O TSXG anula, tras un recurso de Galicia Bilingüe, parte da ordenanza do uso do idioma en Lugo

Casa do Concello de Lugo © Google

O TSXG vén de anular completamente tres artigos, así coma apartados doutros 10, da Ordenanza de Uso do Galego na Administración Municipal de Lugo, aprobada en 2012 por unanimidade. O Tribunal atende deste xeito o recurso presentado por Galicia Bilingüe.

A sentenza anula, por exemplo, boa parte do primeiro artigo do texto, que sinalaba que "o galego, como lingua propia de Galicia, é idioma oficial do (...) Concello de Lugo"

A sentenza anula, por exemplo, boa parte do primeiro artigo do texto, que sinalaba que "o galego, como lingua propia de Galicia, é idioma oficial do (...) Concello de Lugo" e que "as actuacións administrativas realizadas en galego no territorio municipal terán plena validez e eficacia". O TSXG entende que estas indicacións "ou son superfluas o apártanse do disposto, respectivamente, nos artigos 4.2 e 6.2 da lei 3/1983, xa que ao silenciar a referencia ao castelán contida nos preceptos legais dan a entender que este non é idioma oficial ou que só son válidas as actuacións administrativas en galego".

Igualmente, a sentenza anula o artigo 7 ("Nas súas comunicacións administrativas orais, o persoal do Concello empregará preferentemente a lingua galega como lingua vehicular"), o artigo 10 ("Os cargos electos do Concello de Lugo, cando interveñan en actos públicos de carácter institucional, expresaranse en galego, aténdose ao espírito da Lei de Normalización Lingüística") e o artigo 15 ("O Concello de Lugo requiriralles aos seus contratistas, concesionarios/as e demais axentes que estean traballando a conta da Administración que fagan uso do galego nos bens e nos servizos  (rotulación, recibos, atención ao público, contratos con usuarios e usuarias) que sexan obxecto do contrato").

A sentenza anula o artigo 7 ("Nas súas comunicacións administrativas orais, o persoal do Concello empregará preferentemente a lingua galega como lingua vehicular")

O ditame anula tamén aspectos do artigo 3, que orixinalmente sinala que "O Concello de Lugo empregará o galego nas súas actuacións administrativas internas", entre elas as actas municipais e os rogos e preguntas. O TSXG sinala que "a impugnación debe prosperar no que se refire aos rogos e preguntas, que ningunha norma impón que teñan que facerse en galego, polo que poden realizarse en castelán de acordo co principio xeral que rexe en materia lingüística". De igual xeito suprime o apartado 3.5, que indicaba que "a rotulación indicativa de oficinas e despachos (...) deben estar escritos en galego". O tribunal sinala que o seu "carácter informativo esixe que así mesmo estea redactada en castelán a efectos do seu coñecemento por todos".

O Concello xa anunciou que recorrerá esta sentenza. A concelleira de Cultura, Carmen Basadre, afirmou que as institucións e os cidadáns teñen "o dereito e o deber de defender o galego, idioma de Galicia", que se atopa "nunha situación moi precaria", como o demostra -engadiu- que tres de cada catro menores de 15 anos son castelanfalantes.

O Concello xa anunciou que recorrerá esta sentenza. A concelleira de Cultura, Carmen Basadre, afirmou que as institucións e os cidadáns teñen "o dereito e o deber de defender o galego, idioma de Galicia"

Para o BNG, estamos ante "un intento de impoñer a vontade dunha minoría sobre a decisión democrática, unánime e consensuada dunha corporación democraticamente elixida polas veciñas e veciños de Lugo" e, tamén, un intento "de ningunear as institucións democráticas e ás forzas políticas que lexitimamente representan aos e ás lucenses nas mesmas". O BNG sinala que "resulta inaudito que a xenreira dun pequeno grupúsculo de persoas, organizadas baixo a falsa imaxe da defensa do bilingüismo, pretenda estar por riba da decisión unánime da corporación municipal para impoñer a súa ideoloxía, dende a súa sede en Vigo, sobre as veciñas e veciños de Lugo".

Mentres, Galicia Bilingüe manifestou a súa "satisfacción", xa que "con esta sentencia decláranse ilegais prácticas que son a chave da chamada normalización lingüística". E engadiu que "agardamos que os organismos oficiais de Galicia inicien a partires de agora un camiño novo que sexa un espello da realidade bilingüe da sociedade galega e do respecto á  co-oficialidade a que obrigan a Constitución e as Leis".

