O Plan Xeral de Normalización, dez anos sen normalizar a lingua

Manifestación a prol do ensino en galego CC-BY-NC-SA Queremos Galego

O vindeiro domingo cumpriranse exactamente dez anos desde a aprobación por unanimidade no Parlamento galego do Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega (PXNL), un extenso documento con máis de catrocentas medidas concretas para favorecer e normalizar o uso do idioma propio no país e no que participaron máis de cen profesionais de todos os ámbitos da sociedade. Logo da aprobación da Lei de Normalización en 1983, aspiraba a se converter nun dos impulsos máis importantes para a extensión e prestixio do uso do galego. Pero pouco ou nada se avanzou. O que supuxo un fito acabou en papel mollado, especialmente desde a volta do PP ao Goberno da Xunta en 2009. O Executivo incumpre o Plan e a propia Consellería de Educación, que obviou o ano pasado a presentación dunha programación anual tal e como se aceptara hai unha década, recoñece que é tan só "unha referencia".

A propia Xunta de Feijóo recoñeceu que o PXNL era tan só "unha referencia"

Estudos, informes e análises confirman que a transmisión familiar do galego é cada vez menor, que o número de falantes baixa a cada ano -especialmente nos ámbitos urbanos-, que o seu uso nos medios de comunicación é moi minoritario e que a súa situación na administración e no ensino, en especial desde a aplicación do polémico decreto do plurilingüismo, empeora curso a curso. As medidas esperanzadoras que se foron adoptando até 2009 acabáronse de vez coa chegada de Feijóo á presidencia, ao tempo que o seu desprestixio avanza.

No retorno  ao poder do PP hai cinco anos tras unha campaña apoiada, entre outros aspectos, nunha suposta "imposición" da lingua propia, os conservadores desdeñaron o plan que apoiaran outros cinco anos atrás. O daquela novo conselleiro de Educación, Jesús Vázquez, desdeñouno ao identificalo co tal "remuíño" e logo, a pouco de facerse dez anos da aprobación, o seu departamento dixo que tan só era unha "referencia" máis na súa política lingüística.

Un repaso aos cinco grandes obxectivos xerais do Plan abonda para se decatar que están lonxe de cumprirse

O PXNL establece unha morea de obxectivos xerais e concretos divididos en bloques sectoriais de actuación e diferentes ámbitos, todos eles resumidos nuns obxectivos xerais. Un repaso a estes cinco grandes puntos abonda para decatarse de que os propósitos están lonxe de ser cumpriodos. "Garantirlle a posibilidade de vivir en galego a quen así o desexe, sabendo que conta co amparo da lei e das institucións", di o primeiro deles, mentres numerosos casos o desmenten, nomeadamente na educación. Por exemplo, na eduación infantil. Complicado que un pai consiga que o seu cativo estude en galego. Segundo datos d'A Mesa, só 7 colexios urbanos dan aulas de infantil en galego, un 2% de todas elas.

"Conseguir para a lingua galega máis funcións sociais e máis espazos de uso, priorizando a súa presenza en sectores estratéxicos", di o segundo dos obxectivos, incumprido en boa parte ante a discriminación evidente que o galego sofre nalgún sector, especialmente -e precisamente- nos estratéxicos. En canto ao propósito de "introducir na sociedade a oferta positiva de atender o cidadán ou cliente en galego como norma de cortesía dun novo espírito de convivencia lingüística", a situación tampouco pareceu mellorar.

"Promover unha visión afable, moderna e útil da lingua galega que esfarele prexuízos, reforce a súa estima e aumente a súa demanda", di tamén o PXNL entre os seus obxectivos xerais. Abonda con botar a vista atrás e lembrar a campaña que o actual partido de goberno levou a cabo nas eleccións autonómicas de 2009, denunciando unha presunta "imposición do galego" e apoiando manifestacións de sectores reaccionarios e da dereita máis extrema. Tamén se apostaba por "dotar o galego dos recursos lingüísticos e técnicos necesarios que o capaciten para vehicular a vida moderna". No ámbito da Xustiza, por pór só un exemplo, levan anos reclamándose os medios necesarios para levar a cabo o seu traballo na lingua propia. E no cinema é case imposible atopar un filme en galego. Nin falar xa das críticas que o Consello de Europa verte cada pouco cara á política lingüística do Goberno galego. Ou das que chegan da Eurocámara ou da propia UE.

