Fontes socialistas non ocultan a súa satisfacción polo plus de dedicación que Caballero prometeu e está a executar xa desde a precampaña
Salta á vista. Abel Caballero quere que Besteiro sexa o próximo presidente da Xunta e está a traballar para iso. Que un alcalde socialista apoie o candidato do seu partido á presidencia da Xunta e mobilice os seus recursos non debería ser rechamante. Mais no caso de Caballero si que o é porque non o fixera antes. Polo menos non na mesma medida.
Baixo o paraugas do municipalismo e o “débome só a Vigo” o alcalde máis localista “do mundo” non sentiu a necesidade de mollarse máis da conta por ningún candidato ao goberno autonómico. Non o fixo co seu sobriño, Gonzalo Caballero.
Abel Caballero leva 17 anos como alcalde de Vigo e goberna cunha maioría absolutísima e 82.000 votos que lle dan máis poder real ca calquera cargo orgánico que puidese rexentar.
Fontes socialistas non ocultan a súa satisfacción polo plus de dedicación que Caballero prometeu e está a executar xa desde a precampaña. Calquera acto, mesmo o petisco de Nadal da agrupación socialista viguesa, é bo momento para amosar o apoio ao candidato.
“Está absolutamente entregado coa campaña de Besteiro e nós moi agradecidos porque accede a todo chamamento que facemos”, aseguran desde o PSdeG. Agradecidos e tamén sorprendidos –explican outras fontes- porque non é doado sacar a Caballero de Vigo e que percorra Galicia a prol doutro candidato. Mais con Besteiro si. E o 16 de decembro non dubidou en presidir a convención política dos socialistas galegos en Santiago. “A convención que vai elaborar un programa, un proxecto e unhas resolucións que son as que se van a aplicar a partir do próximo ano desde a Xunta de Galicia presidida por Besteiro”, arengaba entón. Logo tamén estivo nunha xornada na Coruña. E as que virán…
Cal pode ser o motivo para este cambio de proceder? Á marxe de contraprestacións concretas que puideran ter pactado, o feito é que tal e como di abertamente o rexedor, cun goberno encabezado por socialistas podería rematar de vez “o maltrato histórico da Xunta a Vigo”, que Caballero cifraba nunha débeda de 2.700 millóns desde a chegada de Feijóo en 2009.
Sexa por ese sentimento de empatía ou solidariedade no sufrimento, ou por puro e lexítimo egoísmo, o alcalde de Vigo está a poñer toda a carne ao espeto para situar o 'renacido' en San Caetano
Non obstante, tamén poderían ter acabado con esa discriminación Leiceaga ou mesmo Gonzalo Caballero. Pero nesta ocasión o alcalde de Vigo cre nas posibilidades de vitoria de Besteiro. “Cre no proxecto e tamén hai boa sintonía persoal entre eles”, explican fontes próximas ao candidato.
Existe unha boa relación entre ambos que xa vén desde anos atrás cando Besteiro percorría unha exitosa carreira política no PSdeG como presidente da Deputación de Lugo e secretario xeral do partido. Logo chegaría a imputación e o exilio político, PP mediante.
Caballero ten dito que a Besteiro o afastaron por medo de que realmente daquela gañase. E hoxe, sexa por ese sentimento de empatía ou solidariedade no sufrimento, ou por puro e lexítimo egoísmo, o alcalde de Vigo está a poñer toda a carne ao espeto para situar o renacido en San Caetano e completar así unha rede de poder e beneficio mutuo desde o Goberno do Estado ata a Xunta, pasando por Vigo, claro.
O feito de que Feijóo, o seu gran rival, xa non estea á fronte do Goberno galego pode ter axudado na súa decisión. Caballero non conta con que Rueda acade os resultados do seu antecesor
Para a candidatura de Besteiro, pola súa banda, contar con Caballero é un plus diario. Mais o realmente interesante sería que o 18 de febreiro teña callado esa mensaxe de apoio para mobilizar os seus votantes a favor do de Lugo.
Os votos de Vigo
Máis de 82.000 persoas votaron a Caballero en Vigo nas municipais de 2023. 19 concellarías de 27 posibles. Xa foran 101.000 votos e 20 actas catro anos antes. O PSOE arrasa en Vigo nas locais. Non é novidade. E tamén gaña nas xerais: 63.500 votos para Pedro Sánchez en xullo. Mais non é o caso das autonómicas, onde o PP foi a primeira forza en 2020, con 44.107 votos, e os socialistas quedaron en segundo posto por menos de 1.000 votos (acadaron 43.361).
Hai, polo tanto, preto de 40.000 persoas en Vigo que votan a Caballero nas locais mais non apoian o partido nas autonómicas. E, agora si, quere que os seus votantes impulsen outro candidato porque “desta vai”, segundo reza un dos lemas da campaña. O feito de que Feijóo, o seu gran rival, xa non estea á fronte do Goberno galego pode ter axudado na súa decisión. Caballero non conta con que Rueda acade os resultados do seu antecesor e situar a Besteiro na Xunta suporía un cambio de trato radical con Vigo, aínda que tamén a fin do relato do agravio que tan bos réditos electorais lle deu.
O candidato tamén ten que poñer da súa parte para darse a coñecer e non hai maior foco –literal- de atención mediática que o acendido das luces de Nadal de Vigo, en novembro. Este ano alí non faltou José Ramón Gómez Besteiro.
Desde a proclamación do candidato o 18 de outubro, aos poucos, Abel Caballero foi incrementando a frecuencia dos seus apoios públicos a Besteiro. Basta poñer un ollo nas redes sociais para percibir que desde o 19 de xaneiro, a un mes vista dos comicios, a maquinaria comezou a rodar con máis intensidade e as mensaxes de apoio con ou sen acto organizado por medio, xa son diarias. E o que queda.