Cada década que pasa os veráns duran entre 12 e 15 días máis en Galicia

Unha praia en Galicia CC-BY-SA M.Rey

Todo o mundo sabe que o verán comeza, teoricamente, o 21 de xuño, para rematar tres meses despois, ao redor do 22 ou 23 de setembro. Pero tamén sabe todo o mundo que tradicionalmente os veráns en Galicia adoitaban ser algo máis curtos e caprichosos e que as temeraturas máis elevadas, propias desta estación, só se daban nun periodo de tempo algo máis curto.  

A revisión dos datos meteorolóxicos das últimas décadas permite comprobar que o tempo mudou notablemente en Galicia. Hai dous anos unha investigación dos xeógrafos da USC Alberto Martí e Dominic Royé amosou que os días de verán en Compostela se duplicaran dende os anos 50 do pasado século e que, de igual xeito, as xeadas son moito menos frecuentes e chegan máis tarde.

A revisión dos datos meteorolóxicos das últimas décadas permite comprobar que o tempo mudou notablemente en Galicia

Agora o meteorólogo César Rodríguez Ballesteros vén de publicar un informe que analiza o comportamento dos veráns en varias localidades españolas, constatando que a duración dos períodos de estío se incrementou moito nas últimas décadas, iniciándose moito antes o tempo de temperaturas altas e rematanto igualmente moito despois. Máis ou menos, cada década que pasa o verán en Galicia dura entre 12 e 15 días máis. E semella que esta tendencia non se vai deter.

Para fixar o concepto de verán Rodríguez Ballesteros fixo un cálculo para cada estación das temperaturas máximas medias que no período 1981-2010 se deron ao redor do 21 de xuño e do 22-23 de setembro. Posteriormente buscou nos datos anuais de cada lugar os primeiros episodios de calor persistente (cando menos 7 días superando a temperatura habitual o 21 de xuño) que se daban no ano. E, igualmente, os derradeiros períodos de calor continuado que se producían no ano (cando menos 7 días superando as temperaturas propias do 22 de setembro).

Gráfico de aumento da duración do verán na Coruña © climaenmapas

As conclusións ás que chega Rodríguez Ballesteros analizando os datos das estacións da Coruña, Vigo e Ourense son claras. Na Coruña, a duración media do verán nas últimas décadas foi de 64 días, sendo o máis longo o de 2014 con 143 días, entre o 11 de xuño e o 31 de outubro (aínda que destes 143 días 29 estiveron por baixo dos dous limiares de temperatura); pola contra, en 1971 e 1977 non houbo ningún episodio de sete días consecutivos que superase os limiares establecidos, non en balde coñécese popularmente a 1977 como "o ano sen verán". O inicio do verán adiántase 5,75 días cada dez anos, e o seu final atrásase 6,02 días cada década, o que supón un alongamento do verán de 11,77 días cada dez anos. 

Na Coruña os veráns duran 11,77 días máis cada década. En Ourense increméntanse 14 días cada dez anos e en Vigo máis 15 días cada década que pasa

En Ourense, cun clima bastante diferente ao da Coruña, as conclusións son semellantes. A duración media do verán na cidade das Burgas foi de 81 días, sendo os máis longos os de 1991 e 2017, ambos con 128 días e o máis curto o de 1983 con tan só 7 días, entre o 22 e o 28 de setembro. Alí, o inicio do verán adiántase 9,57 días cada 10 anos, mentres que o final se adía 4,52 días cada década, o que supón un alongamento do verán de 14,09 días cada dez anos. 

Finalmente, é en Vigo onde as variacións cada vez son maiores. Na cidade olívica a duración media do verán foi de 82 días, sendo os máis longos os de 2014 e 2017 con 143 días, e o máis curto o de 1977 con 13 días, entre o 3 e o 15 de setembro. Nas liñas de tendencia vese que o inicio do verán se adianta 6,68 días cada dez anos, mentres que o final se atrase 8,42 días cada década, o que supón un alongamento do verán de 15,10 días cada década que pasa.

Gráfico de aumento da duración do verán en Vigo © Climasenmapas
Gráfico de aumento da duración do verán en Ourense ©

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.