O goberno pontevedrés tramita un incidente de nulidade no que alega "indefensión" porque a Audiencia e o Supremo, di, só atenderon un dos cinco argumentos que esgrimiu contra a prórroga, deixando fóra aspectos como a ausencia de competencia ao ditala
Unha vez coñecido, o pasado febreiro, que o Tribunal Supremo avalara a continuidade de Ence na ría de Pontevedra contra o criterio da Audiencia Nacional, que tombara a prórroga concedida á pasteira polo Goberno de Mariano Rajoy en funcións, o Concello pontevedrés xa advertiu de que, en canto a sentenza fose publicada integramente, exploraría "todas as vías" ao seu alcance para non dar o asunto por pechado. Esa publicación chegou a principios de mes e o goberno municipal que encabeza Miguel Anxo Fernández Lores (BNG) xa activou unha desas vías, a de tentar anular o ditame do Supremo.
A Xunta de Goberno Local de Pontevedra recibiu o pasado luns o informe que encargar á súa Asesoría Xurídica sobre a sentenza coa que o Supremo atendeu o recurso de Ence. Unha vez analizado, o Concello mantén a súa interpretación de que o ditame foi "inxusto" e di ver aberta unha vía para continuar litigando. "Imos presentar, logo da súa aprobación en Xunta de Goberno Local, un incidente de nulidade das actuacións", confirmaba a voceira do goberno local, Anabel Gulías.
Entre os motivos que esgrime o Concello pontevedrés para optar por esta vía, salienta Gulías, é que o propio goberno local esgrimiu ata "cinco argumentos" diferentes para recorrer a prórroga na Audiencia Nacional, proceso que gañou. Pero nin a Audiencia "só tomou en conta o primeiro", o relativo ao artigo 32 da lei de costas, que especifica que só poderá autorizarse a ocupación do espazo público do litoral para as actividades que non poidan desenvolverse en ningún outro lugar. "Non entrou no resto de argumentos e o Supremo tampouco o fixo", polo que "os técnicos municipais consideran" que hai un suposto de "indefensión dos intereses da administración municipal".
O Supremo "estimou totalmente" o recurso de Ence e iso "xéranos indefensión", agrega o concello, "xa que non só argumentabamos que a situación da fábrica era un motivo central". Tamén existían outras razóns, "como pode ser a falta de concorrencia pública nesa prórroga", motivo polo cal actualmente o Estado español está sendo investigado pola Unión Europea. Por iso, conclúe a voceira do goberno pontevedrés, "aprobamos presentar un incidente de nulidade" co obxectivo de "paralizar o estimado polo Supremo e volver á Audiencia Nacional para que se xulguen cada un dos argumentos e motivos esgrimidos".
Greenpeace recorre ao Constitucional
O do Concello de Pontevedra non vai ser o único intento de ir alén do aval do Supremo á continuidade de Ence na ría por un total de ata 115 anos. Este mércores outra das partes que recorrera a prórroga e que gañara na Audiencia, Greenpeace, confirmaba a súa intención de interpoñer un recurso de amparo no Tribunal Constitucional "para seguir dando a batalla" por "liberar o Dominio Público Marítimo Terrestre" en Lourizán.
Fano, explican, despois de que os servizos xurídicos da organización ecoloxista analizasen que o Supremo formula na súa sentenza "unha visión moi restritiva da protección" destes terreos públicos na costa, toda vez que "non protexe a esencia" dese dominio público e o carácter "excepcional" da súa ocupación. A doutrina do alto tribunal, consideran, é sinónimo de converter en "inaplicable" o devandito artigo 32 da lei de costas.
Greenpeace, que igual que o Concello recorreu contra a prórroga e gañara na Audiencia, considera que o Supremo fai "unha interpretación incompleta" da protección da costa ao avalar a permanencia da pasteira baseándose unicamente nun informe da Xunta
Que o Supremo se apoie "exclusivamente" no informe favorable sobre a prórroga ditado pola Xunta en 2015 para permitir que Ence siga na ría ata 2073 é "unha interpretación incompleta" porque "a defensa do litoral vai moito máis alá". Debe ter en conta, exemplifican, aspectos como "os efectos da propia ocupación física, a evidente destrución de hábitats" ou o feito de que a permanencia da pasteira nese lugar acabe "producindo uns sistema transitorio dun século de duración, cun impacto potencialmente irreversíbel neses ecosistemas tan delicados", tal e como lembra, sinalan, o voto particular da maxistrada Huet de Sande, discrepante da sentenza.
Para Manoel Santos, coordinador de Greenpeace en Galicia, "todo o que rodea o caso Ence sempre cheirou moi mal". "Dende a súa privatización [completada polo Goberno do PP de Aznar en 2001] pasáronse moitas liñas vermellas, con mudanzas de normativas ad hoc, indignantes portas xiratorias e informes ambientais moi discutíbeis". Todo, agrega, cun "incesante greenwashing e mesmo o esquecemento de condenas por delito ecolóxico continuado" que tamén propician que agora "non poidamos conformarnos con esta sentenza do Supremo", conclúe.