT

Facenda xustifica o inicio da campaña malia o coronavirus salientando que o venres comezarán a pagarse as devolucións e que o 90% se presentan por internet

Dende este mércores 1 de abril, e ata o 30 de xuño, queda aberto o prazo de presentación das declaracións da renda do pasado 2019. As datas son as mesmas de todos os anos malia a crise do coronavirus, cuestión que Facenda xustifica salientando que o 90% das declaracións se presentan por internet e que o 70% son a devolver e comezarán a ingresarse este mesmo venres 3 de abril, mentres que as que saen a pagar non teñen que abonarse ata o remate da campaña en xuño con posibilidade de adiar a novembro o pago do 40%. O Sindicato de Técnicos do Ministerio de Hacienda (Gestha) ratifica os datos de Facenda, pero pide que o prazo máximo para presentar as declaracións se prolongue ata finais de setembro.

Web da declaración da renda de 2019 CC-BY-SA Praza Pública

Os técnicos de Facenda piden adiantar a modalidade de presentación telefónica e adiar a presencial en oficinas

Malia que o 90% das declaracións se presentan a través de internet, xa sexa a través da confirmación ou modificación por parte dos particulares dos borradores que facilita a propia Axencia Tributaria ou dos servizos de xestorías, parte da cidadanía segue a pedir cita presencial. Esa modalidade non estará dispoñible ata dentro de máis dun mes, o 5 de maio, para pedir as citas e ata o 13 para comezar a realizarse nas oficinas, pero Gestha reclama que o seu remate, previsto para o 30 de xuño, se prolongue ata finais de setembro para garantir maior seguridade das persoas que acudan ao servizo.

Igualmente, para descargar de usuarios ese servizo, piden que se adiante e reforce outra modalidade de presentación, o denominado Plan Chamámoslle, no que o contribuínte concerta unha data para que os técnicos chamen por teléfono e formalicen por esa vía a declaración. Unha modalidade para a que as citas tamén se comezan a concretar o 5 de maio e as chamadas o 7 pero que os técnicos queren adiantar.

En Galicia presentaranse 1,3 millóns de declaracións, das que 945.000 serían a devolver, o 69,5%

Para Galicia, o sindicato estima, a partir dos datos do peche da campaña de 2018, que se presentarán 1,3 millóns de declaracións (o 48% da poboación), das que 945.000 serían a devolver (o 69,5%). En Galicia, ademais, están vixentes algunhas deducións autonómicas diferentes do resto do Estado, que poden ser consultadas aquí.

En xeral, non estarán obrigados a presentar a declaracion os contribuíntes que percibiran en 2019 rendementos do traballo inferiores a 22.000 euros procedentes dun único pagador, cifra que se reduce a 14.000 euros cando haxa máis dun pagador pero os segundos e seguintes pagamentos sumen menos de 1.500 euros.

Como novidades, a Axencia Tributaria salienta que este ano o borrador da renda simplifica a identificación do domicilio fiscal do contribuínte e facilita a cobertura dos espazos destinados a rendementos do capital inmobiliario e de actividades económicas en estimación directa. Ademais, os contribuíntes que obtivesen uns rendementos netos do traballo inferiores a 16.825 euros verán reducido o imposto.

Pódese desgravar un 75% dos primeiros 150 euros doados a fundacións, como Praza Pública, e un 30% a partir desa cantidade

Doazóns

Os e as contribuíntes poden desgravar un 75% dos primeiros 150 euros doados a ONGs, fundacións (como é o caso de Praza Pública) ou calquera entidade recollida na lei 49/2002 e un 30% nas achegas a partir desa cantidade; esta porcentaxe aumenta ata o 35% se a cantidade achegada a unha mesma ONG ou fundación non diminuíu nos últimos tres anos.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.