A vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño, presentou a Gómez Besteiro como “o próximo presidente da Xunta” porque, dixo, “Galicia merece máis”
A vicepresidenta primeira do Goberno, Nadia Calviño, presentou a José Ramón Gómez Besteiro como “o próximo presidente da Xunta” porque, dixo, “Galicia merece máis”. E sinalou que o candidato socialista representa aos “líderes cunha visión clara do que queren para a súa terra” e están dispostos a “remangarse e traballar duro, cooperando lealmente para un obxectivo común”.
Calviño acompañou está mañá a Besteiro na xornada 'Galicia, Horizonte 2030. Preparando o cambio' en Santiago de Compostela, na que tamén participaron Valentín Formoso, Abel Caballero, Inés Rey, Lara Méndez e Alberto Varela, entre outros dirixentes socialistas.
Gómez Besteiro: “Aquí está o Partido Socialista de Galicia, máis unido ca nunca, deseñando o cambio no noso país”
Apuntou que Gómez Besteiro forma parte “dese grupo de persoas honestas, sinceras, boas de verdade”, e que ten demostrado na súa traxectoria que pode situar a Galicia “á cabeza dos cambios” de futuro. Defendeu un proxecto que sitúe a Comunidade Autónoma “liderando as oportunidades, atraendo talento con oportunidades de bo traballo e bos salarios”, que a sitúe á cabeza do desenvolvemento de España e Europa.
Pola súa banda, o candidato do PSdeG a presidir a Xunta de Galicia destacou a unidade nas filas socialistas. “Aquí está o Partido Socialista de Galicia, máis unido ca nunca, deseñando o cambio no noso país” e puxo en valor a capacidade de xestión dos mandatarios que lle acompañaban no escenario: “Hoxe hai aquí máis política real e máis xestión útil para Galicia que en San Caetano nos últimos 14 anos”porque, remarcou, “gobernar é transformar, non administrar unha herdanza”.
Besteiro denunciou que a dereita escolle o ruído e a confrontación para tapar a súa incapacidade para captar recursos “e ni tan sequera é capaz de executar os que lle veñen dados”. Isto, explicou, ten coma resultado “unha Galicia que vai a menos no económico, no social, no demográfico, no medioambiental...”. Hoxe, destacou, “temos claras dúas cousas: que a Xunta non pelexa por Galicia e que sufrimos un presidente que só aspira a ser o herdeiro”.
O deputado referiuse na súa intervención á Lei de Xestión do Litoral, “un problema creado polo Partido Popular que os socialistas galegos solucionaremos cando cheguemos á Presidencia da Xunta e coa garantía do importante: a seguridade xurídica da cadea mar-industria porque non se pode xogar co pan de 25.000 fogares como está a facer o PP”.
Besteiro falou de infraestruturas: “imos seguir camiñando cara á gratuidade da AP9 como está a pasar cos trens en Galicia”. Neste senso, sinalou que a próxima chegada dos AVRIL “é grazas aos socialistas” e apuntou o modelo de país que defende o PSdeG: “Industria con futuro que coide e respecte o territorio, que cree emprego de calidade, que sexa diferencial e competitiva dentro dun escenario de cambio climático”.
Besteiro defendeu a necesidade de cambio, pero “un cambio valente e coherente no que se recoñezan a maioría das e dos galegos”. E para trasladarlle a toda a cidadanía todas estas propostas, anunciou que “é o momento de convocar nas próximas semanas a Conferencia Política que este país precisa”.