A Comisión Europea, preguntada pola ría de Pontevedra, viu "proporcionado" revisar concesións para eliminar prexuízos ao medio ambiente

Vista da ría de Pontevedra CC-BY-SA encefora.gal

O comisario de Mercado Interior responde a Ciudadanos que “non está claro a que ‘industrias estratéxicas’ se refire” ao preguntarlle polos posibles efectos da Lei de Cambio Climático na zona, que finalmente non afectou á concesión de Ence, anulada pola xustiza

A pregunta foi ambigua e incorrecta e a resposta condicional, e as dúas chegaron xusto antes de que a Audiencia Nacional se pronunciase sobre a cuestión de fondo que as provocou, a concesión de Ence en Pontevedra. Inquirido por Ciudadanos sobre as “industrias estratéxicas” e “a ría de Pontevedra, onde as concesións xa outorgadas se recurtaron corenta anos”, algo que é incorrecto, o comisario europeo de Mercado Interior, Thierry Breton, vén de contestar que “se, coa fin de reducir ou eliminar progresivamente as actividades prexudiciais para o medio ambiente, é necesario revisar as concesións e ditas revisións respectan as disposicións xurídicas aplicables, iso pode considerarse proporcionado”.

Pregunta dos eurodeputados de Ciudadanos sobre a ría de Pontevedra e resposta do comisario de Mercado Interior CC-BY-SA Praza Pública

Ciudadanos, a través dos seus eurodeputados Susana Solís Pérez e Adrián Vázquez Lázara, este último de familia galega, presentou o pasado 18 de marzo unha pregunta por escrito á Comisión Europea sobre a “situación da sostibilidade económica da ría de Pontevedra ante o Proxecto de Lei de Cambio Climático” que estaba a tramitar o Goberno de España. O proxecto estivo rodeado de polémica porque a súa ambigua redacción podía abrir a porta a anular prórrogas xa aprobadas de concesións en terreos costeiros, o que o PP focalizou como un ataque á prórroga de Ence na ría de Pontevedra que o Goberno de Rajoy lle outorgou en 2016 ata 2078.

A finais de abril aquel texto en tramitación foi corrixido para ratificar que non revogaría concesións xa en vigor, pero a pregunta formulada por Ciudadanos en marzo, cando aínda estaba a debate, dá por feito que na ría de Pontevedra “as concesións xa outorgadas recortáronse corenta anos”, sen indicar a cales se refería.

Ciudadanos deu por feito en marzo que na ría de Pontevedra "as concesións xa outorgadas recortáronse corenta anos", algo que non ocorreu

A pregunta non cita en ningún momento a Ence senón que fala de “risco de peches en sectores industriais e económicos consolidados” e pregunta polas medidas da Comisión Europea “para evitar máis peches de industrias estratéxicas”, sen identificar ningunha xa pechada ou en risco de peche próximo.

A resposta da Comisión Europea, a través do comisario de Mercado Interior, ten data do 13 de xullo, coa Lei de Cambio Climático xa en vigor sen a redacción ambigua do proxecto e sen que mudase nada na situación de Ence, que seguiu pendente, igual que durante a tramitación da lei, do que decidise a Audiencia Nacional sobre a legalidade ou non da súa concesión con amparo nas normas anteriores. E o que finalmente decidiu a Audiencia Nacional o 15 de xullo foi anular a prórroga porque non está xustificado que unha fábrica así teña que ocupar terreos costeiros, que deben ser preservados, sen entrar en consideracións sobre os prazos.

Vista da ría de Pontevedra CC-BY-SA encefora.gal

Na súa resposta uns días antes da resolución xudicial, o comisario comeza dicindo que “non está claro a que ‘industrias estratéxicas’ se refire a pregunta” de Ciudadanos. A continuación relata as políticas de apoio ás empresas da UE e, no parágrafo final da resposta, valora a cuestión das concesións públicas a empresas privadas e os posibles cambios legais nese eido. “En xeral, a Comisión apoia a necesidade de seguridade xurídica, entre outras cousas, como parte dunha contorna empresarial sólida. Non está claro a que concesións se refire a pregunta. Non obstante, se, coa fin de reducir ou eliminar progresivamente as actividades prexudiciais para o medio ambiente, é necesario revisar as concesións e ditas revisións respectan as disposicións xurídicas aplicables, iso pode considerarse proporcionado”, di o comisario.

Por outra banda, hai unhas semanas, noutra resposta a unha pregunta do eurodeputado pontevedrés do PP Francisco Millán Mon, a Comisión Europea xa lembrara que as concesións no litoral non son ilimitadas.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.