Socialistas e nacionalistas apostan por abrir unha nova etapa na Deputación, “se non como sociedade imos cara a un suicidio”, di o portavoz do BNG
“Chuminadas” para o PP e “mordidas” para o PSdeG. Esa foi a conclusión dispar que este venres tiraron os portavoces popular e socialista na Deputación de Ourense do pleno urxente convocado a petición dos segundos para que o presidente provincial, José Manuel Baltar, respondese ás súas novas acusacións de presunta corrupción a través do seu irmán. Baltar limitouse a presidir o pleno sen responder, como adoita, e o seu portavoz evitou entrar no detalle das acusacións socialistas e concluíu que “a cidadanía avalou” ao PP nas eleccións do pasado domingo.
A eses mesmos resultados electorais, nos que o PP non foi quen de obter a maioría absoluta na Deputación, remitíronse tamén socialistas e nacionalistas ao apostar por abrir unha nova etapa na institución, “se non como sociedade imos cara a un suicidio”, dixo o portavoz do BNG.

O pleno convocado polos socialistas centrouno o seu portavoz, Rafael Rodríguez Villarino, en pedir explicacións polas gravacións e mensaxes desveladas na xornada de reflexión do pasado sábado por Público nas que supostamente José Luis Baltar Blanco, irmán do presidente da Deputación, recoñecería o financiamento ilegal do partido a través de comisións nas que el actuaría como intermediario.
Villarino vinculou ese suposto cobro de comisións a adxudicatarias da Deputación cos contratos menores ou a dedo que outorga esa administración, máis do 80% do total cada ano de xeito reiterado. E deu os nomes das cinco principais empresas receptoras deses contratos: Construcciones y Almacenes Manuel Viso, Coviastec, Camiños de Ourense, Explotacións Medioambientais e Construcciones y Promociones Cruzval.
No pleno Villarino tamén dixo, amosando unha fotografía do radar, que nunha das multas por exceso de velocidade a un coche oficial da Deputación nas que esta non identificou o condutor quen ía de copiloto do vehículo era o propio Baltar.
Baltar non interveu no debate e o portavoz popular dixo que "a confianza da veciñanza é o máis importante, o resto son tristes derivadas dunha campaña da oposición"
Baltar non interveu en ningún momento do debate así que foi o portavoz do grupo do PP, Plácido Álvarez Dobaño, quen respondeu ás acusacións socialistas cualificándoas en varias ocasións como “chuminadas”. “O PP e a Deputación somos completamente alleos ás supostas conversas”, dixo, que cualificou como “barullo mediático” feito público “en plena xornada de reflexión co evidente propósito de influír na opinión pública a través de feitos supostamente narrados por terceiras persoas”.
Para o popular, “a cidadanía avalou” ao PP “referendando unha nova rotunda vitoria” nas urnas con 72.000 votos na provincia de Ourense, “máis que a suma de PSOE e BNG”. “A confianza dos veciños e veciñas é o máis importante, o resto son tristes derivadas dunha campaña da oposición”, dixo, e rexeitou “a máis mínima insinuación de irregularidades”. O portavoz do PP tamén dixo que “os equipos xurídicos do PP de Ourense e desta Deputación estudan as responsabilidades legais e presentación de medidas e accións legais corrrespondentes”.

Fronte a esas respostas do PP, socialistas e nacionalistas coincidiron en apostar por unha nova etapa na Deputación neste novo mandato no que os populares non foron quen de obter maioría absoluta. O portavoz do BNG, Bernardo Varela, asegurou que nin el nin a súa formación tiveron nada que ver coas gravacións porque “o BNG non ten capacidade para estas cousas”.
“A condena política é clara”, dixo o nacionalista, e respaldou a moción de crítica a Baltar presentada polos socialistas que non prosperou polo voto maioritario do PP. Pero preferiu centrarse no futuro e amosar a súa esperanza en que “poidamos mudar entre todos e todas estas formas de facer, senón como sociedade imos cara a un suicidio”.
E na mesma liña pronunciouse o socialista Villarino. “Hai que tentar que estes mandatos pasen á historia, que non existan nunca máis”, dixo, ao tempo que salientou que este xoves o presidente Rueda evitou confirmar a Baltar como candidato á Deputación.