O deputado socialista e un dos líderes do PSdeG, Francisco Caamaño, cre que “a dereita en Galicia ten o seu tempo contado”. O que se postula como líder dos socialistas coruñeses vai “máis aló das enquisas” e considera que “abonda con saír á rúa en días como o Primeiro de Maio para ver que as receitas da dereita están chamadas ao fracaso”. “Tanto as da dereita europea, como as de Rajoy ou como as de ese alumno adiantado que se chama Feijóo”, aclara o ex ministro de Xustiza, que atendeu a Praza tras a manifestación que CCOO e UGT celebraron na Coruña. Respecto á posibilidade de que aspire á secretaría xeral do partido, o ex ministro non pecha portas. "Estou nun proceso provincial e iso é no que estou centrado; nese momento é no que me atopo e sobre el é do que estou disposto e do que podo falar. Cada cousa no seu tempo", di.
"Feijóo dille a Rajoy o que ten que facer e ademais presume de que aquí funciona"
Caamaño insiste en que “o Goberno de Feijóo está a caer en picado”. “Non me preocupa tanto iso como como a desfeita que está facendo nese percorrido cara a abaixo cos servizos públicos e cos maiores de Galicia; temos unha poboación maior e cunha estrutura determinada que está a pagar de maneira moi clara as medidas restritivas de Rajoy”, asegura o ex ministro de Xustiza, que “agardaba” que o presidente do Goberno “defendese os galegos ou mesmo que Feijóo lle pedise unha marxe de manobra para o país polas súas peculiaridades”. “Pero non, é o presidente da Xunta o que lle di o que hai que facer, ademais de presumir de que aquí iso dá resultado; non só o fan, senón que o louvan”, insiste.
Caamaño pide un cambio nas políticas económicas e cre que a posible vitoria de Hollande en Francia debería ser vital “para que a esquerda e a socialdemocracia cheguen a entendementos globais en Europa e en España”. “Se o socialismo gaña no país veciño, irase tupindo un discurso máis denso que irá penetrando na sociedade e nas forzas políticas con ideas básicas como que desta crise se sae crecendo”, asegura o deputado socialista, que insiste en “facer políticas intelixentes, de investimento e de aposta polo futuro”. “Se non podemos pagalo todo xunto, pagarémolo a longo prazo; o que non se pode facer é asfixiar un país e con el as persoas que peor o están a pasar”, engade.
"A dereita utiliza a UE para aplicar as súas políticas neoliberais"
Respecto ás dúbidas que cada vez máis esperta a Unión Europea na sociedade, Francisco Caamaño cre que “o problema non é a UE, senón quen a goberna”, aínda que recoñece que “algunhas pezas habería que tocar”. “A dereita utiliza a Unión como instrumento para facer políticas neoliberais, de deterioro dos estados e de diminución dos servizos públicos dos estados”, resume. “É certo que precisamos eurobonos, unha política financeira distinta que defenda o euro e que o Banco de Investimentos Europeo invista de verdade e faga políticas de apoio e crecemento, sobre todo no sur”, recomenda o deputado, que tamén cre que o BCE debe “traballar de xeito distinto, non só pensando nos intereses de Alemaña, porque Europa non é só Alemaña”. “Por todo isto, é importatne que as forzas de esquerdas estean presentes no Parlamento Europeo e que decidan como tales no Consello”, remata.