 

Aprobada por unanimidade

A ordenanza foi aprobada por unanimidade en 2012. Nese momento, o daquela tenente de alcalde, Antón Bao (BNG), destacou que a norma se axustaba "ao entorno legal que regula o uso do idioma de Galicia" e sinalaba que "a cidadanía ten dereito a ser atendida e obter copia ou recibir notificacións da documentación municipal no idioma oficial da súa elección".

Na ordenanza recóllese que todos os expedientes administrativos serán tramitados en galego, pero que se os cidadáns o solicitan formalmente, serán atendidos en castelán e recibirán as comunicacións nesta lingua. Tamén se indica que "a declaración de oficialidade" esixe que "todo o persoal ao servizo do Concello estea en condición de empregalo nos dous niveis -oral e escrito- en igualdade co castelán".

GB apoiábase na sentenza do Tribunal Constitucional que anulou parcialmente a reforma do Estatuto de Autonomía de Cataluña

Pola súa banda, Galicia Bilingüe criticou a ordenanza dende o primeiro momento como un "inaceptable intento de restrinxir dereitos civís a quen prefiren relacionarse coa Administración en español e ver a súa lingua, que tamén é oficial, nas actividades e dependencias municipais". Sinalaba que en "algúns dos artigos abondaría con introducir no seu texto unha cláusula de salvagarda de uso do español, como podería ser “sen prexuízo de que tamén se poida empregar o castelán”. A entidade apoiábase na sentenza do Tribunal Constitucional que anulou parcialmente a reforma do Estatuto de Autonomía de Cataluña, e que "deixou meridianamente claro que conculcaba a Constitución calquera norma xurídica que establecese algún tipo de preferencia de uso, por parte dos poderes públicos, dunha lingua oficial cando nun mesmo territorio houbese outra tamén oficial", afirmaba.

O pasado mes de novembro a entidade ameazou tamén con recorrer a normativa lingüística que estaba a piques de apobar o Concello de Cee

Galicia Bilingüe lembraba tamén o precedente da sentenza de 2006 do propio Tribunal Superior, que anulou a ordenanza de normalización lingüística do Concello das Pontes (que fora impugnada polo Delegado do Goberno), por destacar que "o galego, como lingua propia de Galicia, é o idioma oficial do Concello das Pontes de García Rodríguez". O pasado mes de novembro a entidade ameazou tamén con recorrer a normativa lingüística que estaba a piques de apobar o Concello de Cee.

 

A moción de Ciudadanos en Ferrol que copia o recurso de Galicia Bilingüe

O recurso presentado por Galicia Bilingüe pola ordenanza de Lugo é case idéntico á moción coa que Ciudadanos debutou no Concello de Ferrol e na que solicitou a derrogación de seis artigos da Ordenanza de Normalización Lingüística que fora aprobada por unanimidade hai vinte anos. A formación laranxa non conseguiu finalmente apoio ningún á súa proposta, xa que PP, BNG e os partidos que forman parte do goberno municipal (Ferrol en Común e PSdeG) uniron os seus votos contra o da unica concelleira de C's. 

Ciudadanos pedía que se suprimisen até seis artigos da actual ordenanza, entre eles aquel que indica que "o galego, como lingua propia de Galicia, é o idioma oficial do Concello de Ferrol" ou no que se establece "as actuacións administrativas realizadas en galego en territorio municipal terán plena validez e eficacia". Son as mesmas indicacións que o TSXG vén de eliminar na normativa do Concello de Lugo. Ao tempo, outros aspectos que acaba de corrixir o alto tribunal coinciden en boa parte coas pretensións do partido de Albert Rivera no municipio ferrolán. 

A formación laranxa, sen apenas infraestrutura en Galicia ata hai poucos meses, debutara no país hai xa oito anos axitando a bandeira dunha suposta falta de liberdade por mor da lingua galega e contra a "Junta" e a "galleguización". 

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística, o seu presidente, Marcos Maceira, non dubida que este recurso de Galicia Bilingüe, así como a moción de Ciudadanos, "forman parte dunha clara campaña contra o galego" que, segundo advirte, "conta agora coa complicidade dun alto tribunal que se di galego". "Actúa como un tribunal da inquisición contra o idioma propio", insiste, ademais de engadir que a sentenza "ataca directamente todos os acordos unánimes a prol da lingua no país, como o PXNL", así como "o concepto clarísimo de lingua propia". "É inadmisible", remata, antes de anunciar medidas contra o ditame, de pedir a mobilización da sociedade e de agradecer "a rápida resposta do Concello de Lugo co recurso". 

Casa do Concello de Lugo © Google

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.