Viana do Bolo, Vilardevós, Vilamartín ou Monforte, entre as localidades máis afectadas polas fortes treboadas, con acumulacións de chuvia superiores aos 50 litros por metro cadrado en moi pouco tempo
As habituais treboadas de fin de primavera no interior do país adquiriron este pasado xoves unha notable virulencia. Nas primeiras horas deste xoves en localidades ourensás como Viana do Bolo, Vilardevós e Vilamartín e en contornas do sur da provincia de Lugo, especialmente en Monforte, avaliábanse os danos dunhas chuvias torrenciais que causaron asolagamentos en zonas urbanas e, sobre todo, danos na rede viaria entre pequenos concellos.
Así, segundo informa a Deputación de Ourense, foi preciso cortar en Viana senllos treitos das estradas OU-0903 e OU-0904 para que actuasen "dúas máquinas mixtas, unha retroescavadora, unha motoniveladora e dous camións, co obxectivo de retirar arrastres, limpar as vías e restablecer a circulación canto antes". En Vilamartín a brigada de conservación do Barco tamén tivo que "retirar arrastres polas intensas precipitacións", aínda que sen cortar o tráfico na OU-0807
Estas incidencias foron a parte máis visible dunha xornada na que as estacións de MeteoGalicia chegaron a recoller en moio pouco tempo importantes cantidades de precipitacións. En Monforte o acumulado superou os 52 litros por metro cadrado; en Vilardevós foron 41; o rexistro de Viana superou os 38 e en Vilamartín foron case 30.
Temperaturas "moi por riba do agardado"
MeteoGalicia prevé ata 38 graos en Ourense, 35 en Lugo ou 33 en Santiago para os vindeiros días
Estes rexistros e danos polas chuvias chegan en vésperas doutra vaga de calor que, segundo a predición de MeteoGalicia, impactará máis no sur e interior do país, pero que será xeral. Unha "entrada de aire moi cálido", avanzan, vai deixar "temperaturas moi elevadas tanto polo día como pola noite, con rexistros moi por riba do agardado para esta época do ano". Choverá pouco e se o fai, será outra vez en forma de treboada.
Así, por exemplo, na cidade de Ourense para este domingo prevense xa temperaturas máximas na contorna dos 38 graos e valores semellantes cando menos ata o mércores, moi por riba da media para a segunda quincena de xullo na cidade. En Lugo a previsión apunta ata 35 graos o domingo e en Santiago espéranse uns 33. En xeral, a vaga de calor continuará, cando menos, ata o día de San Xoán.