A Mesa alerta ao Consello de Europa que a Xunta segue a vulnerar os dereitos lingüísticos en Galicia

Presentación do relatorio da Mesa © A Mesa

Hai agora seis anos, o Consello de Europa emitiu un duro informe contra a política lingüística da Xunta. Era o documento coas recomendacións a España con motivo do seguimento do cumprimento da Carta Europea das Linguas Rexionais ou Minoritarias (CELRM) e que xa fora contundente na edición anterior. Criticaba a situación na que o polémico decreto do plurilingüismo deixara o idioma propio, reclamaba escolas con educación íntegra ou esencialmente en galego ou recomendaba o modelo lingüístico escolar de Catalunya ou Euskadi do que renegaba --e renega-- o Goberno de Núñez Feijóo. En 2016, noutro informe desta entidade, que forman 47 Estados europeos, volvíase reclamar ao Executivo autonómico que impulsase máis o galego ante a "redución gradual" que sufría no ensino medio e lembráballe que seguía a incumprir a Carta que avaliaba. 

O Consello de Europa, que ten o obxectivo de promover a democracia e os dereitos humanos no continente europeo, recolle estes días as achegas de diferentes entidades e administracións para a publicación definitiva dun novo informe. A Mesa pola Normalización Lingüística entregará o seu relatorio o vindeiro 3 de novembro en Dublín, pero presentouno xa este martes advertindo que "tanto o Estado como a Xunta incumpren as súas obrigas en todas as áreas nas que deben garantir a presenza normal do galego: educación, vida social e económica, xustiza, cultura, medios de comunicación ou relacións transfronteirizas, entre outras". O texto será tido en conta para a elaboración do quinto informe de avaliación do cumprimento do tratado.

"Tanto o Estado como a Xunta incumpren as súas obrigas en todas as áreas nas que deben garantir a presenza normal do galego", advirte A Mesa

Malia as continuas reprimendas do Consello de Europa, a CELRM segue sen se cumprir en numerosos aspectos. E todo malia que o Estado ratificou este documento en 2001 no seu grao máximo, polo que se comprometeu a garantir "o uso pleno do galego nos territorios onde é oficial ou está protexido polo Estatuto". 

A Mesa culpa o Estado de enviar un informe ao Consello de Europa que "manipula e mente para obter unha avaliación positiva"

Segundo A Mesa, o Estado remitiu nesta ocasión ao comité de expertos do Consello de Europa un informe que "manipula os datos e que mente, co fin de obter unha avaliación positiva". Marcos Maceira, presidente da Mesa, asegura que ademais de ocultar o contido do mal chamado decreto de plurilingüismo, "chega a afirmar que a maior parte dos pais falan galego cos fillos”, que o descenso de galegofalantes “se produce, fundamentalmente, en nacidos antes de 1973” ou que o galego é a lingua máis empregada polo estudantado. A entidade en defensa da lingua lembra que, segundo datos do IGE, en 2014 tiñamos "a cifra máis alta de menores de 15 anos que aseguran non seren capaces de falar galego (20%)”.

O relatorio da Mesa achega datos tirados de estatísticas oficiais, ademais de informes da propia entidade, do Consello da Cultura e mais da Real Academia Galega, así como informacións recollidas pola prensa. Así, expón numerosos problemas, incumprimentos legais e eivas que sofre a lingua galega en Galicia. 

A Mesa lembra que o 20% do alumnado remata a ESO sen saber falar galego, tal e como indicara o IGE

Por exemplo, respecto do ensino, lembra que segundo o último estudo do IGE, o 20% do alumnado que remata a ESO non sabe falar galego, que o decreto do plurilingüismo segue vixente malia as recomendacións do Consello de Europa ou que a aplicación da Lomce impide cumprir os máximos para a lingua galega. En canto ao ámbito xudicial, advirte de que "continúa sen haber garantías para o desenvolvemento da xustiza en galego". "A xuíces, xuízas e fiscais non se lles require o coñecemento da lingua e a inexistencia de galego nos programas infomáticos sobrecarga e provca atrasos ao funcionariado e á cidadsnía que opta polo galego", di a entidade. 

Por outra banda, o relatorio insiste en que a Administración do Estado e os servizos públicos externalizados encabezan os incumprimentos da Carta, destaca "a inexistencia de requisito de coñecemento do galego ao funcionariado ou repara en sentenzas como a do TSXG sobre a ordenanza de uso do galego en Lugo que "supoñen unha regresión dos dereitos lingüísticos da cidadanía". 

Ademais, destaca que en anto aos medios de comunicación, "só a TVG garante unha presenza mínima do galego", pero lembra que "é a única emisora pública do Estado que non conta cunha canle específica para a mocidade". "Os medios en galego son os que menos axuda reciben polo uso do galego", destaca, tras alertar da caída de publicación de libros en galego, do investimento en dobraxe ou das dificultades para a distribución de cinema na lingua do país. 

Por último, o informe da Mesa asegura que "non opera neste momento en Galiza ningunha entidade bancaria que permita realizar todos os trámites en galego" ou que a Xunta atribuíu ao Tribunal Central de Recursos Contractuais as súas competencias, polo que "todos os recursos especiais terán que ser redactados en castelán, o que só acontece no caso galego fronte ás outras linguas oficiais no Estado". Ademais, o documento alerta que son "anecdóticos" os acordos institucionais que faciliten ou favorezan os contactos con Portugal. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.