A declaración da renda en galego, "por lóxica, por dereito"

Imaxe da campaña da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística © sociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística (AFNL) vén de iniciar unha campaña para promover a utilización do galego na presentación da declaración da renda do ano 2018 que comenzará o 2 de abril. A campaña ("Eu declaro [a renda] en galego. É lóxico. Por dereito") lembra o dereito a relacionarse coas administracións públicas na lingua galega e destaca que "este é un xesto sinxelo e inmediato pero, ao mesmo tempo, de elevada importancia".

"Este é un xesto sinxelo e inmediato pero, ao mesmo tempo, de elevada importancia"

A AFNL explica que "por unha beira, promóvese o exercicio dos dereitos que xa están recoñecidos nas diferentes normativas, e pola outra, é unha mensaxe á Administración estatal para que corrixa a inxusta situación e a marxinación da lingua galega en organismos da súa dependencia" e advirte de que "a pesar do recoñecemento normativo, existen aplicacións informáticas da Axencia Tributaria, Seguridade Social, Xustiza ou Tráfico que non ofrecen a opción do galego".

Durante os vindeiros tres meses, difundiranse polas redes sociais imaxes de persoas de todos os ámbitos apoiando explicitamente a campaña. Ademais, remitiranse propostas de mocións para que diferentes concellos galegos fagan unha declaración en defensa da utilización da lingua galega diante das administracións públicas. E, igualmente, solicitarase o apoio de diferentes colectivos.

"A pesar do recoñecemento normativo, existen aplicacións informáticas da Axencia Tributaria, Seguridade Social, Xustiza ou Tráfico que non ofrecen a opción do galego"

A Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística salienta que o Defensor del Pueblo ten en curso unha investigación de oficio ante a Administración Tributaria pola "reiterada inobservancia da cooficialidade lingüística", subliñando esta institución que "a cooficialidade lingüística non é unha opción administrativa, senón unha suxeición para a Administración e non debe aceptarse a persistencia durante anos de situacións que amosen como o uso das linguas cooficiais non é normal, habitual, fluído e sen dificultades maiores". 

"Trátase dunha cuestión que transcende o seu carácter cultural, merecedora ademais non soamente dun mero respecto e protección, senón dun "especial" respecto e protección (artigo 3 da Constitución)”, engade o Defensor, que lembra que esta é unha cuestión que alcanza á dignidade das persoas e aos dereitos fundamentais.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.