 

Denuncias de Prolingua e d'A Mesa

A plataforma Prolingua denuncia que "nestes dez anos non se aproveitaron as potencialidades do PXNL e a lingua galega segue a recuar na terra onde agromou" e denuncia que desde 2009, os "retrocesos lexislativos e o desmantelamento do galego en ámbitos como o educativo e o administrativo emprendidos polo actual goberno, sitúan o noso idioma nunha situación de emerxencia". "O Goberno debe asumir o plan que todos os grupos políticos, incluído o PP, aprobaron no Parlamento hai dez anos e adoptar as medidas axeitadas para a plena normalización do galego", di.

"Non se aproveitaron as potencialidades do PXNL e a lingua galega segue a recuar na terra onde agromou", denuncia Prolingua

Ademais, A Mesa pola Normalización Linguística vén de preentar un informe no que avalía o nivel de cumprimento dos obxectivos e medidas do PXNL. "Tras esta avaliación, e grazas ao que a entidade tivo oportunidade de constatar nestes anos polas denuncias e queixas que lle chegan cada día, concluímos que o nivel de incumpriento dos obxectivos e medidas do Plan Xeral é escandaloso”, aegura.

"Debía constituír un punto de partida para avanzar na normalización e na reposición da lingua aos espazos que nunca debera de ter perdido ou, cando menos, garantir a igualdade de dereitos mínimos para as persoas que queremos vivir en galego”, asegurou o presidente da asociación, Marcos Maceira, que lembra que "a chegada de Feijóo ao Goberno supoxo a frustración deste acordo". “O único partido galego que se desmarcou do PXNL ten que iniciar un proceso de reflexión e voltar ao acordo e ao consenso acadado en 2004", reclama, tras acusar o presidente de "romper a palabra dada polo PP en boca de Manuel Fraga, que se comprometeu a impulsar todas e cada unha das accións sinaladas”.

"A Xunta de Feijóo rompeu a palabra dada polo PP en boca de Manuel Fraga", destaca A Mesa

Daquela, lembra o colectivo, Feijóo era parlamentario e vicepresidente da Xunta, polo que tamén el persoalmente, e de maneira destacada, "incumpriu a súa palabra". “O seu goberno dedicouse nestes cinco anos a desmantelar un por un os acordos en torno á lingua”, sinalou Maceira, para quen “non é só cuestión de cumprir coa súa palabra de deputado, tamén de cumprir a lei e os mandatos parlamentarios".

"Non só non se están a aplicar as medidas acordadas no PXNL, senón que en moitos casos se está a lexislar en sentido contrario, e para imposibilitar na práctica a consecución dos obxectivos marcados, como demostra de xeito paradigmático o caso do ensino e o decretazo contra o galego, que supuxo unha involución sen precedentes", insiste quen insta a demostrar a Feijóo que o de hai dez anos "non foi unha fraude".

"Non só non se aplican as medidas do Plan, senón que se lexisla en sentido contrario"

Desde A Mesa pola Normalización Lingüística destacan a necesidade de “retornar ao consenso de 2004 por parte de quen o rompeu, o Partido Popular e o presidente da Xunta, que ten a obriga de aplicar o PXNL”, así como dun “compromiso explícito e efectivo co PXNL por parte do goberno e actuacións lexislativas que desenvolvan o contemplado nas medidas acordadas neste” e reclamaron a derrogación de “todas as disposicións legais contrarias ao PXNL, nomeadamente as relacionadas co ensino e coa administración”.

Feijóo e Vázquez presentan o decreto, o 30 de decembro de 2009 Dominio Público Xoán Crespo

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.