Galicia mantense como segunda autonomía con menos achega á Igrexa na declaración da renda

Cerimonia relixiosa na catedral de Santiago © Arcebispado de Santiago

Galicia volve rachar tópicos a respecto do seu conservadurismo. Cando menos, no referido á asignación económica á Igrexa católica a través da declaración da renda, tradicionalmente asociada a sectores e territorios máis conservadores. As cifras incluídas na memoria anual da Conferencia Episcopal Española (CEE), auditada pola consultora Pricewaterhousecoopers, ratifican que a porcentaxe de declaracións do IRPF tramitadas en Galicia nas que se marcou o 'X' a prol da institución eclesiástica é a segunda menor de todo o Estado, cunha proporción que só é maior que a de Catalunya.

Segundo este informe, presentado esta mesma semana polo órgano de goberno da Igrexa, o 27,06% das declaracións formuladas no país optaron pola asignación do 0,7% da súa declaración do imposto sobre a renda para financiar a institución relixiosa. É unha cifra practicamente idéntica á de 2013, cando Galicia xa foi a segunda autonomía con menor achega. A porcentaxe galega está case oito puntos por riba da catalá, onde as declaracións co "X" eclesiástico son algo menos dunha de cada cinco.

A porcentaxe de declaracións con asignación á Igrexa só é menor que a galega en Catalunya

O volume de declaración da renda a prol da Igrexa só está por baixo do terzo do total en cinco autonomías máis -Canarias, Balears, Euskadi, Asturias e a Comunitat Valenciana-. Mentres, o rexistro segue encabezado por Castilla-La Mancha, onde as asignacións tributarias á Igrexa se rexistran en, practicamente, a metade das declaracións. En cifras semellantes están tamén Murcia, Extremadura, La Rioja ou Castilla y León, e roldan igualmente o 40% territorios como Andalucía ou Madrid.

A arquidiocese de Santiago é a terceira que máis fondos recibe das asignacións tributarias

Alén da porcentaxe de declaracións con asignación á Igrexa, a memoria presentada pola CEE permite tamén coñecer as grandes cifras do destino que, segundo o documento auditado por PwC, teñen eses fondos públicos. Sempre segundo ese documento, a asignación tributaria da institución católica acadou en 2014 os 251,2 millóns de euros -entre o pagamento dese ano e a liquidación pendente de 2012-. A maior parte deses fondos, case 199,8 millóns, foron distribuídos en pagamentos mensuais ás 70 dioceses nas que a Igrexa divide o Estado. Entre elas, a arquidiocese de Santiago é a terceira que máis recibe, con 5,3 millóns de euros, só superada por Madrid (14,9 millóns) e Toledo (5,4 millóns).

Do resto dos fondos a maior parte vai parar ao pagamento das cotizacións á Seguridade Social "do clero", un 6,5% do total, e nunha menor medida, un 2,5%, na achega "extraordinaria" a Cáritas, toda vez que a ONG social da Igrexa se financia a través do outro 'X', o dedicado a fins sociais. As campañas de financiamento, a rehabilitación de plenos ou o propio financiamento da Conferencia Episcopal abrangue outras das partidas máis salientables.

Esta memoria non inclúe, así e todo, unha das partidas máis controvertidas dos últimos anos dentro das asignacións tributarias da Igrexa, a destinada a financiar a canle televisiva 13 TV, non figura especificada na memoria de actividades da Conferencia Episcopal. A última referencia ao respecto, a da memoria do ano 2013, sinalaba que a achega procedente do 'X' da declaración da renda para esta canle chegaba aos 10 millóns de euros nun ano, catro máis dos destinados a Cáritas, tal e como informou o xornalista Jesús Bastante en eldiario.es.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.