Galicia, segunda autonomía que menos financia a Igrexa coa declaración da renda

Misa polo día do Apóstolo en Compostela © Xunta

Os galegos son dos que menos marcan o X no cadro da Igrexa católica no IRPF. De feito, Galicia é a segunda autonomía do Estado cunha menor porcentaxe de declaracións da Renda a favor da institución relixiosa, segundo os datos que vén de facer públicos a propia Conferencia Episcopal Española (CEE).

Tan só o 27,6% das declaracións decidiron financiar a Igrexa en Galicia, máis de sete puntos menos que a media estatal

Cunhas cifras que se cadra rachan con algúns tópicos, o 35,2% das declaracións marcaron o X a favor da Igrexa no conxunto do Estado na campaña de 2014, mentres que en Galicia esa porcentaxe sitúase no 27,6%, máis de sete puntos menos que a media e só superada por Cataluña, cun 19,8%. Ademais, o número de galegos que apostan por achegar parte dos seus impostos á institución católica descendeu con respecto ás declaracións presentadas en 2013 en 3.290 persoas, ao pasar das 351.638 declaracións ás 348.348 do pasado exercicio. 

O descenso de declarantes en Galicia que apostan pola Igrexa non coincide co que se dá no conxunto do Estado, aínda que as porcentaxes mantéñense case estables e tan só varían unha décida: do 34,87% nas declaracións do ano 2012 a un 34,88% das de 2013 -do 35% ao 35,2% de excluír as facendas vascas e navarras. Malia todo, a Conferencia Episcopal di estar "moderadamente satisfeita" tras a presentación dos resultados este pasado mércores.

Así, foron Castela-A Mancha, Murcia, Estremadura, A Rioxa, Castela e León, Cantabria e Andalucía as únicas autonomías cuxa porcentaxe de declaracións con asignación á Igrexa está por riba do total estatal. Ademais, e en canto ao importe que chega á institución católica, este aumentou en Madrid, Estremadura, Murcia, Baleares, A Rioxa, Canarias e Castela-A Mancha. Galicia non aparece en ningún dos grupos, ao manterse por baixo da media en canto á porcentaxe de IRPF e ao non incrementarse tampouco os cargos que se asignan. 

A Conferencia Episcopal inviste cada ano tres millóns de euros en campañas para promover o 'X' a favor da Igrexa

O estancamento nesta asignación á Igrexa chega malia que, desde 2007, a Conferencia Episcopal inviste máis de tres millóns de euros en campañas para promover que os españois marquen o cadro da Igrexa en cada IRPF. A pesar de todo, en 2013 a CEE recibiu 247,6 millóns por parte do Ministerio de Facenda, tan só 1,5 millóns menos que en 2012, algo que os prelados atribúen á crise económica. De feito, tamén diminuíron as asignacións en favor da Igrexa, ao pasar dos 7,27 millóns aos 7,34, o que supón o cuarto descenso consecutivo desde que se aplicara un sistema que fora acordado polo Goberno socialista de Rodríguez Zapatero e que é un privilexio do que tan só goza a confesión católica. 

Ademais, os datos de Galicia rachan coa tendencia a que sexan as autonomías con maior nivel de vida e renda as que menos acheguen cartos á Igrexa. Os galegos sitúanse no grupo dos que menos asignacións fan a favor da institución católica por debaixo dos cataláns, os que menos, pero con menor achega que vascos, baleares ou valencianos. 

Misa polo día do Apóstolo en Compostela © Xunta
Feijóo, co arcebispo de Santiago, nun acto na Catedral © Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.