Galicia rexistrou o verán máis cálido dende que hai datos comparables

Día solleiro no verán de 2025 na contorna da ría de Muros e Noia CC-BY-NC-SA Praza.gal

A temperatura media de xuño a agosto estivo dous graos por riba do normal e choveu un 62% menos do que debería

O verán no que Galicia padeceu os meirandes incendios forestais documentados na historia do país foi tamén no que rexistrou as temperaturas máis elevadas dende que hai rexistros comparables. Unha vez finalizado o verán climatolóxico (que abrangue os meses de xuño, xullo e agosto) MeteoGalicia vén de divulgar o seu avance de datos ao respecto e conclúe que o período estival foi "extremadamente cálido" e notablemente máis seco do normal.

Co xuño máis cálido dende que hai rexistros e o segundo agosto con máis calor documentada -só por tras do de 2003-, a temperatura media de Galicia nestes tres meses situouse en 21,1 graos, segundo as estacións de MeteoGalicia. Isto significa que estivo dous graos por riba da media do período 1981-2010 e que, en termos absolutos, foi "o máis cálido de todos" nunha serie histórica que se remonta a 1961.

Anomalía da temperatura media en Galicia no verán de 2025 © MeteoGalicia

As desviacións foron notables na media xeral, pero tamén na das temperaturas mínimas e máximas. A media das mínimas estivo 2,3 graos por riba do que se consideraría normal e as máximas, 1,7 graos. Por iso a respecto destes criterios, o verán de 2025 foi igualmente "extremadamente cálido" segundo as escalas coas que traballa o servizo meteorolóxico galego.

"Para atopar un verán máis seco temos que remontarnos a 1981", destaca MeteoGalicia

Baixando ao detalle territorial, as temperaturas medias máis altas deste verán "movéronse entre 22,2 e 23,5 graos" no Canón do Sil, na Depresión de Ourense e no Baixo Miño. As medias máis moderadas, nas Serras Setentrionais, estiveron entre 15,7 e 16,9. Contornas ourensás e do sur da provincia de Lugo rexistraron a maior desviación a respecto da media 1981-2010, con case catro graos por riba; mentres, na Costa da Morte ou na ría de Arousa as anomalías estiveron entre 0,9 e 1,3.

No referido ás chuvias, explica MeteoGalicia, o verán foi "moi seco", cunha media acumulada de 51 litros por metro cadrado que é "un 62% inferior ao período climático de referencia". As Serras Setentrionais e puntos da vertente atlántica chegaron a acumular ata 170 litros por metro cadrado mentres que en zonas das Rías Baixas e do Baixo Miño caeron entre 10 e 30 litros por metro cadrado en todo o verán. "Para atopar un verán máis seco -resume MeteoGalicia- temos que remontarnos a 1981".

Serie histórica de anomalías de temperatura e precipitacións en Galicia no verán © MeteoGalicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.